Pont Flotant e Chévere participan este sábado na ‘Escola do espectador nas ondas’

A ‘Escola do espectador nas ondas’ do FIOT acolle este sábado unha conversa aberta ao público entre Chévere e Pont Flotant 


O Salón social do Pazo da Cultura acollerá a partir das 13.00 horas o encontro, 
que conducirá a xornalista cultural Machús Osinaga

O VI Certame Metro Cadrado ofrecere as estreas absolutas de ‘Xeografía dos corpos’ baixo a ponte do Parque do Anllóns e de ‘Homeless’ no escaparate dunha tenda deportiva

O FIOT avanza no seu compromiso coa accesibilidade e programa esta fin de semana, no marco da Rúa dos Contos, a peza ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez, unha obra inclusiva que se representará en galego e lingua de signos

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará esta fin de semana unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, os encontros promovidos polo FIOT entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para promover a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. O Salón social do Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado 22, ás 13.00 horas, unha conversa aberta ao público que conducirá a xornalista cultural  de RTVE Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras, Cine de Barrio) e que contará coa participación da compañía valenciá Pont Flotant e da galega Chévere. 

O encontro, aberto ao público, contará con petiscos e grolos para as e os asistentes, e permitirá ao público coñecer de primeira man ‘Eclipse total’, o novo traballo de Pont Flotant que se estrea este sábado en Galicia no marco do programa de Sala do FIOT, ou ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, a conferencia performativa que Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019) presentará o vindeiro venres 28 no OTNI e no que aborda o proceso de reación dalgunhas das personaxes que interpretou en Chévere. 

Este mesmo sábado 22 o público do FIOT tamén poderá gozar con novas propostas do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. Desta quenda serán dúas estreas absolutas: ‘Xeografía dos corpos’, da Compañía Ánxela Blanco, un espectáculo de danza-circo creado por Ánxela Blanco e Simone Romanò que se poderá ver baixo a ponte do Parque do Anllóns; e ‘Homeless’, peza qde Mónica Paradela que emprega o texto e as habilidades circenses para presentar o auxe e caída dunha deportista de élite, e que se poderá ver no escaparate da tenda Zocas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas). 

Xa pola noite o Mercado municipal acollerá unha nova función do ciclo de Narración Oral Rúa dos Contos, que este ano rende homenaxe a Pedro Brandariz. Será a quenda de ‘Contando polos dedos’, un espectáculo accesible para persoas ouvintes, xordas, interesadas na lingua de signos e ou nas capacidades expresivas desta fala en Galicia. Unha creación de palabras e sinlencios, na que Quico Cadaval e Chusa Pérez Vallejo retoman unha colaboración dos anos 90 e voltan con estas dúas maneiras de contar: pola boca e polos dedos.

A programación da fin de semana pecharase cunha das xoias da escena teatral alternativa: ‘Freak’, de Amor Producciones, baseada no texto da dramaturga Anna Jordan. Baixo a dirección de Paula Amor, a proposta -enmarcada no ciclo OTNI- é unha peza de teatro social sobre a feminidade que se converteu en toda unha referencia internacional pola súa maneira de abordar a sexualidade.

20221021-Axenda-22-e-23-de-outubro

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Tui este venres 21 de outubro

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Tui este venres 21 de outubro

  • Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario polo director musical da peza, Iago Hermo, compositor ademais da música e do libreto
  • A ópera será no Teatro Municipal de Tui ás 21.30 h e a entrada gratuíta pódese reservar na web tui.gal

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este venres 21 de outubro, ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

O espectáculo é gratuíto pero cómpre reservar a entrada na web tui.gal. Esta función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra que tamén levará proximamente Papagena ata Gondomar (5 de novembro) e Bueu (19 de novembro).

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical. 

Así, alén de Pontevedra, a xira de Papagena tamén ten previstas funcións en Oleiros (29 de outubro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

20221018-NP-ButacaZero-Papagena-TUI