WOS Festival expándese por oito escenarios da cidade no día grande do evento, que inclúe a estrea da nova sede na Fundación Laboral de la Construcción
DjRUM, Croatian Amor, Black Rave Culture ou Loraine James, entre otros nomes, actuarán na noite do sábado 16 nas naves do complexo arquitectónico
A programación arrancará ás 13.00 horas cun live de Marlene Ribeiro & Inês Malheiro no Parque de Bonaval, e coa conversa na sede Afundación entre o músico Aho Ssan e o comunicador Phil Bloomfield
A Igrexa da Universidade, Fundación Eugenio Granell e o Teatro Principal acollerán diferentes lives ao longo da tarde; mentres que o CGAC celebrará a segunda e derradeira xornada do parladoiro ‘O son electrónico de Galicia’
A sala de cinema NUMAX acollerá a estrea española do documental ‘Expedition Content’, un traballo predominantemente sonoro sobre a relación entre antropólogos estadounidenses e nativos de Hubula, en Papúa Nova Guinea
O WOS Festival x SON Estrella Galicia supera o ecuador da súa sétima edición chegando ao seu día grande: o evento expandirase este sábado 16 por toda a cidade de Santiago de Compostela, ofrecendo concertos e actividades, desde as 13.00 e até as 05.00 am, en oito localizacións diferentes. O Parque de Bonaval, a sede Afundación, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a sala de cinema NUMAX, a Igrexa da Universidade, a Fundación Eugenio Granell, o Teatro Principal e a Fundación Laboral de la Construcción celebrarán a vangarda e a experimentación por todo o alto.
Un dos principais fitos desta edición é a estrea coma pista de baile de dúas das naves do complexo no que, hoxe en día, se atopa a Fundación Laboral de la Construcción. Situado na zona norte da cidade, o recinto combina espazos restaurados da antiga curtidoría de Pontepedriña d’Arriba, do século XVIII, con outros de nova construción nunha área de case 5.000 metros cadrados. A obra acadou, no 2018, o garladón á mellor rehabilitación nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia.
Nestas naves actuará un dos cabezas de cartel deste WOS: DjRUM, quen pechará a noite cunha sesión que comezará ás 03.30 horas. Antes, no complexo arquitectónico, o público poderá gozar dos directos de Heith ft. Declino, Bruce, Puce Mary, Croatian Amor, Loraine James (quen presentará Gentle Confrontation), JUAIT, objet blue & Natalia Podgorska (na estrea española de Pearl Forest); así como das sesións de Kia e Black Rave Culture.
A terceira xornada do WOS arrancará ás 13:00 horas na sede Afundación coa conversa entre o músico Aho Ssan -quen actuará pola tarde no Teatro Principal- e o comunicador Phil Bloomfield, nun encontro no que abordarán o proceso creativo do artista. Á mesma hora, a actividade comezará no Parque de Bonaval, cun live de Marlene Ribeiro & Inês Malheiro. Pola tarde, no mesmo espazo, Lamin Fofana e Akazie ofrecerán sendas sesións ás 16:00 e ás 18:00 horas, respectivamente.
Ás 16.00 horas, simultaneamente, terán lugar dúas actividades paralelas: a proxección de Expedition Content na sala de cinema NUMAX (na que será a súa estrea en España) e a segunda e derradeira mesa redonda arredor d’O son electrónico de Galicia, a proposta interxeracional na que colectivos, promotores e artistas comparten as súas visións e experiencias sobre a escena do país. Desta quenda, no CGAC, conversarán Must Be On Wax, Neo2000Klub, RetroFuture, Russ, Sisters of Rave, TR3MOR. Frankie Pizá e Víktor Flores serán os responsables de moderar o encontro.
Esta intensa actividade desencadeará nunha chea de concertos e directos que comezarán ás 17:30horas e que, practicamente, non pararán até o amencer. Así, a Igrexa da Universidade acollerá o directo de Patricia Wolf, mentres que a Fundación Granell fará o propio con Loke Rahbek & Frederik Valentin (18:00 horas) e ABADIR (20:00 horas). Á vez, o Teatro Principal dará a coñecer a estrea mundial de Transmutation, o live AV de Alex Aller & Margarida Mariño e, por primeira vez en España, poderase ver Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevski present Rhizomes.Chegada a noitiña, contra ás 22:00 horas, a música trasladarase á beira do Sarela, onde o público poderá gozar na vangarda nas naves da FLC.
WOS Festival conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio doutras institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña e Fundación Japón.
13:00 horas | Sede Afundación (entrada libre) Conversación con Aho Saan. Participan: Aho Ssan e Phil Bloomfield.
16:00 horas | Auditorio do CGAC (entrada libre) O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional (parte 2). Participan: Must Be On Wax, Neo2000Klub, RetroFuture, Russ, Sisters of Rave, TR3MOR. Moderan: Frankie Pizá e Víktor Flores.
16:00 horas | NUMAX Expedition Content(2020)*, dirixida por Ernst Karel e Veronika Kusumaryati.
17:30 horas | Igrexa da Universidade Patricia Wolf (Live)
Desde 18:00 horas | Fundación Eugenio Granell 18:00h – Loke Rahbek & Frederik Valentin (Live) * 20:00h – ABADIR (Live)
Desde 18:00 horas | Teatro Principal 18:00h – Alex Aller & Margarida Mariño present Trasmutation (Live AV) ** 20:00h – Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevski present Rhizomes (Live AV) *
18:15 horas | Sede Afundación (CONVOCATORIA PARA GRÁFICOS) O conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e polo director do festival, Iván Arias, percorren distintos espazos polos que transcorre a sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia.
Desde 22:00 horas | Fundación Laboral de la Construcción (FLC) 22:00h | Sala 2 – Heith ft. Declino (Live AV) * 22:30h | Sala 1 – Bruce (Live) * 23:00h | Sala 2 – Puce Mary (Live) * 23:30h | Sala 1 – Croatian Amor (Live)00:00h | Sala 2 – Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV) * 00:30h | Sala 1 – JUAIT (Live) * 01:00h | Sala 2 – object blue & Natalia Podgorska present Pearl Forest (Live AV) * 01:30h | Sala 1 – Kia (Dj) * 02:00h | Sala 2 – Black Rave Culture (Dj) * 03:30h | Sala 1 DjRUM (Dj)
Gorpuztu, da Compañía Eva Guerrero de Euskadi, será o espectáculo de danza contemporánea que inaugure o Itinerario Constelación; a cita será no Salón Teatro compostelán ás 20.30 horas e a entrada será libre
O proxecto de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, pasará por Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro antes de regresar, o 22 de outubro, a Compostela
Os vieiros polos que transitan as artes escénicas conflúen, de novo, en Santiago de Compostela. Un ano máis, a capital galega será o punto de partida e de chegada de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se celebra, desde este domingo 17, e de xeito paralelo, en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.
O proxecto cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, inicia esta fin de semana a súa andaina cunha función inaugural que terá lugar, ás 20.30 horas, no Salón Teatro. A compañía vasca Eva Guerrero presentará Gorpuztu, un espectáculo de danza contemporánea con música ao vivo que fala sobre a procura do equilibrio. É unha loita por estar en calma, por silenciar o ruído, por alixeirar a carga e a culpa, por atopar un lugar onde o animal durma tranquilo. Este espectáculo nace dunha investigación sobre o uso do corpo en determinados momentos do rezo en diferentes relixións, pasando por conceptos como culpa, penitencia, transcendencia, amor ou submisión. A proposta, recomendada para público adulto, contará con entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro.
Logo do seu paso por Santiago de Compostela, Camiño Escena Norte visitará outras dez localidades galegas antes de pechar, o 22 de outubro, a súa programación oficial na Cidade da Cultura. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro acollerán novas funcións, nas fins de semana de compañías procedentes de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Á vez, as compañías galegas Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato levarán as súas creacións a eses catro territorios que, con Galicia, conforman a rede do CEN.
Camiño Escena Norte tamén pretende favorecer o encontro e a creación de públicos. Por iso, alén do circuíto de exhibición, nomeadoItinerario Constelacións, conta cunha serie de actividades paralelas que, baixo o nome Camiño Expandido, se dirixen a distintos perfís, tanto profesionais como afeccionados. É o caso dos proxectos Cruzamentos, Habitación Peregrina PRO (que se celebrará a semana que vén en Lugo), ESADS en camiño; ou máis de 30 obradoiros, coloquios e encontros co público, entre outras propostas. Todas elas pódense coñecer no web www.escenanorte.com.
Programación CEN Galicia 2023
17.09 | Santiago de Compostela (Salón Teatro, 20.30 horas): Gorpuztu, de Cía. Eva Guerrero (Euskadi).
A obra, con texto de Fátima Delgado e dirección de Jana Pacheco, estará no Salón Teatro de Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de outubro
O elenco desta peza que reflexiona sobre a discriminación de xénero dentro do deporte está composto por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez
Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia
O equipo de Run Baby Run xa está a ensaiar nas Naves do Español en Matadero Madrid, ultimando os detalles desta obra sobre a discriminación de xénero dentro do deporte que terá a súa estrea absoluta o vindeiro 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela. Fátima Delgado asina o texto desta peza dirixida por Jana Pacheco que contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e que se poderá ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024. O elenco confórmano Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.
A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un Mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. Para a dramaturga Fátima Delgado, “Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición e agraviada publicamente por unha cuestión de xénero”.
Para a creación da obra, Fátima Delgado investigou sobre varios casos de mulleres deportistas que sufriron discriminación de xénero no ámbito deportivo, unha situación de plena actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, a algunha delas non se lle permite participar dentro da súa especialidade na categoría feminina. O texto de Run Baby Run, que xa está publicado na colección Teatro de Editorial Galaxia e vai ser presentado o vindeiro 3 de outubro en Santiago, pon o foco no deporte feminino, un tema que se prodiga pouco no teatro, e faino ademais desde unha perspectiva de xénero. Segundo a propia Fátima Delgado, “un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, desde as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade”.
Nesa liña afonda a directora Jana Pacheco que ve no feminismo “unha clave fundamental de transformación social” e afirma que “Run Baby Run é unha obra que aposta por visibilizar a situación da muller no deporte e reflexiona sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas”. Alén diso, tamén salienta que é “un espectáculo contextualizado no Entroido, o cal fai que podamos investigar toda esa maxia telúrica, a fantasía que vén do entroido, da carnalidade e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional”.
O factor humano
Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual e historiadora da arte. Fátima Delgado é dramaturga, actriz e poeta. Ambas as dúas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas en xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación e cun forte compromiso feminista. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.
Canda elas, no equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 a mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e o espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max a mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro en 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Irmás Gestring, entre outras. Run Baby Run é un espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid.
PRESENTACIÓN DO LIBRO ‘RUN BABY RUN’ • DATA: Martes 3 de outubro | 20 h • LUGAR: Casa do Taberneiro [Rúa de San Pedro 15, Santiago de Compostela] • PARTICIPAN: Fátima Delgado, autora da obra, Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, e Paula Fernández Seoane, filóloga e profesora