Mondra presentará ARDĒN, o seu álbum debut, na Sala Capitol o 29 de setembro

As entradas para asistir á FOLĪA das ARDENTES, a posta en escena do LP ARDĒN, estarán á venda a partir deste martes, 22 de agosto, ás 12.00h, a través de www.salacapitol.com 

O primeiro traballo discográfico do cantareiro e bailador, producido por Berto e editado por Altafonte, publicarase o mércores 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e tamén estará dispoñible en tendas físicas

A Sala Capitol transformarase nunha auténtica FOLĪA das ARDENTES o vindeiro 29 de setembro. Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, presentará ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro LP, sobre o escenario compostelán. As entradas para a cita estarán dispoñibles a partir deste martes, 22 de agosto, ás 12.00h, na web oficial www.salacapitol.com.  

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, ou RUMBAMBĀ. Todos eles formarán parte de ARDĒN, o seu álbum debut, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. Tal e como sinala o creador, “en ARDĒN hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario. Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrías. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece”.Así, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. É na FOLĪA onde xorde a máxima expresión das súas músicas. E este mesmo espazo libertario, esta FOLĪA das ARDENTES, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol na presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. Unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das ARDENTES partícipes no álbum que verá a luz o mércores 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e que tamén estará dispoñible nas tendas físicas. 


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra) e RUMBAMBĀ.

20230821-NP-Mondra-ARDEN-Capitol

O Festival Sinsal presenta o 29 de agosto o Escenario Océano x FEST Galicia

O festival Sinsal pecha a edición de 2023 coa presentación do Escenario Océano x FEST Galicia, que incluirá a actuación do grupo As Donas e actividades paralelas

O Mosteiro de Oia acollerá o martes 29 de agosto, entre as 19:00 e as 21:00 horas, un concerto de música instrumental no que o repertorio xirará arredor da obra de mulleres compositoras dos séculos XVII e XVIII

As e os asistentes poderán realizar unha visita guiada ao mosteiro, declarado BIC, ou vivir unha experiencia inmersiva 360º no mundo submarino da ría de Vigo a través de lentes de realidade virtual

Unha xornada dedicada ao océano será o ramo do Sinsal SON Estrella Galicia 2023, que se traslada dunha illa declarada BIC a un espazo que tamén o é: o Mosteiro de Oia. O martes 29 de agosto, o recinto acollerá a presentación do novo Escenario Océano x FEST Galicia, espazo no que resoarán os ecos do vivido hai un mes na illa de San Simón. 

Esta xornada de peche da edición de 2023, a modo de epílogo, incluirá un concerto de música clásica da man do ensemble As Donas e a posibilidade de participar en actividades paralelas de descubrimento e interacción co patrimonio histórico, cultural e natural, como son unha visita guiada ao propio mosteiro ou mesmo unha experiencia inmersiva 360º ao mundo submarino da ría de Vigo grazas á realidade virtual. As entradas para a xornada xa se poden adquirir, por 12 euros, na plataforma en liña www.enterticket.es

Se no 2022 Sinsal pechou a súa edición no porto vigués, este ano Sinsalaudio quere dar un paso máis e presentar un novo espazo, o Escenario Océano x FEST Galicia, co que se tende pontes entre unha e outra edición do festival. O desenvolvemento da actividade do Sinsal SON Estrella Galicia nun edificio como é o Mosteiro de Oia -cuxa actividade cultural é promovida pola Fundación Bretal- non é baladí: os dous emprazamentos, tanto a illa de San Simón coma o Mosteiro de Oia, comparten momentos históricos e están relacionados co centro ao que se dirixe o foco da actividade: o mar. 

Programación Escenario Océano x FEST Galicia

O peche do Sinsal SON Estrella Galicia 2023 comezará o martes 29 ás 19.00 horas. A primeira parte da xornada será unha actividade divulgativa que o público poderá escoller á hora de mercar a entrada. Por unha banda, poderase realizar unha visita guiada ao propio Mosteiro de Oia, duns 45 minutos, nos que se farán tres paradas (Praza de armas, Claustro e Patio das Laranxeiras) e contará cun número limitado de prazas (75). 

Pola outra, o público poderá participar nunha experiencia inmersiva 360º, unha introdución ao mundo submarino da ría de Vigo dun xeito novidoso, accesible e minimamente intrusivo, grazas ás novas tecnoloxías. Esta segunda actividade desenvolverase en dous momentos. Dunha parte, estará a posibilidade de visualizar unha peza audiovisual que se proxectará dos fondos mariños da ría, na que se recollerá a súa riqueza e características. Da outra, haberá á disposicion do público lentes de realidade virtual Oculus Quest 2 para que se poidan somerxer en augas da ría viguesa a través de imaxes 360º -filmadas polo equipo da cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño 13 GRADOS-. Serán experiencias individuais, de tres en tres persoas, que estarán acompañadas coa interpretación das imaxes que se están a ver. A realización desta experiencia será por orde de chegada e outorgarase un número ou quenda para participar da iniciativa. 

O broche dourado será o Concerto Das Donas: A pegada feminina na historia da música, actuación que ofrecerá a agrupación conformada por Pilar Moráguez (soprano), Marta López (cravo), Elena Vázquez (violín barroco) e María José Pámpano (violín barroco e dirección artística). O ensemble presentará, a partir das 20:00 horas, un repertorio de música instrumental formado, de forma exclusiva, pola obra de destacadas compositoras do Renacemento e do Barroco. Así, na cita o público poderá descubrir obras de autoras como Francesca Caccini, Isabella Leonarda, Bárbara Stroozi ou Élisabeth Jacquet de La Guerre. Con este Concerto das Donas, Sinsal SON Estrella Galicia pecha a edición de 2023 poñendo en valor non só un rico patrimonio artístico, senón o papel das pioneiras na profesionalización da muller no eido da música. 

As persoas interesadas en asistir ao epílogo do Sinsal SON Estrella Galicia 2023 poden adquirir os seus billetes para o Escenario Océano x Fest Galicia desde hoxe mesmo a través do espazo web www.enterticket.es, no que poderán seleccionar o tipo de actividade paralela que quererán facer. As entradas para menores de 16 anos serán a 6 euros e, polas características da iniciativa, o equipo de Sinsalaudio recomenda asistencia para nenas e nenos maiores de 11 anos. 

20230721-NP-Sinsal-Escenario-Oceano