Acto de entrega do Xograr de Outono a Evaristo Calvo no #31FIOT

A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou esta noite o seu galardón Xograr de Outono a Evaristo Calvo. O acto tivo lugar trala estrea absoluta do novo espectáculo da súa compañía Mofa e Befa, ‘Pirolíticos’.

Adxuntamos imaxes, pero atoparedes máis en alta resolución na sala de prensa do FIOT: www.fiot.gal/prensa

Ademais desta estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, o FIOT celebra os 30 anos de Mofa e Befa coa exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre as tres décadas de traxectoria sobre os escenarios do dúo cómico conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A mostra poderase visitar até o 14 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo, na Sala de Exposicións do andar -1 do recinto (fronte o auditorio), no seu horario habitual de apertura o público. 

Por outra banda, nos vindeiros días estará finalizado o mural conmemorativo deste 30º aniversario de Mofa e Befa que está a realizar o artista urbano Yoseba MP, froito da colaboración entre o FIOT e o proxecto Derrubando Muros con Pintura que impulsa a Concellería de Turismo de Carballo. 

Mañá sábado, a programación do #31 FIOT segué a súa marcha coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas que inaugura o ciclo OTNI. 

Esta fin de semana continúan, tamén, as propostas da Rúa dos Contos e do FIOT en ruta. E, mañá sábado, 8 de outubro, de 13.00 a 14.00h, celebraráse a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ no Salón Social do Pazo da Cultura e será de acceso libre para o público. Baixo a condución do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, abordarase a creación galega da man dos protagonistas que abren e pechan esta edición do Programa de Sala: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (‘Pirolíticos) e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’). A conversa, que se gravará ao vivo, estará posteriormente dispoñible no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal

Camiño Escena Norte bota o pano en Santiago co espectáculo infantil ‘El secreto de Julio Verne’

Camiño Escena Norte 2022 presenta ‘El secreto de Julio Verne’

Camiño Escena Norte bota o pano da súa cuarta edición coa presentación, este domingo 9, do espectáculo para público infantil e familiar ‘El secreto de Julio Verne’ da compañía asturiana Fantastique Company.  A función comezará ás 18.30 no andar -1 do Museo Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do espazo. 

Posteriormente, a partir das 19.45 horas, celebrarase un encontro entre Fantastique Company e o alumnado da ESAD de Galicia, no marco da actividade paralela ‘ESADs no Camiño’, novidade na programación expandida desta cuarta edición de Camiño Escena Norte e que pretende pór en contacto ás futuras profesionais das artes escénicas con compañías en activo. 

Data: 9 de outubro de 2022
Hora: 18.30 horas
Lugar: Andar -1 do Museo do Gaiás na Cidade da Cultura
Acto: Función de ‘El secreto de Julio Verne’. Ao finalizar celebrarase un encontro co público asistente que tamén contará coa participación de Tone Martínez e Alba Bermúdez, da compañía galega Galeatro. 

Data: 9 de outubro de 2022
Hora: 19.45 horas
Lugar: Museo do Gaiás na Cidade da Cultura. 
Acto: Encontro do alumnado da ESAD de Galicia con Fantastique Company

SINOPSE ‘EL SECRETO DE JULIO VERNE’
‘El secreto de Julio Verne’, de Irene Santos, comeza na véspera de aninovo, no momento no que Valérie descobre que a casa que sempre foi o seu fogar se converterá nun museo, o que lles obriga, tanto ela como a súa familia, a ter que marchar. Triste e enfadada pola noticia, decide agocharse no seu lugar favorito da casa: o gabinete do seu avó, Julio Verne. Esa noite coñecerá alí a un curioso ourizo latriqueiro que lle desvelará o secreto do seu avó: este non foi só un escritor, senón un grande aventureiro que viviu todas as historias que conta nos seus libros.

20221007-CONVO-CEN-SANTIAGO