A gran celebración cinematográfica non competitiva do país consolídase na súa aposta de volver a mostrar ao público, en aberto e en pantalla grande, os filmes máis valorados do audiovisual galego do último ano, finalistas e vencedores da recente edición dos Premios Mestre Mateo
O evento reuniu no Teatro Colón da Coruña a unha media de 250 espectadores por proxección, cunha programación que deu boa conta da excelente saúde do noso audiovisual, mostrando a súa riqueza e variedade de formatos -documentais, ficción e animación- para todos os públicos
O programa estivo composto por Código Emperador, María Casares. A muller que viviu mil vidas, Onde máis doe, O home e o can, A Foreign Song, No somos nada, Live is Life, Valentina e O corpo aberto
Pola cidade da Coruña desfilaron do 14 ao 19 de marzo os equipos artísticos e técnicos das películas, con figuras como Jorge Coira, Xavier Villaverde,Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta
A Coruña ven de acoller con éxito a pasada semana a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que do 14 ao 19 de marzo exhibiu o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os finalistas e gañadores dos XXI Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana- foron proxectados no Teatro Colón da cidade herculina ao longo de seis días, en sesións nas que participaron os equipos responsables das obras. Deste xeito, pola Coruña desfilaron artistas como Jorge Coira, Xavier Villaverde, Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre moitas outras figuras do noso cinema.
Nesta cuarta edición, a Semana do Cinema Galego consolidouse na súa aposta de volver a mostrar ao público, en aberto e en pantalla grande, os filmes máis valorados do audiovisual galego do último ano, finalistas e vencedores da recente edición dos Premios Mestre Mateo. O evento reuniu no Teatro Colón da Coruña a unha media de 250 espectadores por pase (continuando o incremento paulatino de público edición tras edición, fronte á media de 230 persoas por pase do pasado ano).
Asimesmo, a programación da mostra deu boa conta da excelente saúde do noso audiovisual, mostrando a súa riqueza e variedade de formatos -documentais, películas de ficción e animación- para todos os públicos. O programa da IV Semana do Cinema Galego contou cos largos de ficción Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe e a película de animaciónValentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro foron de balde, con entrada libre ata completar a sala.
Cita co talento
Con esta nova edición, a Semana do Cinema Galego consolidouse como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca. Toda a información sobre a iniciativa pódese consultar na web https://semanadocinemagalego.gal/.
20230320-NP-balance-IV-SCG_OK