Tres estreas mundiais e dezasete españolas no cartel definitivo do WOS Festival x SON Estrella Galicia

Risco e sorpresa no cartel definitivo do WOS Festival X SON Estrella Galicia, con tres estreas mundiais e dezasete españolas

Un ano máis, Galicia lidera o circuíto de grandes citas internacionais da electrónica coa incorporación de nomes como Actress, Laurel Halo, Kia, Black Rave Culture, Bruce, Frederik Valentin & LokeRahbek, object blue & Natalia Podgorska, Iceboy Violet, Patricia Wolf e Marlene Ribeiro & Inês Malheiro

As entradas por día e para concertos ou eventos individuais poderanse adquirir a partir das 12.00 horas do martes 29 de agosto en wosfestival.es

O festival WOS Festival x SON Estrella Galicia presenta hoxe a programación musical ao completo da súa sétima edición, que ofrece un ambicioso cartel onde se cruzarán a música de vangarda máis evocadora cos sons de baile do presente-futuro. 

Do 14 ao 17 de setembro, Santiago de Compostela transformarase no punto de encontro internacional entre os principais actores da escena musical de vangarda. Artistas de máis de 15 países dos cinco continentes (de Exipto a India, pasando por Reino Unido, Portugal, Kenya ou Australia, entre outros) presentarán case unha trintena de espectáculos de arte sonora en extraordinarias salas de capacidade reducida, como a Igrexa da Compañía, o Teatro Principal ou o complexo arquitectónico industrial Fundación Laboral de la Construcción, a nova e exclusiva localización para a programación de noite do sábado 16 de setembro. O Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), a sede Afundación, a Fundación Eugenio Granell, a sala de cinema NUMAX, o Parque de Bonaval e a sala Capitol completan a rede de espazos nos que terá lugar o programa desta edición. Así, WOS Festival x SON Estrella Galicia relocerá novamente no marco do panorama musical pola súa diversidade, vocación inclusiva e apoio á escena galega, proclamándose, un ano máis, como o evento ideal para presentacións e estreas mundiais.

Na edición de 2023, a estrela do cartel será o británico Actress aka Darren J Cunningham. Representante dunha xeración de artistas que a finais da década dos 2000 animou a escena techno, os seus explosivos directos e os seus laureados discos son sempre unha excelente noticia. En WOS Festival presentará temas do EP Dummy Corporatio  (2022) e o seu último single, Push Power (2023), publicados polo lendario selo discográfico Ninja Tune. Xunto a Actress, salienta o nome da artista de culto Laurel Halo. A americana vén presentar ao vivo, da man da chelista norteamericana Leila Bordreuil, o seu novo traballo, titulado Atlas (2023), unha proposta de ambient con influencia neoclásica. También veremos a estrea mundial do novo espectáculo da lenda xaponesa Midori Takada, Japan On Films (2023), proxecto que conta co apoio internacional de institucións tan prestixiosas como o British Film Institute (BFI) e a Fundación Japón.

No WOS haberá máis estreas. Ao longo das súas seis edicións anteriores, o festival recibiu aos responsables de selos como Kode9 (Hyperdub), Bill Kouligas (PAN) e Helm (ALTER), mais faltaba o sempre interesante Le Gamble. Á fronte de UIQ, este produtor e dj británico con gran recoñecemento na escena experimental internacional será un dos momentos más esperados polo público deste ano. E xusto antes de que o músico Siddhartha regrese á India, veremos a estrea en España dun concerto comisariado polo festival Berlin Atonal, Shackleton & Zimpel with Siddhartha Belmannu and Pedro Maia. También será a primeira vez que veremos en Europa o novo da australiana CORIN; a súa compatriota Kia, concretamente da escena de Melbourne, será, sen dúbida, unha das sorpresas desta edición. Trátase dunha boa selectora cuxos sets en HÖR Berlin, no pasado Dekmantel ou Sustain Release deixaron a moitos e moitas con ganas de moito máis.

Este 2023 tamén cómpre destacar a visita dos dj’s e produtores Black Rave Culture, cuxo segundo disco foi calificado de “incrible” pola influínte plataforma de música electrónica Resident Advisor. Desde Washington DC, traerán con eles todos os ingredientes precisos para unha verdadeira rave inclusiva e poderosa. As persoas afeccionadas ao ambient poderán gozar coa obra doutra americana, Patricia Wolf: as súas composicións cheas de vogais, sons sintéticos e gravacións de campo fan de Wolf un dos nomes más prometedores da escena. E, volvendo a Europa, destaca Iceboy Violet, artista non binario que vén de publicar Not a Drem But a Controlled Explosion. Os seus impactantes directos inclúen rap ao vivo e bases elocuentes.

Ademais, tras triunfar en Dekmantel 2023, recibimos a object blue & Natalia Podgorska estreando en España o traballo Pearl Forest (2023). También a ABADIR, artista do Cairo (Exipto) con base en Berlín, e autor de Mutate, un deses discos que definiron o 2022. Súmase tamén ao cartel do WOS a portuguesa Marlene Ribeiro, cunha traxectoria internacional con colaboracións con Valentina Magaletti ou Colleen, que se une en exclusiva ao talento de Inês Malheiro para facer tres únicos concertos especiais en Lisboa, Porto e Santiago de Compostela. Finalmente, a escena experimental nórdica estará ben representada con Croatian Amor e Loke Rahbek & Frederik Valentin, vinculados ao influínte selo Posh Isolation. Malibu, Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevsky, Bruce, DjRUM, Lamin Fofana, Loraine James, Puce Mary, Slikback & Weirdcore completan o elenco internacional.

En canto á escena galega, WOS Festival x SON Estrella Galicia contará con artistas como Ivankovà, JUAIT, Alex Aller & Margarida Mariñou, Akazie e Kosu Nes & Urok. O festival reivindica así a escena local como unha rede viva e activa, que evolucionou e mutou ao longo do histórico dun festival que deixa pouso no noroeste da Península Ibérica, ao traer a artistas pouco habituais no circuíto galego e que, doutra forma, sería difícil de ver alén das grandes capitais europeas.

Os abonos de catro días (Long Weekend) e de tres días (Weekend) pódense adquirir en wosfestival.es  Como novidade, a partir da semana que vén, concretamente desde as 12.00 horas do martes 29 de agosto, na web oficial do festival poderanse retirar tamén as entradas por día e para concertos ou eventos individuais da noite do venres 15 e do sábado 16 de setembro. 


WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA 2023

ABADIR (Live)
Actress (Live AV)*
Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevsky present Rhizomes (Live AV)* 
Akazie (Dj)
Alex Aller & Margarida Mariño present Transmutation (Live)** 
Black Rave Culture (Dj)*
Bruce (Live)*
CORIN presents Lux Aeterna (Live AV)* 
Croatian Amor (Live) 
DjRUM (Dj)
Iceboy Violet (Live)* 
Ivankovà (Live) 
JUAIT (Live)*
Kia (Dj) *
Kosu Nes & Urok presents Itionomaxi (Live AV)**
Lamin Fofana (Dj)*
Laurel Halo presents Atlas (Live AV)*
Lee Gamble (Dj)
Loke Rahbek & Frederik Valentin (Live)*
Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV)*
Malibu (Live)
Marlene Ribeiro & Inês Malheiro*
Midori Takada presents Japan On Film (Live)**
object blue & Natalia Podgorska present Pearl Forest (Live AV)*
Patricia Wolf (Live)
Puce Mary (Live)*
Shackleton & Zimpel with Siddhartha Belmannu and Pedro Maia present In The Cell Of Dreams (Live AV)*
Slikback & Weirdcore (Live AV)* 

* Estrea en España
** Estrea mundial

20230824_Nota_Prensa_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia_GAL

Convocatoria do VI Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, convocan,  en colaboración coa Xunta de Galicia e  Culturalia GZ o VI CERTAME DE POESÍA TORRE DE CALDALOBA, co fin de poñer en valor este monumento histórico, promover a súa conservación e, asemade, fomentar a creatividade e estimular a creación poética.

BASES

Descargar PDF BASES

Mondra presentará ARDĒN, o seu álbum debut, na Sala Capitol o 29 de setembro

As entradas para asistir á FOLĪA das ARDENTES, a posta en escena do LP ARDĒN, estarán á venda a partir deste martes, 22 de agosto, ás 12.00h, a través de www.salacapitol.com 

O primeiro traballo discográfico do cantareiro e bailador, producido por Berto e editado por Altafonte, publicarase o mércores 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e tamén estará dispoñible en tendas físicas

A Sala Capitol transformarase nunha auténtica FOLĪA das ARDENTES o vindeiro 29 de setembro. Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, presentará ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro LP, sobre o escenario compostelán. As entradas para a cita estarán dispoñibles a partir deste martes, 22 de agosto, ás 12.00h, na web oficial www.salacapitol.com.  

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, ou RUMBAMBĀ. Todos eles formarán parte de ARDĒN, o seu álbum debut, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. Tal e como sinala o creador, “en ARDĒN hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario. Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrías. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece”.Así, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. É na FOLĪA onde xorde a máxima expresión das súas músicas. E este mesmo espazo libertario, esta FOLĪA das ARDENTES, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol na presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. Unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das ARDENTES partícipes no álbum que verá a luz o mércores 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e que tamén estará dispoñible nas tendas físicas. 


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra) e RUMBAMBĀ.

20230821-NP-Mondra-ARDEN-Capitol

O Festival Sinsal presenta o 29 de agosto o Escenario Océano x FEST Galicia

O festival Sinsal pecha a edición de 2023 coa presentación do Escenario Océano x FEST Galicia, que incluirá a actuación do grupo As Donas e actividades paralelas

O Mosteiro de Oia acollerá o martes 29 de agosto, entre as 19:00 e as 21:00 horas, un concerto de música instrumental no que o repertorio xirará arredor da obra de mulleres compositoras dos séculos XVII e XVIII

As e os asistentes poderán realizar unha visita guiada ao mosteiro, declarado BIC, ou vivir unha experiencia inmersiva 360º no mundo submarino da ría de Vigo a través de lentes de realidade virtual

Unha xornada dedicada ao océano será o ramo do Sinsal SON Estrella Galicia 2023, que se traslada dunha illa declarada BIC a un espazo que tamén o é: o Mosteiro de Oia. O martes 29 de agosto, o recinto acollerá a presentación do novo Escenario Océano x FEST Galicia, espazo no que resoarán os ecos do vivido hai un mes na illa de San Simón. 

Esta xornada de peche da edición de 2023, a modo de epílogo, incluirá un concerto de música clásica da man do ensemble As Donas e a posibilidade de participar en actividades paralelas de descubrimento e interacción co patrimonio histórico, cultural e natural, como son unha visita guiada ao propio mosteiro ou mesmo unha experiencia inmersiva 360º ao mundo submarino da ría de Vigo grazas á realidade virtual. As entradas para a xornada xa se poden adquirir, por 12 euros, na plataforma en liña www.enterticket.es

Se no 2022 Sinsal pechou a súa edición no porto vigués, este ano Sinsalaudio quere dar un paso máis e presentar un novo espazo, o Escenario Océano x FEST Galicia, co que se tende pontes entre unha e outra edición do festival. O desenvolvemento da actividade do Sinsal SON Estrella Galicia nun edificio como é o Mosteiro de Oia -cuxa actividade cultural é promovida pola Fundación Bretal- non é baladí: os dous emprazamentos, tanto a illa de San Simón coma o Mosteiro de Oia, comparten momentos históricos e están relacionados co centro ao que se dirixe o foco da actividade: o mar. 

Programación Escenario Océano x FEST Galicia

O peche do Sinsal SON Estrella Galicia 2023 comezará o martes 29 ás 19.00 horas. A primeira parte da xornada será unha actividade divulgativa que o público poderá escoller á hora de mercar a entrada. Por unha banda, poderase realizar unha visita guiada ao propio Mosteiro de Oia, duns 45 minutos, nos que se farán tres paradas (Praza de armas, Claustro e Patio das Laranxeiras) e contará cun número limitado de prazas (75). 

Pola outra, o público poderá participar nunha experiencia inmersiva 360º, unha introdución ao mundo submarino da ría de Vigo dun xeito novidoso, accesible e minimamente intrusivo, grazas ás novas tecnoloxías. Esta segunda actividade desenvolverase en dous momentos. Dunha parte, estará a posibilidade de visualizar unha peza audiovisual que se proxectará dos fondos mariños da ría, na que se recollerá a súa riqueza e características. Da outra, haberá á disposicion do público lentes de realidade virtual Oculus Quest 2 para que se poidan somerxer en augas da ría viguesa a través de imaxes 360º -filmadas polo equipo da cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño 13 GRADOS-. Serán experiencias individuais, de tres en tres persoas, que estarán acompañadas coa interpretación das imaxes que se están a ver. A realización desta experiencia será por orde de chegada e outorgarase un número ou quenda para participar da iniciativa. 

O broche dourado será o Concerto Das Donas: A pegada feminina na historia da música, actuación que ofrecerá a agrupación conformada por Pilar Moráguez (soprano), Marta López (cravo), Elena Vázquez (violín barroco) e María José Pámpano (violín barroco e dirección artística). O ensemble presentará, a partir das 20:00 horas, un repertorio de música instrumental formado, de forma exclusiva, pola obra de destacadas compositoras do Renacemento e do Barroco. Así, na cita o público poderá descubrir obras de autoras como Francesca Caccini, Isabella Leonarda, Bárbara Stroozi ou Élisabeth Jacquet de La Guerre. Con este Concerto das Donas, Sinsal SON Estrella Galicia pecha a edición de 2023 poñendo en valor non só un rico patrimonio artístico, senón o papel das pioneiras na profesionalización da muller no eido da música. 

As persoas interesadas en asistir ao epílogo do Sinsal SON Estrella Galicia 2023 poden adquirir os seus billetes para o Escenario Océano x Fest Galicia desde hoxe mesmo a través do espazo web www.enterticket.es, no que poderán seleccionar o tipo de actividade paralela que quererán facer. As entradas para menores de 16 anos serán a 6 euros e, polas características da iniciativa, o equipo de Sinsalaudio recomenda asistencia para nenas e nenos maiores de 11 anos. 

20230721-NP-Sinsal-Escenario-Oceano

Exposición de pintura de Carmen Gómez Mato e Manolo Santalla na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a EXPOSICIÓN DE PINTURA DE CARMEN GÓMEZ MATO E MANOLO SANTALLA. O acto de inauguración da mesma terá lugar o VENRES 25 DE AGOSTO DE 2023, ÁS 20:00 HORAS, NA SALA DE EXPOSICIÓNS DO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. Permanecerá aberta ao público, no horario estipulado para o Auditorio, dende o 25 de agosto ata o 30 de setembro do presente ano.

NOTA_INFORMATIVA_EXPOSICION-PINTURA