Inauguración da exposición colectiva “Pambre, a arca de pedra”, no Castelo de Pambre

O venres 10 de xuño ás 12,00 h o IEU inaugura no castelo de Pambre a exposición colectiva PAMBRE, A ARCA DE PEDRA, comisariada pola galerista Cristina Carballedo Penelas e coordinada por Braulio Vilariño, que xira en torno á figura animal e a actividade agrícola desenvolvida no propio castelo durante séculos.

Dende ángulos moi diferentes, os artistas que participan neste proxecto amósannos a súa particular visión do mundo animal con estilos e soportes moi diversos. Poderedes ver esculturas de Álvaro de la Vega, Camilo Seira,  Óscar Aldonza, Paulo Neves, Xoán Vila e Alberto Gulías; pinturas de Julio Sanjurjo, Seara, Correa Corrredoira, Jorge Espiral, Xer Refojo,  Miguel Anxo Macía,  Peña Romay, Adolfina Mesa, Lomarti e Andrés. G. Shuttleworth, e fotografías de Edu Valiña, Peter Schneider e Xosé Reigosa.

Os carteis e dípticos, como en anteriores exposicións organizadas polo IEU no castelo de Pambre, foron deseñados por Azucena Souto (Dú-as).

SonDeSeu clausura a súa xira de aniversario cun concerto acústico en Santiago de Compostela 

A orquestra folk de Galicia actuará o sábado 18 de xuño no Auditorio de Galicia e as entradas para gozar do espectáculo están dispoñibles na web www.ataquilla.com

Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu vai poñer o ramo a súa xira de celebración do XX aniversario cun concerto no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela o vindeiro 18 de xuño. Este espectáculo da agrupación dirixida por Rodrigo Romaní, un dos proxectos musicais máis senlleiros do país, é posible grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela e as entradas pódense adquirir no espazo web www.ataquilla.com.

A veterana orquestra repite en Santiago o formato acústico sen amplificación que tan boa acollida tivo de público e crítica nos concertos previos de Vigo, Lugo e A Coruña. Esta singular proposta está concibida como un convite para compartir cos asistentes a experiencia de asistir a un ensaio de SondeSeu e experimentar a mesma sonoridade que teñen os 60 integrantes da orquestra cando tocan ao natural. Alén diso, no transcurso do concerto vanse proxectar vídeos creados ex professo para esta xira co gallo de celebrar dúas décadas de actividade a prol da música galega.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

SonDeSeu

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.

A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o ‘Libro branco da educación en música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e de Europa.

20220607-NP-Concerto-SonDeSeu-Santiago