O Camiño Escena Norte bota o pano esta fin de semana con cinco funcións en Ames, Carballo, Vilalba, Viveiro e Santiago de Compostela

O proxecto de intercambio de artes escénicas propón catro espectáculos para público infantil, familiar e adulto con compañías procedentes de Asturias, Euskadi e Navarra

O 9 de outubro celebrarase no Gaiás un encontro entre o alumnado da ESAD de Galicia con Fantastique Company, á fin de poñer en contacto ás e aos estudantes con profesionais das artes escénicas en activo


O Camiño Escena Norte (2022) bota o pano en Galicia esta fin de semana. O proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, comunidade que se incorporou ao programa cultural nesta cuarta edición, finalizará o seu percorrido por escenarios de Galicia con cunha chea de funcións. En total, CEN 2022 ofrecerá cinco funcións de teatro e danza en Ames, Carballo, Vilalba, Viveiro e Santiago de Compostela entre o venres 7 e o domingo 9 de outubro. 

A primeira cita será coa compañía asturiana Zig Zag Danza, que ofrecerá dúas funcións do seu espectáculo ‘Mímesis’, unha creación dirixida ao público infantil, especificamente á primeira infancia (0-3 anos).  Zig Zag bailará o venres 7 en no Auditorio da Casa da Cultura de Milladoiro, en Ames, mentres que o sábado 8 de outubro visitará o Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. En ambos casos será necesario retirar previamente os convites (abilleteira.concellodeames.gal e www.entradasvilalba.es) para acceder aos recintos. 

O sábado 8 a actividade de Camiño Escena Norte espallarase ás localidades de Viveiro e Carballo. Precisamente nesta última CEN volve formar parte da programación oficial do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, logo de facelo na súa primeira edición (2019). A compañía navarra La Caja Flotante presentará ‘Beautiful Stranger’, de Iron Iraizoz, no Pazo da Cultura da localidade bergantiñá.. As entradas están dispoñibles a través do web www.fiot.gal

Tamén na tarde do sábado CEN visitará a Mariña lucense, concretamente o Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Alí terá lugar a representación de ‘El enjambre’, de Kepa Arrasti, da man da compañia vasca Vaivén Producciones. As entradas poderanse reservar a través do correo rbg.cultura@viveiro.es e recoller o mesmo día da función no despacho de billetes do recinto. 

Finalmente, Camiño Escena Norte 2022 pecharase po domingo 9 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura, coa representación para público infantil e familiar de ‘El secreto de Julio Verne’, da asturiana Fantastique Company. A cita será ás 18.30 horas no andar -1 do Museo Centro Gaiás e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do espazo. Esa mesma tarde, celebrarase un encontro entre a compañía e o alumnado da ESAD de Galicia, como parte da programación expandida ‘ESADs no Camiño’.

Materiais dos espectáculos

Descarga o teaser e as fotografías de ‘Mímesis’.

Descarga o teaser e as fotografías de ‘El enjambre’.

Descarga o teaser e as fotografías de ‘Beautiful Stranger’

Descarga o teaser e as fotografías  de ‘El secreto de Julio Verne’.

AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | 07 – 09 DE OUTUBRO

07.10.2022 | 18:00 horas no Auditorio Casa da Cultura do Milladoiro (Ames)

08.10.2022 | 18:00 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez (Vilalba)

‘Mímesis’, de Estrella García e Miguel Quiroga | Zig Zag Danza (Asturias)

‘Mímesis’ concíbese como un ritual escénico iniciático para a primeira infancia e as súas familias, que constrúe un ecosistema escénico para que sexa habitado e compartido por intérpretes e participantes. Trátase dunha coidada produción internacional de máis de tres anos, realizada entre España e Alemaña. Ao igual que as anteriores creacións de Zig Zag Danza, ‘Mímesis’ é unha proposta que parte da honestidade e do respecto, preservando a capacidade de desenvolvemento creativo dos públicos máis pequenos.

08.10.2022 | 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro
El enjambre’, de Kepa Arrasti | Vaivén Producciones (Euskadi)

Un grupo de amigas da infancia acode a unha casa rural para celebrar a despedida de solteira dunha delas. Pero os anos non pasan en balde e aínda que sintan un vínculo moi forte entre elas, nada é o que era; ou si… O que a priori ía ser unha fin de semana de festa tola, toleará un pouco máis se cabe: trapos sucios, cousas que nunca se dixeron, confesións, alcol, droga e un enxame. Dise que no reino animal as abellas son os seres que mellor se comunican. E, segundo parece, comunícanse bailando…

08.10.2022 | 20:45 horas no Salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo (FIOT)

‘Beautiful Stranger’, de Ion Iraizoz | La Caja Flotante (Navarra) 

O 21 de maio de 2019, Ion Iraizoz celebrou o seu corenta aniversario facendo unha festa/performance á que nomeou ‘O último martes antes de cumprir 40’. En ‘Beautiful stranger’, o autor interprétase a si mesmo para tratar de reconstruír a súa festa de aniversario coa complicidade do público. Peza híbrida, entre a autoficción, a comedia existencial e a linguaxe cinematográfica, trata sobre como a memoria é invadida constantemente pola imaxinación e sobre as múltiples identidades que caben na vida dunha persoa.

09.10.2022 | 18:30 horas no andar -1 do Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela

‘El secreto de Julio Verne’, de Irene Santos | Fantastique Company (Asturias)

Na véspera de aninovo, Valérie descobre que a casa que sempre foi o seu fogar se converterá nun museo, o que lles obriga, tanto ela como a súa familia, a ter que marchar. Triste e enfadada pola noticia, decide agocharse no seu lugar favorito da casa: o gabinete do seu avó, Julio Verne. Esa noite coñecerá alí a un curioso ourizo latriqueiro que lle desvelará o secreto do seu avó: este non foi só un escritor, senón un grande aventureiro que viviu todas as historias que conta nos seus libros. 

09.10.2022 | 19.45 a 20.30 horas no Museo Centro Gaiás

Encontro do alumnado da ESAD de Galicia con Fantastique Company

Camiño Escena Norte inclúe, como novidade da súa cuarta edición, ESADs no Camiño, unha actividade enmarcada na súa programación expandida e que quere pretende poñer en contacto ao alumnado con profesionais das artes escénicas en activo. Abordarán, nun coloquio, as características, proceso de creación e natureza do espectáculo, así como as dinámicas de funcionamento dunha compañía profesional.

20221004-NP-CEN-Galicia-2022-Ultima-semana

O FIOT celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, unha exposición e un mural en Carballo

O FIOT celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, unha exposición e un mural en Carballo

  • ‘Pirolíticos’, a nova coprodución do FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, verase o venres 7 ás 21.00 horas o sábado 8 ás 20.30 horas no Pazo da Cultura na apertura do Programa de Sala
  • Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen recollerá o galardón Xograr de Outono 2022 este venres,  son protagonistas dunha peza dirixida por Clara Gayo; cuxa dramaturxia asinan a propia Gayo, María Lado e Lucía Aldao, e que pon o foco no impacto do patriarcado

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, renderá homenaxe esta semana ao dúo cómico Mofa e Befa, conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. Serán os protagonistas da estrea absoluta de ‘PIrolíticos’, a nova coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, presentada esta mañá no Pazo da Cultura de Carballo. No acto, no que o reparto estivo presente, contou coa participación da directora da obra, Clara Gayo; do director do certame Alberto Sueiro; do concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.

Alberto Sueiro, quen salientou a “felicidade” que supón para o FIOT volver colaborar con Mofa e Befa, foi o responsable de dar a coñecer a programación de actividades vinculada á celebración do 30 aniversario do dúo e que, ademais de incluír a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ este venres 7 de outubro (21.00 horas) e unha segunda función o sábado 8, (20.30 horas), acompañarase da inauguración dunha exposición (xoves 6. 20.00 horas) sobre as tres décadas de traxectoria conxunta de Calvo e Mosqueira, e da creación dun mural en Carballo asinado polo artista plástico galego Yoseba MP coa colaboración do proxecto “Deburrando Muros”que impulsa a Concellería de Turismo. 

Evaristo Calvo, nomeado Xograr de Outono 2022 o pasado mes de agosto -galardón que recollerá precisamente o venres 7- afirmou que “Carballo é o mellor sitio para celebrar o noso 30 aniversario”. “Estar aquí sempre foi un talismán para Mofa e Befa e agardamos que este ano sexa así de novo, e que a xira con ‘Pirolíticos’ teña moi boa acollida”, expresou o intérprete. Con esta obra, o dúo emprende oseu proceso creativo máis arriscado e experimental. Tal e como expuxo Calvo, trátase dunha proposta “rupturista” respecto á súa liña habitual, mais non na forma: “haberá humor, sarcasmo, ironía e, por suposto,  perrallada”, apuntou. Ao fío, Víctor Mosqueira salientou que “gozaron moito do proceso creativo” e que teñen “curiosidade” por ver a resposta do público.

Un dos elementos máis destacados da proposta é que ‘Pirolíticos’ conta con tres mulleres na dirección e no texto: Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao. Elas asinan este convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, que pon o foco no home que simpatiza coa teoría feminista, pero que se ten que enfrontar á cultura machista profundamente instalada na nosa sociedade. “Para nós foi un desafío, como autoras, falar do feminismo con dous homes como protagonistas”, sinalou a directora. “O público verá unha serie de escenas nas que retratamos diversas masculinidades, unha especie de álbum de retratos no que os homes tamén se verán reflictidos”, apuntou Gayo.

Neste sentido, Evaristo Calvo expresou que ‘Pirolíticos’ é unha “revisión das actitudes machistas, micro e macromachistas, coas que convivimos cada día”. “Non pretendemos  impartir doctrina nin revolucionar nada, pero si entreter e poñer o foco desde a comedia, con forza e vehemencia, sobre unha idea compartida: o feminismo levará este mundo a ser mellor e máis equilibrado para todas e todos”, aseverou Calvo.

Antes da estrea absoluta do venres 7, ‘Pirolíticos’ pre-estrearase para o alumnado de secundaria dos centros escolares de Bergantiños cunha función o xoves 6, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, no marco da liña de programación dirixida a público adolescente: FIOTeen. Unha vez finalice a función, celebrarase un encontro coa compañía. 


Exposición Trinta anos de Mofa e Befa e mural con Derrubando muros. 

Co gallo da celebración do 30 aniversario sobre as táboas do dúo de comedia, o xoves 6, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre a traxectoria desde os seus inicios desafiantes nos primeiros anos 90 até a actualidade, nun camiño no que se atreveron con clásicos como Shakespeare ou Rosalía de Castro. A exhibición, comisariada pola artista Natasha Lelenco, poderase visitar no Andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo. 

Completa a programación especial sobre Mofa e Befa a creación dun mural conmemorativo, coa colaboración do proxecto de Arte Urbana de Carballo Derrubando Muros con Pintura asinado polo artista Yoseba MP; un dos máximos expoñentes da pintura contemporánea en Galicia, de marcado estilo realista. O autor está a traballar estes días no mural, situado na rúa Barcelona -moi próxima ao Pazo da Cultura- e que inmortalizará a dúas figuras imprescindibles da escena contemporánea galega.

20221003-NP-Estrea-absoluta-Piroliticos