A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou esta noite o seu galardón Xograr de Outono a Evaristo Calvo. O acto tivo lugar trala estrea absoluta do novo espectáculo da súa compañía Mofa e Befa, ‘Pirolíticos’.

Adxuntamos imaxes, pero atoparedes máis en alta resolución na sala de prensa do FIOT: www.fiot.gal/prensa

Ademais desta estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, o FIOT celebra os 30 anos de Mofa e Befa coa exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre as tres décadas de traxectoria sobre os escenarios do dúo cómico conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A mostra poderase visitar até o 14 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo, na Sala de Exposicións do andar -1 do recinto (fronte o auditorio), no seu horario habitual de apertura o público. 

Por outra banda, nos vindeiros días estará finalizado o mural conmemorativo deste 30º aniversario de Mofa e Befa que está a realizar o artista urbano Yoseba MP, froito da colaboración entre o FIOT e o proxecto Derrubando Muros con Pintura que impulsa a Concellería de Turismo de Carballo. 

Mañá sábado, a programación do #31 FIOT segué a súa marcha coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas que inaugura o ciclo OTNI. 

Esta fin de semana continúan, tamén, as propostas da Rúa dos Contos e do FIOT en ruta. E, mañá sábado, 8 de outubro, de 13.00 a 14.00h, celebraráse a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ no Salón Social do Pazo da Cultura e será de acceso libre para o público. Baixo a condución do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, abordarase a creación galega da man dos protagonistas que abren e pechan esta edición do Programa de Sala: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (‘Pirolíticos) e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’). A conversa, que se gravará ao vivo, estará posteriormente dispoñible no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal