Este 14 de febreiro chega o primeiro disco do colectivo sonoro e visual, un traballo conformado por dez creacións que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas

o álbum debut do colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional, xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Dez temas ‘cuquis’, ateigados de son pop, naive e sensíbel con picos de baile nos que resaca emocional, cuxa banda musical conforman Ash Diz, Berto, Brais Iriarte e Lorena Cachito, explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.


resaca emocional aborda en de amor, desde a vulnerabilidade e a intimidade, o querer, os afectos e os coidados. Faino desde un espazo atravesado polas diversidades no que se representan os diferentes tipos de amor desde unha ollada naif, linda e cálida, sempre apoiado por unha sonoridade pop envolvente e característica, unha produción meticulosa e todo un universo audiovisual que acompaña o seu relato. Ao cabo, o disco é unha pata máis do propio proxecto: resaca emocional é un colectivo que se constrúe desde os coidados, poñendo en valor o traballo, inquedanzas e inspiracións de cada integrante ao  traballar de forma colaborativa na creación de pezas musicais, audiovisuais e de deseño gráfico. É xogo, creatividade sen fronteiras e búsqueda deliberada de inocencia. RSK achega as súas ansias de amosar o máis puro que nos poida ofrecer, de non poñerse límites e de entenderse coma unha exploración continúa. Un discurso que o colectivo presenta en forma de dez himnos bailables que gardar no corazón.

Así, de amor (editado polo selo Tremendo Audiovisual e distribuído por Altafonte) parte do nacemento dunha relación afectiva, como é o caso do de  sae o sol -o tema de apertura do disco-; e avanza con luminosidade pola intensidade inicial con a fin do mundo ou ondas sonoras de xúpiter (24/7) -peza na que colabora Juana-, mentres que con mario crush explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; para dar paso a xogar contigo, cupido, a frecha ou bolboretas, que reflicte a tensión entre o desexo contido e a catarse; ata incluso abordar o medo, as inquedanzas ou a perda, como é o caso de trapecista emocional e o único medo que teño, temas que pechan do álbum. Dez cancións de pop electrónico -acompañadas doutras tantas pezas visuais de Zeltia Iglesias- que, desde a vulnerabilidade e a intimidade, afondan con honestidade no universo emocional dunha xeración nova con todo por explorar.  

Lista de cancións de de amor

  1. sae o sol
  2. a fin do mundo
  3. ondas sonoras de xúpiter (24/7) -con Juana-
  4. mario crush
  5. xogar contigo
  6. cupido
  7. a frecha
  8. bolboretas
  9. trapecista emocional
  10. o único medo que teño


Escoita de amor en https://links.altafonte.com/deamor-resacaemocional

Que é resaca emocional?

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde. 

  • Ash Diz: composición, voz, percusión tradicional, teclado, vídeo.
  • Berto Mira: composición, voz, guitarra, produción musical. 
  • Brais Iriarte: baixo, guitarra, voces en directo.
  • Diana Montserrat: danza.
  • Gala Rodriguez: escenografía, vídeo, foto.
  • Lorena Cachito: percusión, voces en directo. 
  • Noelia Mato: danza.
  • Rocio Campoy: debuxo, maquillaxe.
  • Zeltia Iglesias: deseño do logo, cartelería e tipografía.


Escoita ‘de amor’: dispoñible desde o 14.02.25

resaca emocional ao vivovídeo desde La Luthería