A DÉCIMA EDICIÓN DO FESTIVAL ATLÁNTICA PROGRAMA EN SANTIAGO MÁIS DE TRINTA ESPECTÁCULOS
- Entre o 30 de xuño e o 9 de xullo, Santiago será o epicentro da actividade do festival con 31 espectáculos
- Actuarán narradores de Colombia, Brasil, Arxentina, Portugal, Guipúscoa, Valencia e Galicia
- Volven os itinerarios narrados e a música, aumentan as sesións con interpretación en lingua de signos incorpóranse os contos improvisados
A décima edición do Festival Atlántica vai encher de contos Santiago de Compostela entre o 30 de xuño e o 9 de xullo. Os picheleiros poderán gozar dun total de 31 espectáculos dos 94 que compoñen a totalidade do programa. Esta intensa actividade na cidade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais a colaboración do Concello de Santiago.
A cidade vai acoller estes días as historias de artistas internacionais como Carolina Rueda (Colombia), Vitoria Siedlecki (Arxentina), Claudia Fonseca (Brasil), Vítor Fernandes (Portugal) ou Estefânia Surreira (Portugal). Non faltarán voces doutras rexións como as de Virginia Imaz (Guipúscoa) e Félix Albo (Valencia) e, por suposto, os contadores do país: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Santi Prego, María da Pontragha, Dani Blanco, Cris Collazo, Anxo Moure, Atenea García, Charo Pita, Sole Felloza, Santi Prego e Jorge de Arcos.
A inauguración oficial do Festival Atlántica vai ser o xoves, 30 de xuño, cunha función dobre de dous grandes da narración oral galega, Paula Carballeira e Quico Cadaval, no parque de Bonaval. Esta fórmula de duetos vaise repetir noutras xornadas do festival, combinando artistas de diferentes procedencias que compartirán co público as súas historias e xeitos de contar.
Haberá funcións ao longo do día, desde a mañá ata a noite, e concibidas para todo tipo de público. Así, por exemplo, o parque de Bonaval será a sede do ‘Espazo bebés’ e tamén está previsto un ‘Espazo familias’ que rotará por diversos puntos de Santiago e que chegará ás outras sedes do festival.
Ademais, este ano amplíase ata cinco o número de funcións con interpretación en lingua de signos e alén diso, por primeira vez, vai actuar no festival un contador non vidente. Será o vindeiro 9 de xullo na fortaleza da Rocha Forte onde Francisco de Romualdo, acompañado da zanfona, clausurará Atlántica cun espectáculo que recupera os cantares de cego de antano. Nesa velada o público tamén poderá gozar doutra das novidades desta edición: contos improvisados da man de Santi Prego e Jorge de Arcos.
Pero antes da clausura haberá tempo para unha das citas clásicas, os itinerarios narrados, que xa esgotaron as súas prazas ao pouco de ser anunciados. Este ano haberá dúas actividades con Carme Varela, autora da premiada obra ‘As desterradas’, e unha coa arqueóloga Rebeca Blanco. A maiores, está programada unha visita guiada pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ co seu comisario, Manuel Gago, que tamén colgou o letreiro de ‘convites esgotados’.
A música non podía faltar á festa dos dez anos de Atlántica. Así, este ano vaise retomar a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago nunha ‘Romaría’ moi especial na que participa Celso Fernández Sanmartín, pero tamén regresará a ‘Gaitazumba’ de Luis Prego e a música e os contos de das catro estacións de Vivaldi grazas a ConcertArt e Sole Felloza.
O festival repite este ano a colaboración coa MICE do Museo do Pobo Galegoe proxectará a curta documental ‘Verbas no ar’ de Paco Paz e Ernesto Muleiro ademais de organizar un coloquio onde participarán Anxo Moure, Celso F. Sanmartín e un dos codirectores do audiovisual. Ademais, este ano tampouco faltará a colaboración con ASANOG (Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia) que levará os contos de Felloza e Charo Pita ata os nenos da Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).
Sedes próximas: Teo e Padrón
O concello veciño volve ser sede do festival e celebra así dez anos de travesía conxunta con Atlántica. Entre os espectáculos programado en Teo destacan unha sesión de contos de medo con Paula Carballeira e Sofia Maul no cemiterio municipal, concibida para público adolescente e adulto, e unha contada con Avelino González na área recreativa do Xirimbao para toda a familia.
No caso de Padrón, estréase como nova sede cun dos espectáculos máis singulares desta edición: ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo nos xardíns da Fundación Pública Galega Camilo José Cela en Padrón. Unha oportunidade para gozar da mestría de Cadaval coas historias e a química que establece con Chusa Pérez, especialista en contos narrados en lingua de signos.
Alén de Santiago
Mais Atlántica tamén vai desenvolver actividade noutros lugares espallados polas catro provincias galegas. Deste xeito, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne e Zas, ademais de Santiago de Compostela, Teo e Padrón. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.
+INFO: http://festivalatlantica.gal
20220624-NP-Festival-Atlantica_ProgramaSantiago