Camiño Escena Norte presenta ‘Lear en las catedrales’ en Melide e Ribadeo

Camiño Escena Norte leva esta fin de semana dúas funcións de ‘Lear en las catedrales’ ás localidades de Melide e Ribadeo

A compañía cántabra Ábrego Producciones presenta en Galicia un espectáculo atravesado polo poema ‘Lear en los claustros’, de José Hierro; e participará en encontros co público ao finalizar as representacións, cuxo acceso será gratuíto ata completar a capacidade dos auditorios


Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana a Melide e Ribadeo cunha dobre función do espectáculo Lear en las catedrales, unha peza de Ábrego Producciones. Ao finalizar as dúas representacións, os membros da compañía cántabra participarán nun encontro co público asistente. 

A montaxe de Lear en las catedrales está atravesada polo poema Lear en el claustro, de José Hierro, e reflicte a decadencia dun rei despoxado de todo e que implora ser amado pola súa filla Cordelia. A obra avanza armando o crebacabezas dunha memoria que tende a esvaecerse no esquecemento, engadindo capas, unhas feitas de realidade e vivencias da actriz e outras feitas de ficción, a das personaxes interpretadas ao longo da súa carreira, nun delicado equilibrio entre o real e o imaxinario, mostrando ao público as reviravoltas ocultas do teatro, os trucos dun oficio vivido en corpo e alma. 

Ao finalizar tanto a función no Centro Sociocultural Mingos de Pita de Melide coma a do Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo -cuxo acceso, en ambos casos, será libre ata completar a capacidade do patio de butacas-, a compañía participará nun encontro co público. No caso de Melide, a conversa contará coa mediación de Marta Pérez, de Inversa Teatro; mentres que na de Ribadeo asistirán Eleazar López e Carlos Rebolo, de ÍTACA Teatro.

Para máis información sobre Camiño Escena Norte (CEN), que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), pódese visitar a páxina web oficial www.escenanorte.com


AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE |  30/09 E 01/10 

30.09.2023 | 20:30 horas. Auditorio Centro Sociocultural Mingos de Pita, Melide Lear en las catedrales, de Ábrego Producciones (Cantabria). 
Espectáculo dirixido a público adulto. Entrada libre ata completar capacidade. Ao finalizar a función, encontro co público. Acompaña: Marta Pérez (Inversa Teatro).

01.10.2023 | 20:00 horas. Auditorio Municipal Hernán Naval, RibadeoLear en las catedrales, de Ábrego Producciones (Cantabria). 
Espectáculo dirixido a público adulto. Entrada libre ata completar capacidade. Ao finalizar a función, encontro co público. Acompaña: ÍTACA Teatro.

20230927-CEN-en-Melide-e-Ribadeo

Guadi Galego reivindica o dereito a seguir experimentando en O.D.A, o seu novo sinxelo

Guadi Galego celebra a aceptación da vida e reivindica o dereito a seguir experimentando en O.D.A, o seu novo sinxelo


A creadora publicará este 29 de setembro, nas principais plataformas dixitais,  o tema, producido por Iago Pico e que se acompañará dun videoclip dirixido por Inés Salvado 

“Estou viva”, afirma Guadi Galego. Unha sentenza que a cantante declama e confirma no seu novo sinxelo, nomeado O.D.A. A música e compositora publicará este venres, 29 de setembro, o seu novo tema. Unha declaración de intencións e unha chamada á ousadía que se poderá escoitar, desde as 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais, A canción, a primeira que lanza desde a publicación do seu LP Roibén (2022), conta coa produción de Iago Pico (Pouland Studios). O.D.A, ademais, acompañarase dun videoclip dirixido por Inés Salvado e que se poderá ver tamén desde este venres 29 na canle de Youtube de Guadi Galego.

Guadi Galego define O.D.A como “unha declaración de intencións sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida, de valorar o vivido como propio e reivindicar o dereito a seguir experimentando”. Precisamente iso é parte do que fai a artista nesta nova canción, na que mantendo as súas sinais de identidade clásicas, dá cabida a novos sons como parte dese dereito a continuar crecendo. O.D.A é, como expresa na súa letra, una reivindicación da ousadía e un abrazo á diferenza que nos recorda, ao cabo, que seguimos vivas. Todo, apunta a artista, “sen desmarcarnos nunca da nosa responsabilidade propia e colectiva” e sen olvidar que “a alegría segue dentro de nós”.


GUADI GALEGO

 
É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. 

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas)O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén, LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. Este outono lanza o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, pois O.D.A non é só un punto de chegada: marca o inicio dunha nova etapa na carreira da artista.

20230927-NP-Guadi-Galego-publica-ODA-o-29-de-setembro

Andaina polos camiños da Terra Chá: desde a igrexa de Saavedra até Barrazoso Vello

Este próximo domingo, 1 de outubro, dan inicio ás actividades do novo curso desde a Casa-Museo Manuel María e fano cunha camiñada que irá desde o adro da igrexa de Saavedra (en Begonte) até Barrazoso Vello (na parroquia de Gaibor, tamén en Begonte). Esta actividade condimentarase con algún poema e texto de Manuel María durante o seu decorrer.

Ás 10 hrs quedarán diante da Casa-Museo para achegarse todos xuntos, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario (se houber xente que queira ir xa directamente para o punto de inicio do percurso tan só terá que comunicalo cando se anote).

A distancia do itinerario é de seis quilómetros e medio e a dificultade é baixa. Suponse que en tres horas debería terse finalizada. 

O guía será o divulgador cultural Orlando Viveiro.

Para a inscrición (a actividade é de balde) calquera persoa interesada deberá enviar un correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

No seguinte texto de Orlando Viveiro amósase unha idea do que se poderá desfrutar o próximo domingo. 

As lendas do santuario dos Milagres de Saavedra permiten ás persoas viaxeiras mergullarse no seo de mundos que a día de hoxe fican case esquecidos. Tentaremos descubrilos nesta andaina polo Camiño Real que chega aquí despois de cruzar o Miño pola ponte medieval de Rábade e marcha de seguido en dirección ás terras de Vilalba.

A rota avanza pola Agra dos Castros en dirección a Fontefilloa para ollarmos as carballeiras de Covelas, onde sobrancea o seu fermoso exemplar centenario. Pasado o regato da Forcada do Lobo atopamos Altide, lugar de Santa María de Trobo, no cal visitaremos o extraordinario carballo da Casa do Roxo para continuar camiño de Martín logo de pasar o regato de Altide que descende cara ás Veigas de Baltar.

Desde este cruzamento de vías, sinalado por un fermoso cruceiro, ascenderemos até o Pertegueiro, parroquia de San Xiao de Gaibor, para marchar de seguido polos barrais de Vigo e A Vila onde se conservan interesantes construcións que certifican a antigüidade do roteiro que levamos. A paisaxe outoniza enrodelará de cores a nosa andaina mentres avanzamos demoradamente na procura do Barrazoso Vello, o punto onde remataremos a viaxe.