As arpistas máis novas de Galicia abren mañá, 8 de agosto, a 11ª edición do Noia Harp Fest

O Liceo de Noia acollerá desde as 10.30 horas o III Encontro das Escolas de Arpa de Galicia, que contará coa participación do alumnado de cinco centros,e que culminará cun concerto colectivo a partir das 13.30 horas

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia ofrecerá, até o sábado 10 de agosto, diversos concertos de música clásica, folk, experimental e jazz en seis escenarios diferentes da localidade coruñesa



O coñecido como Noia Harp Fest, o único evento do noroeste peninsular dedicado á interpretación musical a través da arpa, comeza este xoves, 8 de agosto, a súa 11ª edición. O evento arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos). 

Así, un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos, acompañados por membros da Asociación Noia Harp Fest, desde as 10.30 horas da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común. O acceso á dita actuación será de balde para o público

Xa en horario de tarde, as dúas ducias de estudantes de arpa de Galicia que participarán neste III Encontro poderán gozar dunha sesión de navegación en embarcacións tradicionais e convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes.

Finalmente, a xornada inaugural deste 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia pecharase ás 20.00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, que se celebra por vez primeira a ceo aberto na Rúa do Curro -que se estrea, á vez, como sede do evento-. Na folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final chegará da man da banda do NHF.

NOIA HARP FEST

O Noia Harp Fest celebra a súa 11ª edición do 8 do ao 10 de agosto. Trátase  do único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, ademais do talento local, forman parte dun cartel ateigado de talento e pluralidade estilística

O Noia Harp Fest, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, ten neste 2024 seis escenarios: a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. Toda a información sobre as bandas, solistas e horarios dos concertos pódese consultar en www.noiaharpfest.gal

AXENDA NHF | 8 DE AGOSTO

10.30h – Liceo de Noia | Inicio do III Encontro das Escolas de Arpa de Galicia. 

13.30h – Liceo de Noia | Concerto colectivo do alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.

20.00h – Rúa do Curro | Foliada de benvida ao 11º Noia Harp Fest.

20240807-NHF-Axenda-xoves-8

A hostalería coruñesa preparará pratos en homenaxe ao mundo do cómic durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024

Viñetas Ñam! é unha nova iniciativa no marco da celebración da 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña: un minifestival gastronómico que se desenvolverá do 12 ao 18 de agosto en diferentes locais da cidade, con propostas gastronómicas que farán as delicias dos fans da BD que buscan unha experiencia completa durante o festival

A Cervezoteca Malte preparará dúas receitas para a ocasión, inspiradas no ‘Corto Maltés’, todo un mito literario do século XX creado polo historietista italiano Hugo Pratt: ‘Pastizzi’, un dos pratos máis típicos da gastronomía de Malta, en Malte Atochas; e ‘Kokoda’, polo primeiro título da serie, Balada do mar salgado, en Malte Galera

Mentres, na praza de España, a Pulpeira de Melide ofrecerá as ‘Irmás Gilda’: unha banderilla de vieira mariñada e encurtidos, aderezada cunha vinagreta de algas, en recordo das populares Leovigilda e Hermenegilda, do autor español Vázquez

‘13, Rue del Percebe’ será a historieta na que se inspirará La Marina by María para idear a súa primeira proposta gastronómica, un orixinal paté de percebe, en honor a Francisco Ibáñez; como segunda opción, o local da ruela da Estacada homenaxeará a Marvel para propoñer o seu particular ‘Doutor Octopus’, que a propia María presenta así: “Spider-Man vence ao seu antagonista e déixao feito un auténtico paté de mar” 

Pola súa banda, a tradicional Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico, situada nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, contará cun stand gastronómico, LOBO, no que o público poderá degustar diferentes bocadillos inspirados en afamadas historietas e unha selección de hamburguesas gourmet dedicadas a personaxes do cómic americano (entre elas, unha en homenaxe a Lobo, o antiheroe creado por Roger Slifer e Keith Giffen para DC Cómics), ademais de cafés e bebidas, en horario de 11.00 a 21.30 horas

A hostalería coruñesa preparará pratos en homenaxe ao mundo do cómic durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024. Viñetas Ñam! é unha nova —e innovadora— iniciativa no marco da celebración da 27ª edición deste Salón Internacional do Cómic da Coruña: un minifestival gastronómico que se desenvolverá do 12 ao 18 de agosto en diferentes locais da cidade, con propostas gastronómicas que farán as delicias dos fans da BD que buscan unha experiencia completa durante o festival.

A Cervezoteca Malte preparará dúas receitas para a ocasión, inspiradas no ‘Corto Maltés’, todo un mito literario do século XX creado polo historietista italiano Hugo Pratt: ‘Pastizzi’, un dos pratos máis típicos da gastronomía de Malta, en Malte Atochas; e ‘⁠Kokoda’, polo primeiro título da serie, Balada do mar salgado, en Malte Galera.

Mentres, na praza de España, a Pulpeira de Melide ofrecerá as ‘Irmás Gilda’: unha banderilla de vieira mariñada e encurtidos, aderezada cunha vinagreta de algas, en recordo das populares Leovigilda e Hermenegilda, do autor español Vázquez. Finalmente, ‘13, Rue del Percebe’ será a historieta na que se inspirará La Marina by María para idear a súa primeira proposta gastronómica, un orixinal paté de percebe, en honor a Francisco Ibáñez; como segunda opción, o local da ruela da Estacada homenaxeará a Marvel para propoñer o seu particular ‘Doutor Octopus’, que a propia María presenta así: “Spider-Man vence ao seu antagonista e déixao feito un auténtico paté de mar”.

Pola súa banda, a tradicional Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico, situada nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, contará cun stand gastronómico, LOBO, no que o público poderá degustar diferentes bocadillos inspirados en afamadas historietas e unha selección de hamburguesas gourmet dedicadas a personaxes do cómic americano (entre elas, unha en homenaxe a Lobo, o antiheroe creado por Roger Slifer e Keith Giffen para DC Cómics), ademais de cafés e bebidas, en horario de 11.00 a 21.30 horas. 

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades. 

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

Como novidade, o programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.

Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves. Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.

MÁIS INFORMACIÓN 

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com

2024.08.06.NP-Vinetas-Nam

O Noia Harp Fest comeza este xoves, 8 de agosto, coa arpa coma protagonista absoluta

O Noia Harp Fest, o único festival do noroeste peninsular no que a arpa é protagonista absoluta, celebrarase do 8 ao 10 de agosto

A 11ª edición do evento musical conta no seu cartel con figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk, mais tamén co alumnado das escolas de arpa de Galicia

A música clásica, folk, experimental, rock e jazz farán vibrar á localidade coruñesa con directos en seis escenarios: Liceo de Noia, Claustro de San Francisco, Igrexa Museo de Santa María A Nova, Rúa do Curro, Teatro Coliseo Noela e Praza do Tapal

O acceso aos oito concertos que se celebrarán ao longo destas tres tornadas será libre ata completar a capacidade dos recintos.


O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrará a súa 11ª edición do 8 ao 10 de agosto. O único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa regresa á localidade coruñesa para ofrecer, un verán máis, tres xornadas ateigadas de talento, música e pluralidade estilística nas que o protagonista absoluta será, de novo, dito instrumento.

A interpretación a través da arpa será o fito que reúna en Noia, este mes de agosto, a bandas e solistas chegadas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania, que se amosarán a súa notable calidade artística en eidos como a música clásica, o folk ou mesmo o jazz. Figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk serán parte dun cartel que, como é habitual, tamén integrará artistas e colectivos galegos.  

O Noia Harp Fest, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, este ano contará con máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do evento, á fin de poder ofrecer desde concertos íntimos até propostas máis amplas. Deste xeito, os directos terán lugar nas xa habituais Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal; e ás que se unen, nesta ocasión, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. A programación desenvolverase cada xornada en dous recintos diferentes, á fin de espallar a proposta musical pola localidade e, como vén sendo habitual no evento, a entrada de todos os directos será de balde. 

O 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do  Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos). Un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos desde primeira hora da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común. 

Xa en horario de tarde, o alumnado galego de arpa poderá gozar dunha sesión de convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes. A xornada inaugural pecharase ás 20.00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na Rúa do Curro, que se estrea como sede do festival. Nesta folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final virá da man da banda do NHF

A segunda xornada do 11º NHF transitará polas músicas de raíz. A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta e cuxos vídeos contan con millóns de visualizacións na plataforma Youtube, ofrecerá un recital ás 19.00 horas do venres 9 en Santa María A Nova, nunha cita na que se poderán escoitar temas dos seus álbums en solitario. Pola noite a programación terá lugar no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laúde; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que achegará un dos directos máis esperados deste NHF. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e darán a coñecer o seu álbum máis recente, élan (2023), un traballo no que presentan unha animada mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.  

A terceira e última xornada desta edición chegará o sábado 10 de agosto, día no que a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do evento. Será un concerto íntimo no que o público poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha intérprete que, ademais de ter actuado con diversas orquestas nas principais salas europeas, ten colaborado con artistas internacionais como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. 

Xa pola noite, a partir das 21.00h, a emblemática Praza do Tapal acollerá directos marcados pola experimentación. O trío Descofar, que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”, presentará o seu LP Chimera, no que mestura composicións orixinais, temas tradicionais e cultura rock. A banda transita da disonancia ao lirismo e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, polo que o movemento estará garantido. O peche e punto álxido da celebración chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, a kora, o violín, o violonchelo, a percusión e voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular, a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.




PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS * DO 11º NOIA HARP FEST

8 DE AGOSTO

10.30h – Liceo de Noia | Inicio do III Encontro das Escolas de Arpa (Galicia)

13.30h – Liceo de Noia | Actuación do alumnado das Escolas de Arpa (Galicia)

20.00h – Rúa do Curro | Foliada de benvida ao Noia Harp Fest (Galicia)

9 DE AGOSTO

19.00h – Santa María A Nova | Nadia Birkenstock (Alemaña) 

21.00h – Teatro Coliseo Noela | Solomiia Savchuk (Ucraína)

22.00h – Teatro Coliseo Noela | Rachel Hair & Ron Jappy (Escocia)

10 DE AGOSTO

19.00h – Claustro de San Francisco | Camille Levecque (Francia)

21.00h – Praza do Tapal | Descofar (Bretaña)

22.00h – Praza do Tapal | Momi Maiga (Senegal)


* Todos os concertos do Noia Harp Fest son de balde e de acceso libre ata completar capacidade.

Mais información: www.noiaharpfest.gal

20240805-NHF-Previa-GAL

O Salón Teatro do CDG de Santiago de Compostela acolle este sábado a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Ana Cotoré

No marco da oitava edición das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora, bailarina, intérprete e pedagoga está a traballar en Compostela desde o pasado 15 de xullo no seu proxecto ‘No necesito un nombre para ser mascota’, coa saúde mental como foco de atención

Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, Ana Cotoré ofrecerá este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, con entrada libre, unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Salón Teatro do Centro Dramático Galego

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado 15 de xullo, a artista Ana Cotoré iniciaba a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en torno á proposta da creadora que ten por título No necesito un nombre para ser mascota, unha investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza, que parte dunha experiencia autobiográfica para poñer o foco de atención na problemática da saúde mental.

Agora, este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, Ana Cotoré ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar, tamén, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

SOBRE O PROXECTO

No necesito un nombre para ser mascota é un proxecto no que Ana Cotoré aborda os conceptos de domesticación e cansazo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención. Esta investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza vén acompañada do iluminador Victor Longás e conta coa mirada externa de Álvaro Murillo.

No necesito un nombre para ser mascota parte dunha experiencia autobiográfica para desenvolver unha proposta escénica na que conectar con todo aquilo que nos fai reestruturarnos cando algo externo irrompe e provócanos un derrubamento vital.

SOBRE A ARTISTA

Ana Cotoré é bailarina, intérprete, creadora e pedagoga nada en Zaragoza. É licenciada en Psicología e graduada en Educación Social, disciplinas que influíron profundamente na súa investigación do movemento e na súa traxectoria artística.

Como bailarina, actriz e intérprete, actualmente traballa en Madrid con Marina Otero na obra Kill Me, e participou no elenco da Compañía Matarile Teatro nas obras Daimon y la jodida lógica e en Inloca. Desde 2017 traballa coa Compagnia Movimento Danza de Gabriella Stazio (Nápoles, Italia). Participou, tamén, en diferentes proxectos de danza-teatro, un deles coa compañía Connecting Fingers Company. Cotoré adoita colaborar na creación e supervisión coreográfica para traballos doutros profesionais das artes escénicas e recentemente traballou como coreógrafa e na película documental When I Dance (Berlín, Alemaña).

Como autora e creadora das súas propias pezas participou en diferentes festivais en España e no estranxeiro coas pezas Réquiem por un cuerpo I, Réquiem por un cuerpo II, Takotsubo e Stage Diving, entre outras, tanto en salas como en espazos non convencionais. 

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.colectivorpm.gal/

2024.08.02.-NP-Mostra-Residencia-Paraiso-Ana-Cotore