É a primeira vez que a compañía de Culleredo participa en FETEN, a veterana feira de artes escénicas para público infantil que este ano celebra a súa 33ª edición
‘Kyoki’ poderá verse en sesión dobre o xoves 29 de febreiro no Centro de Cultura Antiguo Instituto ás 16.30 e ás 18.30 horas
A compañía Elefante Elegante está a ultimar os detalles antes de presentar en Xixón o seu espectáculo Kyoki o vindeiro xoves 29 de febreiro. A peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro forma parte da programación de FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que está a desenvolver a súa 33ª edición ata o 1 de marzo na cidade asturiana. O público poderá gozar de Kyoki en dúas funcións no Centro de Cultura Antiguo Instituto, ás 16.30 e ás 18.30 horas, este xoves 29.
O equipo de Elefante Elegante desprázase a Asturias logo de se coñecer que optan a varios galardóns na vindeira celebración dos Premios María Casares polo seu labor en Un hotel de primeira sobre o río, unha produción do Centro Dramático Galego (CDG). Así, María Torres e Gonçalo Guerreiro optan ao premio á mellor dirección de movemento, Carolina Díguele ao de vestiario e Guerreiro tamén está entre aos candidatos ao premio polo espazo escénico.
UNHA OLLADA LÍRICA
O alzhéimer desde unha perspectiva poética e cómplice é o fío condutor de Kyoki, unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria; unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade. Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Kyoki-palabra que significa “demencia” en xaponés- é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. Trátase dun espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes -a avoa, a súa filla e unha doutora-, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.
A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.
DOSSIER PRENSA
Kyoki_dossier-prensa