Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O LAVADOIRO

Unha das miñas afeccións nas tardes calorosas é vir a este lugar, sentarme nunha rocha cómoda e deixarme levar polo harmonioso canto da auga da fonte, que domina sobre todos os demais sons: o trino dos paxaros, o movemento das follas co vento ou o ruído dun coche que pasa pola estrada. Deixar voar a imaxinación, alí á sombra dos carballos que comparten o espazo con castiñeiros, bidueiros e salgueiros.

Este lugar ten moita historia para min. Foi aquí onde as nais ían lavar a roupa no antigo lavadoiro, que aínda se mantén en pé, pero xa abandonado. Ao seu lado, quedan os restos dun edificio que no seu tempo foi un especie de clínica de animais; hoxe un recinto cheo de cagadas e lixo. Nese edificio, nun setembro de hai moitos anos, axudei ao veterinario, que estaba a comezar a súa relación co mundo canino, nunha campaña de vacinación. Despois agasalloume cunha gran mariscada, na que nos xuntamos un grupo de amigos. Nunca na miña vida degustei tantos mariscos como aquela noite: percebes, nécoras, cigalas, centolas…

Mentres a auga segue a correr polo cano e a encher o ambiente co seu son, volvo aos primeiros anos da adolescencia e vexo aquel amigo debaixo dun carballo, masturbándose e invitándome a facer o mesmo. Pero eu era moi tímido, como ía facer iso? Estaba ben na intimidade, pero non alí. A el gustáballe moito exercitarse alí, sempre debaixo do mesmo carballo. Cando me dicía: “Imos dar unha volta polo lavadoiro”, xa sabía o que ía pasar.

Tamén me lembro dos outonos da infancia e xa non tan infancia, nos que íamos ás landras para os porcos e á souta, sen esquecerme dos cogomelos. Aínda hoxe cando chega o tempo das castañas ao pasar por aquí, aproveito para apañar unhas poucas para un bo magosto.

A auga segue esvarando polo cano abaixo e a nostalxia apodérase de min. Moitos dos protagonistas daqueles tempos xa marcharon para ese lugar do que ninguén volveu. Polo que decido levantarme e camiñar cara ao bar a tomar un café. O día xa vai chegando ao seu fin e por hoxe xa chega de nostalxias e lembranzas.