Camiño Escena Norte 2022 presenta ‘El secreto de Julio Verne’
Camiño Escena Norte bota o pano da súa cuarta edición coa presentación, este domingo 9, do espectáculo para público infantil e familiar ‘El secreto de Julio Verne’ da compañía asturiana Fantastique Company. A función comezará ás 18.30 no andar -1 do Museo Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do espazo.
Posteriormente, a partir das 19.45 horas, celebrarase un encontro entre Fantastique Company e o alumnado da ESAD de Galicia, no marco da actividade paralela ‘ESADs no Camiño’, novidade na programación expandida desta cuarta edición de Camiño Escena Norte e que pretende pór en contacto ás futuras profesionais das artes escénicas con compañías en activo.
Data: 9 de outubro de 2022
Hora: 18.30 horas
Lugar: Andar -1 do Museo do Gaiás na Cidade da Cultura
Acto: Función de ‘El secreto de Julio Verne’. Ao finalizar celebrarase un encontro co público asistente que tamén contará coa participación de Tone Martínez e Alba Bermúdez, da compañía galega Galeatro.
Data: 9 de outubro de 2022
Hora: 19.45 horas
Lugar: Museo do Gaiás na Cidade da Cultura.
Acto: Encontro do alumnado da ESAD de Galicia con Fantastique Company
SINOPSE ‘EL SECRETO DE JULIO VERNE’
‘El secreto de Julio Verne’, de Irene Santos, comeza na véspera de aninovo, no momento no que Valérie descobre que a casa que sempre foi o seu fogar se converterá nun museo, o que lles obriga, tanto ela como a súa familia, a ter que marchar. Triste e enfadada pola noticia, decide agocharse no seu lugar favorito da casa: o gabinete do seu avó, Julio Verne. Esa noite coñecerá alí a un curioso ourizo latriqueiro que lle desvelará o secreto do seu avó: este non foi só un escritor, senón un grande aventureiro que viviu todas as historias que conta nos seus libros.