Arzúa e Mondoñedo, novas paradas do Camiño Escena Norte

Camiño Escena Norte achega esta fin de semana propostas de artes escénicas para públicos de todas as idades en Arzúa e Mondoñedo

Portamundos, da navarra Cia. Levelibular (Navarra), e Luna, da compañía asturiana Luz de Gas Teatro, son os espectáculos dos que o público poderá gozar, de xeito gratuíto, na xornada do domingo 24

Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana a dúas  novas localidades galegas. Concretamente, na xornada do domingo 24, CEN ofertará, no marco da súa programación, a posibilidade de gozar de dous espectáculos dixiridos a públicos de todas as idades, especialmente o familiar. 

Por unha banda, ás 13:00 horas, a compañía de Navarra Cia. Levelibular presentará en Mondoñedo Portamundos, unha proposta de novo circo que fará sorrir e soñar a todos os membros da familia coas súas acrobacias e humor. En horario de tarde, ás 18:00 horas, a asturiana Luz de Gas Teatro presentará en Arzúa o seu espectáculo Luna, no que pon o foco, desde o escenario, sobre as diversidades a través do baile, dos monicreques e do teatro. A cita será na Capela da Madalena e o acceso será libre ata completar a capacidade do recinto. 

Camiño Escena Norte (CEN), que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mantén esta semana a súa actividade na provincia de Lugo, logo da celebración, entre o martes 19 e xoves 21, da cuarta edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. Nesta iniciativa, unha das actividades máis salientables da programación expandida do CEN, xuntáronse case 40 compañías de artes escénicas -das cinco comunidades participantes no proxecto- no centro cultural O Vello Cárcere. O encontro serviu tamén para outorgar, publicamente, o primeiro o recoñecemento ‘Julio Peña’aos valores de cooperación de Camiño Escena Norte, que este ano recaeu no dramaturgo e xestor cultural Carlos Troyano. 

AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE |  24.09.2023

13:00 horas | Praza da Catedral, Mondoñedo [en caso de choiva: Auditorio Municipal Pascual Veiga. Praza Jaime Cabot, s/n]  Portamundos, de Cia. Levelibular (Navarra)

Público infantil e familiar | Entrada libre e gratuíta ata completar capacidade
Da nada, ao todo. Un escenario case baleiro é o cómplice dun artista que o dá todo para que o público goce de rir e tamén poida ver rir os que están ao seu redor. Sigimundo é clown, é acróbata e é poesía. Xunto co público, arma o elemento para tocar o ceo coas mans, aínda que non ten as instrucións de como se arma. A confianza existe! Iso permite cruzar todas as pontes…

18:00 horas | Capela da Madalena, Arzúa 
Luna, de Luz de Gas Teatro (Asturias) Luna

Público infantil e familiar | Entrada libre ata completar capacidade

Luna quérenos contar todo. Quere que saibamos como acadou os seus soños, como chegou a ser a muller que é hoxe en día. Luna naceu cun déficit severo de audición, o que lle puxo as cousas un chisquiño máis difíciles que ao resto, ou talvez non? Luna quere bailar, pero… pode bailar unha nena xorda? Luna é un espectáculo repleto de luz, de movemento, de palabras, de signos, de obxectos, de “capacidades diferentes”, de “intelixencias múltiples”. Porque non sempre ser diferente é unha desvantaxe.

20230922-CEN-2023-en-Arzua-e-Mondonedo