Elefante Elegante presenta ‘Kyoky’ en Xixón dentro da programación de FETEN 2024

É a primeira vez que a compañía de Culleredo participa en FETEN, a veterana feira de artes escénicas para público infantil que este ano celebra a súa 33ª edición

‘Kyoki’ poderá verse en sesión dobre o xoves 29 de febreiro no Centro de Cultura Antiguo Instituto ás 16.30 e ás 18.30 horas

A compañía Elefante Elegante está a ultimar os detalles antes de presentar en Xixón o seu espectáculo Kyoki o vindeiro xoves 29 de febreiro. A peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro forma parte da programación de FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que está a desenvolver a súa 33ª edición ata o 1 de marzo na cidade asturiana. O público poderá gozar de Kyoki en dúas funcións no Centro de Cultura Antiguo Instituto, ás 16.30 e ás 18.30 horas, este xoves 29.

O equipo de Elefante Elegante desprázase a Asturias logo de se coñecer que optan a varios galardóns na vindeira celebración dos Premios María Casares polo seu labor en Un hotel de primeira sobre o río, unha produción do Centro Dramático Galego (CDG). Así, María Torres e Gonçalo Guerreiro optan ao premio á mellor dirección de movemento, Carolina Díguele ao de vestiario e Guerreiro tamén está entre aos candidatos ao premio polo espazo escénico.

UNHA OLLADA LÍRICA

O alzhéimer desde unha perspectiva poética e cómplice é o fío condutor de Kyoki, unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria; unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade. Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Kyoki-palabra que significa “demencia” en xaponés- é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. Trátase dun espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes -a avoa, a súa filla e unha doutora-, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.

20240227-NP-KYOKI-Funcions-FETEN-2024

DOSSIER PRENSA

Kyoki_dossier-prensa

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: TOXO

Algunhas marionetas, pobre delas, crense con vida propia, inconscientes da súa insignificancia.

Existen individuos que comparten esa característica, son como bonecos desleigados amosando toda a súa estupidez mentres ondean oufanos un trapo alleo e imposto, válido unicamente para esparexer odio e necidade -en perigosa mestura-.

Son os idiotas desenraizados, alimentando a deturpación da palabra, que se cren moderados pero só saben bourear, que cren razoar pero só esbardallan. Expertos en ditar sentencia, ceiban a súa mediocridade nun espectáculo lamentable de incultura continuamente exhibida. Ancorados nun ruín desprezo polos que si entendemos outra forma de construír país, de sentirnos pobo.

Ante os domados e submisos, ante a súa repugnante negación, sostense o noso puño ergueito, leal, honesto. Ante a súa traizón, a nosa teima na boca que non cala, na saliva íntima dunha verdade fonda, de noso, que aínda soña con florear, como hoxe florea o toxo entre o desapego á terra dos imbéciles e escuros.

Colectivo Glovo de Lugo abre a convocatoria de “ATOPÉMONOS BAILANDO” 2024

3ª CONVOCATORIA DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS E DE INVESTIGACIÓN “ATOPÉMONOS BAILANDO” PARA PROFESIONAIS DE GALICIA, RESTO DE ESPAÑA E PORTUGAL

Colectivo Glovo en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Lingua do Concello de Lugo, e o apoio da Agadic – Xunta de Galicia presenta as bases da terceira convocatoria de residencias artísticas e de investigación “ATOPÉMONOS BAILANDO” para profesionais de danza e artes do movemento. 

Obxecto da convocatoria

Chámase a profesionais de danza e artes do movemento con sede en España e/o Portugal a presentar os seus proxectos para a  realización de 8 residencias artísticas e/o de investigación (exclúense residencias técnicas) para ser realizadas entre os meses de abril a novembro de 2024 (cinco delas en Lugo, Galicia, e tres en réxime de intercambio con estruturas de Portugal e Costa Rica).

O programa de residencias artísticas e de investigación “ATOPÉMONOS  BAILANDO” 2024 posibilita tamén o intercambio de tres das residencias seleccionadas a través da presente convocatoria con outros tres programas de residencias internacionais.

Estes intercambios son froito das colaboracións entre as Residencias AB de Lugo con entidades de Portugal e Costa Rica.

Período de solicitude

Do 23 de febreiro ao 10 de marzo de 2024 (ata as 23.59h CET)

Período de realización das residencias

Do 1 de abril ao 30 de novembro de 2024

Duración das residencias

Residencias en Lugo: entre 5 e 10 días (abril – novembro 2024)

Residencia en intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza: 15 días (outubro – novembro 2024)

Residencia en intercambio con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins – Chaves: 7 días (abril – novembro 2024)

Residencia en intercambio con Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada: 7 días (27 setembro – 5 outubro 2024)

Tipoloxía das residencias

Residencias de investigación ou creación de profesionais individuais ou equipos que fundamenten o seu traballo artístico ao redor do movemento e o corpo.

 

Espazos destinados ás residencias

-Museo MIHL de Lugo

-Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins – Chaves – Portugal

-32.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival – Almada – Portugal

-Taller Nacional de Danza de Costa Rica 

Compromisos xerais do artista

-Realizar a residencia no período acordado por ambas as partes

-Asina do contrato antes do inicio da residencia

-Realizar unha actividade de mediación: sesión aberta da residencia para a comunidade local e/o comunidade artística do territorio ou realizar un obradoiro (a definir pola solicitante)

-Realizar unha memoria descritiva da residencia (máximo 5 páxinas) e entrega nun prazo máximo de 15 días desde a finalización da residencia

-Autorizar o rexistro en vídeo e foto da residencia

-Incorporar os logotipos de ATOPÉMONOS BAILANDO na documentación que xere o proxecto, así como compartir e etiquetar en redes sociais aos mesmos. As residencias en intercambio engadirán ademais os logotipos das estruturas que os acollen no país anfitrión

-Respectar as instalacións e a contorna

Compromisos dos artista (selección Costa Rica)

-Para concorrer á selección do intercambio coa entidade de Costa Rica é imprescindible ter dispoñible un máximo de 2 semanas consecutivas entre os meses de outubro e novembro de 2024, ademais de cumprir coas bases xerais

Compromisos do artista (selección Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada)

-Para concorrer á selección do intercambio coa entidade de Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada é imprescindible ter dispoñible do 27 de setembro ao 5 de outubro de 2024, ademais de cumprir coas bases xerais

Para o intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza Costa Rica 

-Proporcionaranse e xestionarán os billetes de avión a Costa Rica, ademais dos seus traslados, aloxamentos e manutención, durante toda a residencia (2 semanas)

Para os intercambios con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins e 32.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival

-Proporcionaranse e xestionarán os traslados a Portugal, ademais dos seus aloxamentos e manutención, durante toda a residencia, así como diferentes encontros con profesionais e programadores do sector

Achega da entidade a través da convocatoria

-Rexistro audiovisual da residencia

-Remuneración: Entre 700€ e 2000€ (IVE incluído) por residencia. Realizarase o pago nun prazo máximo de 30 días contando desde a entrega da memoria e a factura correspondente ao final do período de residencia.

Todos os gastos das residencias correrán a cargo do solicitante, exceptuando as condicións específicas dos intercambios.

 

Documentación a achegar

1. Dossier descritivo dos obxectivos da residencia, metodoloxía, contidos e links a traballos   anteriores (máximo 5 páxinas)

2. Duración da residencia e estrutura do traballo a desenvolver e proposta de actividade de mediación  (contidos, público destinatario e duración, máximo 2 páxinas)

3. Currículo do equipo artístico do proxecto (máximo 1 páxina por artista)

4. Datos completos da residencia fiscal do solicitante, relación de DNI dxs participantes  na residencia e rol no proxecto

5. Deberá especificar claramente se está intersad@ no intercambio con Costa Rica e con Portugal ou se soamente participa para a súa residencia en Lugo

Toda a documentación achegarase a través do seguinte formulario https://forms.gle/viVcFf2Zo5j4t2st7

Poderá ser enviado en galego, castelán, portugués ou inglés.

Valoración e resolución da convocatoria

Nomearase unha comisión de valoración de proxectos formada por profesionais do sector. Se reserva aproximadamente un 50% das residencias para profesionais de Galicia.

Publicarase a resolución a finais de marzo de 2024 na páxina web de www.atopemonosbailando.com e nas súas redes sociais.

Achega da entidade a través da convocatoria

-Rexistro audiovisual da residencia

-Remuneración: Entre 700€ e 2.000€ (IVE incluído) por residencia. Realizarase o pago nun prazo máximo de 30 días contando desde a entrega da memoria e a factura correspondente ao final do período de residencia.

Todos os gastos das residencias correrán a cargo do 1solicitante, exceptuando as condicións específicas dos intercambios.

 

Documentación a achegar

1. Dossier descritivo dos obxectivos da residencia, metodoloxía, contidos e links a traballos   anteriores (máximo 5 páxinas)

2. Duración da residencia e estrutura do traballo a desenvolver e proposta de actividade de mediación  (contidos, público destinatario e duración, máximo 2 páxinas)

3. Currículo do equipo artístico do proxecto (máximo 1 páxina por artista)

4. Datos completos da residencia fiscal do solicitante, relación de DNI dxs participantes  na residencia e rol no proxecto

5. Deberá especificar claramente se está intersad@ no intercambio con Costa Rica e con Portugal ou se soamente participa para a súa residencia en Lugo

Toda a documentación achegarase a través do seguinte formulario https://forms.gle/viVcFf2Zo5j4t2st7

Poderá ser enviado en galego, castelán, portugués ou inglés.

Valoración e resolución da convocatoria

Nomearase unha comisión de valoración de proxectos formada por profesionais do sector. Se reserva aproximadamente un 50% das residencias para profesionais de Galicia.

Publicarase a resolución a finais de marzo de 2024 na páxina web de www.atopemonosbailando.com e nas súas redes sociais.

CONVOCATORIA-AB-2024-2

Día de Rosalía 2024 na Biblioteca Rural San Martiño de Pino [Galería de imaxes]

Este pasado venres 23 de febreiro celebrouse na Biblioteca Rural San Martiño de Pino o DÍA DE ROSALÍA 2024, ao tempo que se realizou a entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que vén convocando a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

O acto comezou co saúdo de Inés Lozano Carral, presidenta da Asociación Cultural de Pino.

A continuación, Martiño Maseda realizou a lectura do Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, cuxa autoría nesta edición correspondeu ao escritor Carlos Callón.

Deseguido tivo lugar a entrega de premios ás autoras galardoadas no III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO:

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio pola obra Engrañaxes, non puido asistir ao acto, mais si achegou un vídeo onde, ademais de ofrecer a súa gratitude polo premio, contou brevemente o seu caligrama.

A que si estivo presente en Pino para recoller o galardón foi Patricia Torrado Queiruga, gañadora do primeiro premio pola obra súa Última noite en Caldaloba, quen tamén ofreceu unha breve explicación do seu caligrama, ao tempo que salientaba a súa gratitude porque Pino, e a Terra Chá, xa formaba para da súa memoria do corpo (emulando palabras do escritor de nacenza chairega, Xesús Rábade Paredes).

Rematada a cerimonia de entrega de premios, varias mulleres presentes participaron na actividade Enmarcando a Rosalía, na que realizaron a lectura de textos rosalianos e deixándoos adheridos nun cadro coa imaxe de Rosalía de Castro.

En varios momentos do evento contouse coa interpretación de pezas musicais a cargo de Avelino Roca acompañado polo grupo de música de nenas e nenos de Pino.

GALERÍA VIDEOGRÁFICA

*Autoría das imaxes: José Manuel Pena Regueiro e Martiño Maseda

A obra ‘Run Baby Run’ toma o escenario do Teatro Español de Madrid durante un mes

A peza, con texto de Fátima Delgado e dirección de Jana Pacheco,representarase na Sala Margarita Xirgú do 22 de febreiro ata o 24 de marzo

O elenco desta obra que reflexiona sobre a discriminación de xénero dentro do deporte está composto por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez

Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, a Consellaría de Cultura da Comunidade de Madrid e a colaboración de La Nave del Duende

A obra Run Baby Run estará no Teatro Español desde mañá, 22 de febreiro, onde quedará ata o vindeiro 24 de marzo. Con texto da valdeorresa Fátima Delgado e dirección de Jana PachecoRun Baby Run aborda a discriminación de xénero dentro do mundo do deporte e conta no elenco con Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez. Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego (CDG), Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consellaría de Cultura da Comunidade de Madrid e a colaboración de La Nave del Duende.

A obra está protagonizada por Alba, unha atleta de éxito que loita por conseguir a vitoria e adestra duro para iso. É a favorito ao podio, pero a súa carreira verase truncada por un feito inesperado. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, momento en que a deportista é apartada da competición oficial e sente que o seu mundo se esborralla. Acompañada pola súa inseparable adestradora, verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu sono sen renunciar ao seu verdadeiro ser. Para a dramaturga Fátima Delgado: “Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre trata sobre unha muller que debido ao machismo estrutural do deporte profesional é vetada na competición por non encaixar nas categorías de xénero”. É, tamén, unha reflexión sobre canto se pode chegar a loitar sen traizoar os principios nin a propia identidade.

“Para escribir esta obra teatral investiguei varios anos sobre mulleres deportistas que sufriran discriminación no seu eido. Desgraciadamente, a discriminación das mulleres está vixente en todos os aspectos da sociedade. Quixen situar a acción en Galicia, a miña terra, e no entroido ourensán, para formular de modo simbólico a utilización da máscara como medio para ocultar a identidade”. E engade: “Non é común ver deporte feminino en escena e por iso pareceume necesario internarme nel dende unha perspectiva de xénero. Ademais, este tipo de inxustizas afecta maioritariamente as mulleres e non aos deportistas homes”. E conclúe: “Un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, dende as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade”.

En palabras da directora Jana Pacheco, “para min, o feminismo é unha clave fundamental de transformación social. E intento que todo o meu traballo, xa sexa pedagóxico, de mediación ou nas miñas postas en escena, estea impregnado dese feminismo. Run Baby Run é unha obra que aposta por visibilizar a situación das mulleres no deporte. Con ela reflexionamos sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas”.

UNHA OBRA ATRAVESADA POLO ENTROIDO

Jana Pacheco apunta tamén que “Run Baby Run é un espectáculo contextualizado no entroido o cal fai que poidamos investigar toda esa maxia telúrica, toda esa fantasía que vén desa festa, da carnalidad e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional”.

Deste xeito, a atmosfera galega e o entroido ourensán atravesan a obra dun xeito moi especial. Os peliqueiros, unha sorte de coro grego, ocupan a escena cun vestiario inspirado na indumentaria tradicional pero repensado polo devandito Paolo Álvaro. Neste sentido, Jana Pacheco salienta a colaboración da asociación ‘Las tejedoras’ de Vicálvaro, un colectivo de mulleres deste barrio madrileño “que se xuntan para tecer e dialogar sobre a violencia machista e que teceron flor a flor todo o vestiario dos peliqueiros”, materializando un traxe fermoso e cheo de significado.

O EQUIPO

Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual e historiadora da arte. Fátima Delgado é dramaturga, actriz e poeta. Ambas as dúas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas en xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación e cun forte compromiso feminista. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.

Canda elas, no equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 ao mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e do espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max ao mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro no 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Hermanas Gestring, entre outras.

20240221-NP-Estrea-Run-Baby-Run-no-Teatro-Espanol