Narón acolle este sábado a única función en Ferrolterra de ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero

Narón acolle este sábado a única función en Ferrolterra de ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero

Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados polo director musical da peza, Iago Hermo, compositor ademais da música e do libreto

A ópera comezará ás 19 h na Sociedade Cultural e Recreativa ‘A Pombiña’, na parroquia de Pedroso, e a entrada será libre ata completar o aforo

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este sábado 15 de outubro, ás 19.00 h, na Sociedade Cultural e Recreativa ‘A Pombiña’, na parroquia de Pedroso de Narón. O espectáculo é gratuíto e ten entrada libre ata completar o aforo. A actividade está coorganizada polos servizos de normalización lingüística do Concello de Narón e da Deputación da Coruña. 

Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical. 

Logo de seu paso por Narón, Papagena proseguirá a súa xira por outras localidades galegas nos vindeiros meses, cunha función cada fin de semana. Así, as seguintes citas van ser Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto. 

20221010-NP-ButacaZero-Papagena-NARON

Dossier-Papagena-1

O FIOT propón conversas abertas ao público con Titzina Teatro e Leo Bassi esta fin de semana

A ‘Escola do espectador nas ondas’ propón esta fin de semana dúas conversas abertas ao público con Titzina Teatro e Leo Bassi 

  • O Salón social do Pazo da Cultura acollerá as conversas o sábado 15 e o domingo 16, guiadas polo xornalista Daniel Galindo, cos intérpretes e creadores destes dous espectáculos, cuxa estrea en Galicia terá lugar no marco do FIOT31
  • A Escola do espectador nas ondas, de acceso libre, terá continuidade dúas fins de semana máis, e contará con Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Pont Flotant (sábado 22) e Pablo Messiez, Rebeca Hernando e José Juan Rodríguez (sábado 29). 
  • As estreas galegas de ‘Conferencia espectacular’, ‘Búho’ e ’70 años: Leo Bassi’ marcan a programación dunha fin de semana na que dá comezo o VI Certame Metro Cadrado

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará esta fin de semana dúas sesións da nova Escola do espectador nas ondas, os encontros promovidos polo FIOT entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para promover a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. A primeira sesión, na que participaron Mofa e Befa (‘Pirolíticos), Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, e que conduciu o xornalista e crítico teatral Camilo Franco, xa se pode escoitar desde o web https://fiot.gal/ondafiot/.

Así, o Salón social do Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado 15, ás 13.00 horas, a primeira das dúas sesións desta fin de semana. O xornalista Daniel Galindo (presentador de La Sala, programa especializado en artes escénicas de RNE) conversará cos intérpretes e creadores de Titzina Teatro co gallo da estrea en Galicia de ‘Búho’ (sábado 15, ás 20.30 horas, no Auditorio, no marco do Programa de Sala do FIOT31). Precisamente o recinto carballés será o primeiro escenario que o espectáculo visite en xira logo da súa estrea absoluta esta mesma semana. O encontro, aberto ao público,contará con petiscos e grolos para as e os asistentes.

Ao día seguinte, o domingo 16 a partir das 18.00 horas, terá lugar a segunda sesión da Escola do espectador das ondas desta semana e será con Leo Bassi. O clown e axistador de emocións regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira visita a Galicia e ao FIOT para estrear, no país, o seu último espectáculo: ’70 años: Leo Bassi’. Antes desta función, Galindo falará co bufón italiano sobre a súa traxectoria escénica e esta nova creación, na que esixe, a través da memoria e do humor, que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumulados.

De cara á semana seguinte, o sábado 22, celebrarase a seguinte sesión da Escola, que desta quenda dirixirá a xornalista Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras ou Cine de Barrio). A cita, que comezará ás 13.00 horas, contará con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, de Chévere -Premio Nacional de Teatro 2014-, e Pont Flotant. No primeiro caso, Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019), presentará o venres 28, no marco do ciclo OTNI, a súa conferencia performativa ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, na que aborda o proceso de creación dalgúns dos personaxes que interpretou con Chévere. Pola súa banda, a veterana compañía valenciana Pont Flotant estreará o sábado 22 de outubro en Galicia, no marco do FIOT31, a súa nova creación: ‘Eclipse total’, peza que se enreda nos fíos da memoria para reflexionar sobre a morte, o legado e o misterio desde o característico universo artístico do colectivo. O encontro, aberto ao público, porá en relación o traballo das compañías e dos seus procesos de investigación e documentación. 

Esta nova Escola do espectador nas ondas pecharase o sábado 29 de outubro co protagonismo absoluto de ‘La voluntad de creer’, a nova creación de Pablo Messiez, unha das propostas máis recoñecidas da tempada escénica e que, ao igual que Titzina, fará a primeira parada da súa xira no FIOT. O encontro, que conducirá Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) terá lugar o 29 de outubro, a partir das 14.00 horas, no Salón social do Pazo da Cultura e contará coa participación cds intérpretes Rebeca Hernando, José Juan Rodríguez e do propio Messiez, neste último caso a través de videochamada.
Axenda da fin de semana

Este venres dá comezo a terceira fin de semana de programación do FIOT, que conta con tres estreas en Galicia (‘Conferencia espectacular’, ‘Búho’ e ’70 años: Leo Bassi’) e as primeiras funcións do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo

Ás 19.30, horas, na praza do Concello, Fran Boza presentará ‘Malabarabilidades’, unha proposta ateigada de humor, malabares e mazas, ante o público carballés. De seguido, ás 21.00 horas, haberá unha nova función do XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), na que terá lugar a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular’, do recoñecido David Espinosa, un singular parladoiro -no que combina a palabra con obxectos, maquetas e sombras- sobre o xurdimento doas novas escenas ou dos formatos teatrais máis innovadores, e na que non faltarán referencia a creacións de Peter Brook, Fura dels Baus, Mal Pelo, Needcompany ou Els Joglars, entre outras voces singulares.


O sábado 15 dará comezo a sexta edición do Metro Cadrado. En horario de mañá e tarde, poderanse ver ata catro funcións de dous espectáculos de breve duración: ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, que pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+;  e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm. O acceso será libre e gratuíto ata completar o número de prazas e recoméndase facer reserva previa a través de fiot.microteatroentrada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario no que se queira asistir, nome e apelidos das ou dos asistentes e teléfono de contacto. 

Pola tarde, no marco do Programa de Sala, chegará a estrea en Galicia de ‘Búho’, da catalá Titzina,un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, ‘Búho’ constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa. Xa pola noite, a partir das 23.30 horas, será a quenda do humor máis novo e viral con Pablo Meixe Adrián do Regenco. Ambos presentarán na Rúa dos Contos os seus espectáculos ‘Quen aguanta isto?’ e ‘Así son’ no Mercado municipal. 

Como peche da fin de semana, e tamén no marco do Programa de Sala, o domingo 16 ás 20.30 horas terá lugar a estrea galega de ’70 años: Leo Bassi’, peza na que o bufón italiano fai balance sobre os seus máis de 60 anos sobre as táboas. As últimas entradas dispoñibles para este espectáculo están á venda no web www.ataquilla.com

Ademais da programación escénica, o Pazo da Cultura acolle dúas exhibicións que o público pode visitar no horario de apertura habitual do recinto: Zoom FIOT 2021 (situada no andar 0) e ‘Trinta anos de Mofa e Befa’ (situada na sala de exhibicións do andar -1, fronte ao auditorio). Toda a programación do FIOT31 pódese consultar a través do espazo web www.fiot.gal

20221014-Axenda-FIOT-14_16