Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A ROMARÍA DO CARME DE VILABADE

Das romarías do concello de Castroverde, a da Virxe do Carme, a un quilómetro de Vilabade, foi no seu tempo unha das de maior tradición e concorrencia de fieis e amantes do bo xantar e a esmorga. Actualmente perdeu parte do seu esplendor, e non só por mor da pandemia. O despoboamento do rural e o cambio de costumes da xente nova fixeron que ano tras ano fora perdendo pulo.

Nunha variante do Camiño Primitivo, despois de baixar de A Baqueriza, alto que delimita os concellos de Baleira e de Castroverde, álzase unha pequena ermida, construída a principios do século XVII por iniciativa da familia Montenegro- Páramo Osorio Ulloa; crese que sobre un antigo santuario vinculado ao hospital de Peregrinos de San Gabriel.

Trátase da ermida en honra á Virxe do Carme. Ermida que se atopa no medio dunha fermosa carballeira; coma diría o asturiano Xurde Morán, gran coñecedor do Camiño Primitivo, “en un paraje deliciosamente mágico y encantador, absolutamente de cuentos de hadas”. A carón dela encontramos a fonte do Romeiro, vinculada aos peregrinos, coma o seu nome indica. Fonte onde é preciso deterse e botar un bo grolo das súas frescas e cristalinas augas.

“Fuente y capilla, campo de romeros y carballos, aportan especial solaz y sosiego a la estampa. Difícil sustraerse a la tentación, con la excusa de pararse a descansar y beber agua, de dormir una apacible siesta o relajarnos releyendo nuestros mapas y guías”, volve dicirnos Xurde Morán, no seu espléndido blog adicado ao Camiño do rei Afonso II o Casto.

Todos os primeiros domingos do mes de agosto celébrase a citada romaría. Eu hai moitos anos que non acudo a ela, pero cando era neno, e logo xa máis mozo, non me perdía unha. O meu padriño, José, xunto co cura D. Manuel, foi un dos encargados de recuperar a tradición que estaba case esquecida, pasando a ser a romaría máis importante do noso concello e dos concellos limítrofes. Alí todos os anos acudían fieis e non tan fieis a pasar o día, enchendo a carballeira e prados contiguos, acotío tan silenciosos, de merendas e de xolda.

Un dos que nunca faltaba era “Epiteto”. Por este nome moitos/as non se darán conta de quen falo, pero se digo Paco Pestana, coido que non me será preciso dar máis explicacións. O alcume de Epiteto, vén de cando un día, ante unha pregunta do mestre, no canto de responder epíteto, respondeu epiteto, e xa lle quedou para sempre. Paco, despois de deixar a comuna de Negueira, veuse cun amigo vivir na vivenda da escola de Rodinso, moi preto da casa de Lameliña, de onde era o meu padriño José. Alí foi onde empezou a traballar cos toros dos carballos ou castiñeiros e a ter máis relación con José, “Padre escapulario”, que era así coma era coñecido na comarca, por portar un grande escapulario da Virxe ao pescozo durante os días de romaría ou cando se celebraba algunha misa na citada capela. 

Dúas persoas totalmente diferentes. “Epiteto”, ateo radical e “Padre escapulario”, católico fervente, membro da Adoración nocturna na catedral de Lugo e de misa diaria. Algo que non impedía que tivesen unha boa relación e que todos os primeiros domingos de agosto coincidisen na carballeira do Carme, cada un co seu cometido. José preocupado polas misas e polas contas da confraría e saíndo a dar a súa prédica relixiosa ao palco dos gaiteiros e Paco de troula polo prado ou subíndose a un carballo para predicar o amor libre ou o primeira cousa que se lle viña á cabeza. Algo, si tiñan en común, o baile; cando os gaiteiros se poñían a tocar unha muiñeira ou unha xota, ou a orquestra Variedades de Viveiro, que nunca faltaba,  alí estaban os dous dispostos a botar unha baila.

A capela do Carme, lugar de obrigada visita. Visita non sen antes facer unha parada en Vilabade e visitar a súa fermosa praza, con dous monumentos salientables: o pazo do S. XVII e a Igrexa de Santa María, coñecida como a catedral de Castroverde. Igrexa do S.XV, de estilo gótico, con elementos do barroco e neoclásico na fachada e unha soa nave abovedada. No interior destaca a imaxinería e altares do S.XVI. Actualmente está considerada Ben de Interese Cultural. 

Suso de Lameliña