Mondra publica este venres 1, con AIDA, ‘RUANDO’, un novo avance de ARDĒN

O tema, unha peza que enlaza os coidados e o amor propio, chega ás 00.00 horas ás principais plataformas dixitais acompañada dun videoclip, o segundo capítulo das Crónicas d’ ARDĒN, cuxo teaser xa está dispoñible en Youtube

RUANDO, o novo sinxelo de Mondra con AIDA, verá a luz este venres, 1 de setembro, ás 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais. O tema, creado polo propio Mondra con Berto, é un tema moi íntimo, ateigado de tenrura, que enlaza os coidados e o amor propio.

RUANDO é o último avance que se fará público antes do lanzamento de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, o vindeiro mércores 20 de setembro. “Pensamos este tema como un cantar de berce. Cantámosllo a esa persoa que precisa descansar. Que precisa un espazo para aceptarse e convivir consigo mesma. Remata dun xeito moi alegre, moi arriba, celebrando a autoaceptación”, explica Mondra, quen salienta a colaboración de Aida Tarrío (Tanxugueiras), “unha das mellores vocalistas do país”, e con quen comparte amizade desde o seu traballo conxunto no espectáculo Demente, (2020) de Fran Sieira Compañía de Danza.

O novo sinxelo de Mondra acompáñase dun videoclip, dirixido por Xaime Miranda, que supón o segundo capítulo das Crónicas d’ARDĒN, continuando a serie iniciada o pasado mes de marzo con PUNHETA. Nesta creación, vese á resistencia ARDENTE, cuxo símbolo apareceu esta semana nas rúas de Santiago de Compostela, coma protagonista. Unha resistencia (encarnada por artistas coma Sabela Domínguez, Julia Laport, Maruxa Montero, Loaira Lázare ou Diana Kurich, entre outras) que loita contra a opresión exercida, neste vídeo, por intérpretes como Paula Cereixo, Monti Castiñeiras e Julio Cores. Así, a peza audiovisual encarna unha das máximas do manifesto escrito por Mondra: “EN ARDĒN, hónranos o resistir na terra. Hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario”.

ARDĒN, o álbum debut de Mondra, é un traballo conceptual no que o cantareiro abre a porta a unha terra diversa. Así, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. É na FOLĪA onde xorde a máxima expresión das súas músicas. E este mesmo espazo libertario, esta FOLĪA das ARDENTES, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol de Santiago na presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. Unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das ARDENTES partícipes no primeiro álbum de Mondra. As entradas están dispoñibles en www.salacapitol.com.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra) e RUMBAMBĀ.

20230831-NP-Mondra-publica-RUANDO

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: VICEVERSA

Miguel Díaz, VICEVERSA

En achega, o teu corpo. Que non rendido. E o meu, en entrega, que non submiso. En efémero encontro de seres fugaces, que se saben perecedoiros. Que se eternizan nun amor inexacto, que medra coas espiñas que fican nos dedos despois dunha tarde na breña. Sabemos, por tanto, que toxos e silvas forman parte da historia que no solpor talvez calamos, que na noite talvez contamos. Ou viceversa.

Compostela amenceu este luns empapelada co símbolo da RESISTENCIA ARDENTE

Mondra anuncia a publicación do seu novo sinxelo, RUANDO, xunto a AIDA (Tanxugueiras), cunha acción da rúa para que o público poida descubrir un breve avance do seu novo tema, que verá a luz este venres, 1 de setembro, nas principais plataformas dixitais.

Os carteis co símbolo da RESISTENCIA ARDENTE atópanse nas seguintes localizacións da cidade: Cruceiro de San Pedro, Bonaval, Praza 8 de marzo, San Roque, Campus Norte, Vista alegre, Rúa do Franco, Fonseca, Rúa do Vilar, Preguntoiro, Mazarelos, Praza de Abastos, Porta Faxeira, Rúa Virxe da Cerca, Alameda, Praza Galicia, Campus Sur, Santa Marta, Praza Roja , Alfredo Brañas, Doutor Teixeiro, Montero Ríos, República do Salvador, Parque da Praza da Constitución, Rotonda Eugenio Granell, Ponte de Sar-Fontiñas, Área Central, Fontiñas, San Lázaro.

A través do código QR impreso nos carteis, o público poderá acceder ao site mondra.gal e coñecer un pouco máis do proxecto ARDĒN, así como visualizar o teaser de RUANDO e gardar o pre-save do single.

Ademais, con esta acción, o artista quere convidar a todas as súas seguidoras e seguidores a sumarse á RESISTENCIA ARDENTE compartindo o seu símbolo nas redes sociais.

VER TEASER SINGLE RUANDO (con AIDA):

https://www.dropbox.com/sh/mqob4jhtwc6m5ml/AACYDK1OAiTB96eIjiUz7k12a?dl=0

DESCARGAR SÍMBOLO DA RESISTENCIA ARDENTE:

https://www.dropbox.com/scl/fi/3gyimdki48t4obdnx1w6d/Resistencia-ardente.pdf?rlkey=n656l8f6lhtms38gb047laequ&dl=0

GARDAR O PRE-SAVE DO SINGLE RUANDO (CON AIDA):

VER VÍDEOS PEGADA CARTEIS RESISTENCIA ARDENTE:

https://www.dropbox.com/sh/up62lrob7pvmhrn/AAAPpXvjKasmsmDbKeuxuEOua?dl=0

  MONDRA.GAL
Benvidas a ARDĒN!
En ARDĒN, hónranos o resistir na terra.
Hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES.
Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario.
Este venres, 1 de setembro, as 00.00h liberámonos RUANDO.
ARDENTES NA RESISTENCIA! ARDENTES, A RUARE!
https://www.youtube.com/watch?v=eIF2w1_iadk
Pregárdao!
https://links.altafonte.com/awy4krb   

Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, presentará o seu novo sinxelo, RUANDO, xunto a AIDA (Tanxugueiras) este venres, 1 de setembro. Desde este luns, o público pode degustar un breve avance do single a través do site mondra.gal

RUANDO é un dos temas que formará parte de ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), o  primeiro LP de Mondra, que verá a luz o mércores 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e que tamén estará dispoñible en formato CD de edición limitada e única. 

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, ou RUMBAMBĀ. Todos eles formarán parte de ARDĒN, o seu álbum debut, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

ARDĒN é un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. Tal e como sinala o creador, “en ARDĒN hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario. Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrías. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece”.

Así, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. É na FOLĪA onde xorde a máxima expresión das súas músicas. E este mesmo espazo libertario, esta FOLĪA das ARDENTES, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol de Santiago de Compostela na presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. Unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das ARDENTES partícipes no primeiro álbum de Mondra. As entradas están dispoñibles en www.salacapitol.com


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra) e RUMBAMBĀ.

20230828-NP-Mondra-RESISTENCIA-ARDENTE

Andanzas do Suso de Lameliña. GARCILASO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

GARCILASO

Garcilaso, o elegante e silencioso can dos Benavide, non sabía o que era ladrar. Os seus donos adestrárono desde pequeno para que se comportase como un perfecto cabaleiro, discreto e refinado. Non podía ser doutro xeito coñecendo a reputación desta eximia familia, sempre recatada e axuizada.

Aínda que os amos non se lembrasen  de darlle a  comida ou a auga que precisase, o seu xeito de protestar era emitir uns suaves ruídos similares ao suspiro dun bebé; nunca un prosaico ladrido. Garcilaso non era un can calquera; seméllase moito a dona Margarida Benavide. Xa se sabe que as mascotas adoitan parecerse a quen as coida. 

Como aristócrata can que era, recibía loanzas de toda a veciñanza; claro está, sempre e cando ningunha man vulgar de veciña ou veciño lle tocase lombo tan delicado:  —Pero que bonitiño vas hoxe, Garcilaso; con ese traxiño pareces un auténtico mariñeiro. —Señora Margarida, cada día que pasa vexo máis fermoso a Garcilaso. —Non hai canciño máis guapo ca ti, Garcilasiño.

Só lle faltaba falar, aínda que cando asistía á misa, sempre en primeira liña na compaña de dona Margarida e o seu virtuoso esposo D. Euloxio, finxía rezar con devoción, alternando as posturas de ergueito e a catro patas segundo conviña. E o que máis lle prestaba, acompañar dun xeito entenrecedor, ao señor cura e aos fieis, nos seus cantos sagrados, cunha especie de murmurios, que máis quixesen para si algún que outro tenor ou soprano.

Pero xa se sabe que non hai can perfecto, e tampouco o ía ser Garcilaso. O día de San Pedro, o patrón da vila, a igrexa estaba tan chea, que  non cabía un alfinete. Cando Don Edmundo estaba a piques de consagrar a hostia, o can soltou un forte e xubiloso ladrido que rompeu o silencio do templo. Os Benavide quedaron estupefactos e avergoñados ante tal escándalo, mentres os fieis non daban creto ao que estaban asistindo. Foi un único ladrido, pero suficiente para acabar co engado de Garcilaso. Sen perder tempo, o virtuoso matrimonio arrincou con el para a casa. Desde entón non se volveu ver a Garcilaso polas rúas. Dise que segue vivo e que ao parecer, desde aquela non volveu ladrar, aínda que algúns din ter escoitado máis dunha vez unha especie de ouveos, máis propios dun lobo.

A explicación máis comentada para este inoportuno ladrido é que foi debido á grande cantidade de xente que se atopaba nese momento no templo e ao calor sufocante. “Sonche cousas do cambio climático”, escóitase argumentar cando se pregunta polo que aconteceu aquel 29 de xuño. Xa se sabe a  quen se lle atribúe todo o malo hoxe en día.