Mondra lanza ARDĒN, o seu álbum debut, este 20 de setembro
O primeiro traballo discográfico do cantareiro e bailador, producido por Berto e editado por Altafonte, publicarase este mércores nas principais plataformas dixitais e tamén estará dispoñible en tendas físicas en formato CD de edición limitada e única
A posta de largo do LP ARDĒN será o 29 de setembro en Santiago de Compostela e as últimas entradas para o directo están dispoñibles a través de www.salacapitol.com
Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, publica mañá, 20 de setembro, o seu primeiro LP: ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023). Producido por Berto e editado por Altafonte, o traballo estará dispoñible nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única.
Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, RUMBAMBĀ ou o máis recente RUANDO, o novo sinxelo do artista xunto a Aida, de Tanxugueiras, que viu a luz o pasado 1 de setembro. Todos estes temas formarán parte de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.
ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. O cantareiro exprésao así no Manifesto ARDENTE que acompaña a publicación do LP:
En ARDĒN hōnranoso resistir na terra.Hōnranoso orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario.
Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrīas. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece.
Resoe o berro ardente tanto, tanto como as chocas na Picota. Reluza tanto coma o satēn de Carmela.
Estes cantares van por ti, ARDENTE. Porque ARDĒN é un apoderamento da nosa liberdade.
ARDENTES, a ruare!
O REPERTORIO DE ARDĒN
O disco debut de Mondra estará composto por dez temas, nos que destacan as colaboracións de Fillas de Cassandra, Aida e Brassica Rapa, ademais da producción de Berto.
ARDĒN
TRōUPELE
Sepultura (TICOTĪ)
PUNHETA! (con Fillas de Cassandra)
SACOdePULGAS
Berce
RUANDO (con Aida)
beijos de LK
RUMBAMBĀ
CARMELA (con Brassica Rapa)
DISCO EN DIXITAL E NAS TENDAS FÍSICAS
Ademais de poder conseguir o LP nas plataformas dixitais, ARDĒN poderá degustarse tamén en formato físico. Cada copia será única e irrepetible. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interviu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como Fnac, El Corte Inglés e Amazon.
A CAPITOL ACOLLE O CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ARDĒN O 29 DE SETEMBRO
ARDĒNé unha celebración, un apoderamento da liberdade. Este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA das ARDENTES, o vibrante directo do artista que chegará o venres 29 de setembro á Sala Capitol na que será a primera -e singular- presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. “Preparamos unha actuación única, con máis forza que nunca”, avanza o artista. As últimas entradas para a cita están dispoñibles na web oficial www.salacapitol.com.
MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra), RUMBAMBĀ e RUANDO (con Aida).