Viñetas desde o Atlántico 2023 aposta polo cinema de animación na súa quinta xornada, co ciclo Órbita Animada e coa exposición sobre o ganador de catro Goyas, Alberto Vázquez

Este venres, 11 de agosto, o Teatro Colón acollerá as proxeccións dos filmes xaponeses The First Slam Dunk, o esperado e apaixonante relato sobre o mundo do básquet en clave anime do director Takehiko Inoue (12.00h), e a película de culto Akira 4K (17.00h), reeditada no ano do seu 35 aniversario

Pola súa banda, a Sala de Exposicións de PALEXCO propón unha oportunidade única para mergullarse no traballo do ilustrador e animador coruñés Alberto Vázquez, autor, entre outros traballos, das premiadas longametraxes Psiconautas e Unicorn Wars, coa mostra Alberto Vázquez: do cómic á animación

Este venres, 10 de agosto, na súa quinta xornada, Viñetas desde o Atlántico 2023 aposta polo cinema de animación cunha dobre sesión do seu ciclo para público infantil, adolescente e adulto ‘Órbita animada’. O Teatro Colón acollerá as proxeccións dos filmes xaponeses The First Slam Dunk, o esperado e apaixonante relato sobre o mundo do básquet en clave anime do director Takehiko Inoue (12.00h), que ven de gañar o Premio Satoshi Kon da excelencia na animación, e a película de culto Akira 4K (17.00h), reeditada no ano do seu 35 aniversario. Ambos pases son de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Paralelamente, Viñetas desde o Atlántico ofrece unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico do multipremiado creador Alberto Vázquez, coa mostra Alberto Vázquez: do cómic á animación, comisariada por Matilde Rodríguez, que se pode ver na Sala de Exposicións de PALEXCO ata o 10 de setembro. Vázquez é un destacado director de animación, ilustrador e debuxante de cómics nado na Coruña, que conta con catro Premios Goya no seu palmarés, polas curtas de animación Birdboy (2012) e Decorado (2017) e polas longametraxes de animación Psiconautas, los niños olvidados (2017) e Unicorn Wars (2023).

Alberto Vázquez: do cómic á animación ofrece unha coidada selección de pezas que desvelan o característico traballo iconoclasta do artista -protagonizado por animais antropomorfos- e as súas temáticas universais de ámbito social. O público poderá explorar o seu singular enfoque creativo a través dos orixinais dos seus cómics PsiconautasEl evangelio de JudasLa caza e algunhas historias curtas; e poderá mergullarse tamén nos seus procesos de animación grazas a layouts, deseños de personaxes, arte conceptual e orixinais dos seus storyboards, realizados a lapis e acuarela, que revelan os detalles que dan vida ás súas personaxes e narrativas.

Pola súa banda, o festival de autoedición e BD da Coruña Autobán da o seu pistoletazo de saída este venres na sala Filomatic, co seu ‘Autobombo’ e o seu ‘Combate de debuxantes’.

Ademais, para o público familiar, durante a mañá (de 11.30 a 13.30h) estará dispoñible a Comicteca infantil no Palco da Música do Xardíns de Méndez Núñez, espazo que pola tarde acollerá dous novos obradoiros para nenas e nenos de Viñetas Lab (ás 18.00 e 19.00h). 

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, este venres 11 asinarán as súas obras Ánxel Carramal (Anaya), ás 18.00h; César Sebastián (Metrópolis Cómics A Coruña), ás 18.00h; Inés Vázquez (Demo Editorial), ás 18.30h; María Brenn (Libraría Paz), ás 19.00h; Óscar Losada e Xulia Pisón (Alita Cómics), ás 19.00h;  Santy Gutiérrez (Demo Editorial), ás 19.30h; e, ao longo da xornada, Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).

PROGRAMA ACTIVIDADES VIÑETAS 2023 VENRES 11 DE AGOSTO

11.30 a 13.30h Palco da Música – Comicteca. 

12.00h Teatro Colón – Órbita animada. Ciclo de cinema: The First Slam Dunk.

17.00h Teatro Colón – Órbita animada. Ciclo de cinema: Akira 4K.

18.00h Palco da Música: Obradoiro infantil Viñetas Lab.  

19.00h Palco da Música: Obradoiro infantil Viñetas Lab.  

EN PARALELO:

Autobán, Festa da autoedición

Sala Filomatic

18.30h Presentación de Autobán 2023.

19.00h Autobombo.

21.00h Combate de debuxantes.

Rúa da Banda Deseñada (aberta de 11.00 a 14.00h e 17.00 a 21.00h)

Sinaturas

17.00h Víctor L. Pinel e Alicia Jaraba – Nuevo Nueve.

18.00h Ánxel Carramal – Anaya.

18.00h César Sebastián – Metrópolis Cómics A Coruña.

18.30h Inés Vázquez – Demo Editorial.

19.00h María Brenn – Libraría Paz.

19.00h Óscar Losada e Xulia Pisón – Alita Cómics

19.30h Santy Gutiérrez – Demo Editorial.

E, tamén: Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias – T-Raptor Editorial

DESCARGA O CATÁLOGO DE VIÑETAS 2023 PARA MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS EXPOSICIÓNS E AUTORÍAS

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/wp-content/uploads/2023/08/Catalogo_Vinetas_2023.pdf

2023.08.10.-NP_GAL-Vinetas-2023-Xornada-5

O 10º Noia Harp Fest despídese “cunha chea de momentos que quedarán no noso maxín para sempre”

O director do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, salienta o apoio do público e o seu respecto absoluto á interpretación das e dos artistas que actuaron este verán no certame musical

O festival acolleu do 3 ao 6 de agosto nove concertos de balde, nos cales houbo tres estreas absolutas e nos que destacou a alta presenza de mulleres arpistas protagonistas, como foi o caso de Laoise Kelly, Beatriz Cortesão, Musgö, Elisabeth Cerra, Claudia Besné, Begoña Riobó ou Beatriz Martínez

Hibrys, a obra gañadora do I Premio Portus Apostoli, promovido polo festival e polo Concello de Noia, terá percorrido internacional: estrearase en xuño de 2024 en Arxentina

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia pecha a súa décima edición cunha valoración moi positiva. O director do evento, Rodrigo Romaní, destaca o éxito da celebración nun ano moi especial, cando se cumpren dez anos desde o inicio do festival, así como “os grandes momentos que sempre lembraremos deste verán”. 

“Houbo moitos momentos máxicos nesta edición. Entre eles, esas noites da Praza do Tapal, cun público cun entusiasmo que rebordaba o espazo, e que cun silencio absoluto escoitou a estrea de Hibrys, coa Real Filharmonía de Galicia, ou que gozou da primeira escoita das novas suites interpretadas por SondeSeu”, apunta Romaní. O director tamén destaca a vertente social e educativa do evento, que se fixo efectiva especificamente coa celebración da segunda edición do encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia na inauguración do festival. “Foi unha magnífica xornada de convivencia en Noia, con actividades de lecer e tamén ensaios conxuntos. Este encontro exemplifica a razón de ser deste festival, que non é outro que a celebración da música arredor da arpa”, asevera Romaní, quen engade: “Foron momentos moi felices, que nos animan a seguir traballando nas vindeiras ocasións e que sen dúbida, quedarán para sempre no noso maxín”. 

O Noia Harp Fest celebrouse do 3 ao 6 de agosto en Noia. Nove concertos de balde, con tres estreas absolutas –Hibrys, de Alejandro Civilotti, gañadora da primeira edición do Premio Portus Apostoli promovido polo propio festival e o Concello de Noia; e as suites Micelio Escumas Atlánticas, escritas por Anxo Pintos e Rodrigo Romaní, respectivamente-, centraron un programa no que as mulleres arpistas foron protagonistas. Laoise Kelly, Beatriz Cortesão, Musgö, Elisabeth Cerra e Claudia Besné foron cabezas de cartel dun programa que tamén contou coa presenza de Begoña Riobó, Mary Macmaster e Beatriz Martínez, bandas como The Pozzies, dúos como o de Gilles Chabenat & Daniela Heiderich; ou mesmo orquestras como a Real Filharmonía de Galicia e SonDeSeu. 

“Celebramos os dez anos con moita ilusión e xa estamos pensando na seguinte edición, da que xa está convocado o II Premio Portus Apostoli de Composición, nesta ocasión para o fomento da creación e promoción de obra para arpa e banda”, expón Romaní, quen lembra que a obra gañadora será interpretada o ano que vén pola banda municipal de música de Santiago coa colaboración da banda de Noia. Ao fío, Rodrigo Romaní sinala que a peza gañadora da primeira edición, Hibrys, terá percorrido internacional. “A obra estrearase o 1 de xuño de 2024 na localidade arxentina de Paraná, da man da Orquestra Sinfónica Entre Ríos, baixo a dirección do español José Miguel Rodilla e con Florecia Arizpe como solista. Este feito confirma o obxectivo fundamental do certame, que non é outro que ampliar o repertorio de obra para arpa e orquestra”, confirma o director.  

A décima edición do Noia Harp Fest, festival organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, contou co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboraron nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas (AEDA). O web no que se pode ver o programa e toda a información desta edición, ademais das bases da segunda edición do Premio Internacional Portus Apostoli de Composición é www.noiaharpfest.gal

20230810-NP-Noia-Harp-Fest-BALANCE