Proxección da película SICA, dentro do Ciclo Cine na Rúa, no Parque Rosalía De Castro de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), participa no CICLO DE CINE NA RÚA convocado pola Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coa proxección ao aire libre da película SICA, de Carla Subirana, que terá lugar no PARQUE ROSALÍA DE CASTRO DE VILALBA o xoves 24 de agosto, ás 22:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

NOTA_INFORMATIVA_SICA

Concertos do grupo EXERIA no local O Pirata e dentro do ciclo Solpores na Rebullón

Exeria é unha banda de grunge/rock dos 90 en galego formada no 2021. O pasado 11 de marzo lanzaron o seu primeiro sinxelo, “Un novo nome” acompañado dun videoclip dirixido pola artista multidisciplinar Wences Lamas. Foi compartido no Zig Zag Diario da TVG e en diferentes medios como “Galiza Metalica”, “Rouco Son”, “Canedo Rock” e “Abrete de orellas” entre outros.

Ademais de resultaren gañadores do certame de bandas Trece Roeis Fest 2023, tras unha selección previa entre moitos grupos de toda Galicia e unha batalla de bandas contra outras 6 bandas/artistas.

Para os que viviron a convulsa década dos 90´s sempre houbo moito e moi bo onde escoller. A escena do grunge americano cuxa capital foi Seattle compartiu época co Britpop, ou estilos máis alternativos coma ou Nu Metal. Moitas destas influencias podemos escoitalas en bandas coma Exeria, que evolucionaron naqueles anos e destilan un rock en galego que non deixa a ninguén indiferente. Dende que en marzo lanzaron “Un novo nome”, teñen xirado por todo o sur de Galicia, levando os seus temas ao directo, o cal lles proporcionou o primeiro premio do concurso de bandas do Trece Roeis Fest 2023. 

Están a piques de pecharse no estudio a rexistrar novos temas así que recomendamos non fallar a esta cita.
As dúas ultimas oportunidades para velos serán:

Mércores 23/08 O Pirata- Avda de Samil 22, Vigo
Xoves 24/08 Ciclo Solpores na Rebullón (+Electric Lager) – Sala Rebullón -Tameiga, Mos

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ÚNICA

Miguel Díaz, ÚNICA

O momento, na súa exclusividade, dispón o singular. O que xa non poderá ser copiado. No segundo que se define e se amosa. Que se ispe e marcha. Nunca somos os mesmos despois da caída da folla. Distintos trala caída dunha folla única. Fenecemos con cada latexo, mais cada latexo vencéllanos a todo mentres o vento folga, mentres o vento sopra.

Andanzas do Suso de Lameliña. O LAVADOIRO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O LAVADOIRO

Unha das miñas afeccións nas tardes calorosas é vir a este lugar, sentarme nunha rocha cómoda e deixarme levar polo harmonioso canto da auga da fonte, que domina sobre todos os demais sons: o trino dos paxaros, o movemento das follas co vento ou o ruído dun coche que pasa pola estrada. Deixar voar a imaxinación, alí á sombra dos carballos que comparten o espazo con castiñeiros, bidueiros e salgueiros.

Este lugar ten moita historia para min. Foi aquí onde as nais ían lavar a roupa no antigo lavadoiro, que aínda se mantén en pé, pero xa abandonado. Ao seu lado, quedan os restos dun edificio que no seu tempo foi un especie de clínica de animais; hoxe un recinto cheo de cagadas e lixo. Nese edificio, nun setembro de hai moitos anos, axudei ao veterinario, que estaba a comezar a súa relación co mundo canino, nunha campaña de vacinación. Despois agasalloume cunha gran mariscada, na que nos xuntamos un grupo de amigos. Nunca na miña vida degustei tantos mariscos como aquela noite: percebes, nécoras, cigalas, centolas…

Mentres a auga segue a correr polo cano e a encher o ambiente co seu son, volvo aos primeiros anos da adolescencia e vexo aquel amigo debaixo dun carballo, masturbándose e invitándome a facer o mesmo. Pero eu era moi tímido, como ía facer iso? Estaba ben na intimidade, pero non alí. A el gustáballe moito exercitarse alí, sempre debaixo do mesmo carballo. Cando me dicía: “Imos dar unha volta polo lavadoiro”, xa sabía o que ía pasar.

Tamén me lembro dos outonos da infancia e xa non tan infancia, nos que íamos ás landras para os porcos e á souta, sen esquecerme dos cogomelos. Aínda hoxe cando chega o tempo das castañas ao pasar por aquí, aproveito para apañar unhas poucas para un bo magosto.

A auga segue esvarando polo cano abaixo e a nostalxia apodérase de min. Moitos dos protagonistas daqueles tempos xa marcharon para ese lugar do que ninguén volveu. Polo que decido levantarme e camiñar cara ao bar a tomar un café. O día xa vai chegando ao seu fin e por hoxe xa chega de nostalxias e lembranzas.

A banda deseñada galega toma Viñetas 2023 na súa derradeira fin de semana

A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga acolle dúas mostras no marco do Salón Internacional do Cómic da Coruña: a exposición ‘BD na Coruña, que bonita é! Banda deseñada creada desde A Coruña’, comisariada por Manel Cráneo, coas creacións de 26 autorías locais de referencia; e unha exposición coas pezas gañadoras do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada: ‘O bico da serea’ e ‘Contando estrelas’

Paralelamente, este sábado, 12 de agosto, ao longo de toda a xornada, de 12.00h a 01.00h, a Praza de San Andrés acolle a celebración do festival de autoedición e BD Autobán, cun mercado, obradoiros, exposicións, catas, etc.

O ilustrador e animador gañador de catro Goyas Alberto Vázquez firmará exemplares das súas obras na xornada de peche da Rúa da BD, este domingo, 13 de agosto, ás 12.30h, no expositor de Astiberri Ediciones

Viñetas desde o Atlántico afronta a súa recta final esta fin de semana, o sábado 12 e o domingo 13 de agosto, envorcada coa BD galega. A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga acolle dúas mostras que dan boa conta do talento autóctono: a exposición ‘BD na Coruña, que bonita é! Banda deseñada creada desde A Coruña’, comisariada por Manel Cráneo, coas creacións de 26 autorías locais de referencia; e unha exposición coas pezas gañadoras do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada: ‘O bico da serea’ -de Siqi Luis Yang como debuxante e Uxía Larrosa como guionista- e ‘Contando estrelas’ -do noiés Francisco Pérez-. Precisamente, este sábado 12, ás 11.00h, terá lugar unha visita guiada á exposición do cómic ‘O bico da serea’, cos seus autores. Ao finalizar a visita, distribuiranse exemplares do traballo e haberá unha sesión de sinaturas cos artistas.

Paralelamente, tamén o sábado 12, ao longo de toda a xornada, de 12.00h a 01.00h, a Praza de San Andrés acollerá a celebración do festival de autoedición e BD Autobán, cun mercado, obradoiros, exposicións, catas, etc. O programa completo de Autobán pódese consultar na súa páxina web www.autoban.gal

Ademais, no Kiosco Alfonso, ás 18.00h, terá lugar a mesa redonda sectorial ‘Situación actual da banda deseñada’: un encontro profesional para tratar a actualidade do sector e temas de interese como a situación do Libro Blanco del Cómic en España, elaborado polo Ministerio de Cultura. A actividade é de acceso libre, sen necesidade de inscrición previa. Na mesa, moderada por Neves Rodríguez, participarán Daniel Coronado (mánager de Omega Center), Ricardo Esteban (editor en Nuevo Nueve), Pedro F. Medina (editor en Fandogamia), Anabel Colazo (autora de BD), Uxía Larrosa (autora de BD), Sira González (Bibliotecas Municipais da Coruña) e Sanmi (responsable de Alita Cómics).

Para o público familiar, durante a fin de semana continuará dispoñible a Comicteca infantil no Palco da Música do Xardíns de Méndez Núñez (de 11.30 a 13.30h), espazo que tamén acollerá os obradoiros para nenas e nenos de Viñetas Lab (12.00, 18.00 e 19.00h).

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, este sábado 12 asinarán as súas obras Martín Romero (Astiberri Ediciones, 12.30h), Paula Cheshire (Libraría Paz, 12.30h; e Fandogamia, 18.00h), Manel Cráneo e Brais Fierro (Demo Editorial, 18.30h), Miguel Fernández (Libraría Paz, 19.00h), Alberto Varela (Anaya, 19.00h); Santy Gutiérrez (Demo Editorial, 19.30h); e, ao longo da xornada, Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial). Finalmente, o domingo 13, o ilustrador e animador Alberto Vázquez, gañador de catro premios Goya, firmará exemplares das súas obras na xornada de peche da Rúa da BD. A cita será ás 12.30h no expositor de Astiberri Ediciones.

PROGRAMA ACTIVIDADES VIÑETAS 2023 SÁBADO 12 DE AGOSTO


11.00 Casa da Cultura Salvador de Madariaga: visita á exposición ‘O bico da serea’

11.30 a 13.30h Palco da Música: Comicteca 

12.00h Palco da Música: Obradoiro infantil Viñetas Lab 

18.00h Kiosco Alfonso: Mesa redonda ‘Situación actual da banda desdeñada’

18.00h Palco da Música: Obradoiro infantil Viñetas Lab 

19.00h Palco da Música: Obradoiro infantil Viñetas Lab 

21.00h Copacabana Coruña: Encontro sectorial ‘Peche de Viñetas 2023’

EN PARALELO… 

Autobán, Festa da autoedición

(Praza de San Andrés)

12.00 a 22.00h Mercado de Autoedición

12.00h Inauguración exposición Edmon (A Grelería)

12.30h Obradoiro ‘Sen pés nin testa! Obradoiro de fanzín DADA’

19.00h Obradoiro ‘2×1: Crea un fanzine e un poster nunha sentada!’ 

01.00h Festón post Autobán (Bar 13)

Rúa da Banda Deseñada (aberta de 11.00 a 14.00h e 17.00 a 21.00h)

Sinaturas

12.30h Martín Romero – Astiberri Ediciones 

12.30h Paula Cheshire – Libraría Paz

18.00h Paula Cheshire – Fandogamia

18.30h Manel Cráneo e Brais Fierro – Demo Editorial

19.00h Miguel Fernández – Libraría Paz

19.00h Alberto Varela – Anaya

19.30h Santy Gutiérrez – Demo Editorial

E, tamén: Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias – T-Raptor Editorial

PROGRAMA ACTIVIDADES VIÑETAS 2023 DOMINGO 13 DE AGOSTO

Palco da Música

11.30 a 13.30h Comicteca

12.00, 18.00 e 19.00h Obradoiro infantil Viñetas Lab 

Rúa da Banda Deseñada (aberta de 11.00 a 14.00h e 17.00 a 21.00h)

Sinaturas

12.30 – Alberto Vázquez – Astiberri Ediciones

E, tamén: Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias – T-Raptor Editorial

2023.08.10.-NP_GAL-Vinetas-2023-Xornada-5-1