A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, proxecta este sábado as películas Live is Life e O corpo aberto. O acceso á ambas as dúas películas será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 h, a cita é coa comedia Live is Life dirixida por Dani de la Torre e producida por 4 Cats Pictures, Atresmedia Cine e Frida Films. O elenco deste filme coral está integrado por Adrián Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Javier Casellas, Toni Garrido e Marc Martínez, entre outros.

Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, será o filme gótico O corpo aberto de Ángeles Huerta quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas. O público coruñés vai ter a oportunidade de gozar novamente en pantalla grande da gran triunfadora da última edición dos Mestre Mateo, que está producida por OlloVivo Producións, Fasten Films e Cinemate. O filme alzouse con doce galardóns dos dezaseis aos que optaba, entre eles os das categorías de longametraxe, dirección e guión así como as de mellor interpretación masculina protagonista e de reparto para Tamar Novas e Federico Pérez, respectivamente. Na presentación d’O corpo abertoparticiparán a directora Ángeles Huerta, a responsable da montaxe, Sandra Sánchez, e mais o produtor Gaspar Broullón, nun coloquio guiado polo xornalista especializado Javier Trigales

O equipo d’O corpo aberto posará para os medios mañá sábado, ás 18.30 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.00 h, no interior do Teatro Colón. A actividade comezará ás 19.30 h.

Live is Life de Dani de la Torre
Verán de 1985. Como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volve á aldea galega dos seus pais para se reencontrar cos amigos. Mais este ano é distinto para eles. Os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos.

Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoán na busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, medra no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

O corpo aberto de Ángeles Huerta
1909. Miguel, un mestre novo, é destinado a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos pasionais e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu redor á vez que crece a súa fascinación pola enigmática Dorinda.

Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.

20230317-Axenda-SCG-sabado-18