Pontevedra acolle este sábado 10 de setembro a estrea absoluta de ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero
Iago Hermo asina a música orixinal e o libreto desta creación contemporánea de pequeno formato, que este outono xirará por unha ducia de localidades galegas
Os convites para a función deste sábado, enmarcada no programa ‘Con-fiando’ da Deputación de Pontevedra, xa están esgotados
A compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, estreará este sábado 10 de setembro, en Pontevedra, a súa nova creación: Papagena. A peza, que xirará por un total de catorce localidades de Galicia ao longo deste trimestre, é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica.
A estrea absoluta de Papagena, que conta coa presenza da soprano Esperanza Mara e do barítono Jacobo Rubianes Castelo, terá lugar o sábado 10, a partir das 21.30 horas, nas ruínas do Convento de Santo Domingo. Os convites para asistir ao evento, enmarcado na xira ‘Con-fiando’ da Deputación de Pontevedra, xa están esgotados.
Papagena é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.
Logo dos ensaios abertos ao público no Auditorio Municipal de Rianxo e a estrea absoluta de Pontevedra, Papagena chegará a outra ducia de localidades galegas nos vindeiros meses, cunha función por cada fin de semana. A primeira parada da xira será no porto de Fisterra (17 de setembro), para continuar en O Grove (24 de setembro), Celanova (1 de outubro), Caldas de Reis (9 de outubro), Narón (15 de outubro), Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá desfrutar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.
APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO
Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.