O espectáculo escenificarase mañá, sábado 4, no Auditorio Gustavo Freire
· O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu a un dos ensaios da peza de Nacho Mañá
· Esta ópera mestura a música clásica coa música folk e nela participan, entre outros, Anxo Lorenzo e Anxo Pintos
Xa está todo listo para a ópera María Soliña que se vai representar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo mañá sábado 4. O espectáculo é autoría do compositor Nacho Mañá e mestura a música clásica coa música folk dun xeito pioneiro que ten como resultado a primeira ópera folk galega. A representación de María Soliña na cidade lucense é posible grazas á colaboración do Concello de Lugo e mais da Xunta de Galicia no marco da convocatoria extraordinaria de subvencións para espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu a un dos últimos ensaios da ópera folk galega María Soliña, antes da súa escenificación. As entradas pódense adquirir na web Enterticket a un prezo de 15 euros máis gastos de xestión. Na billeteira terán un custo de 18 euros.
Unha Soliña revisada
A obra narra a historia de María Soliña, unha canguesa de 70 anos que no século XVII foi acusada de bruxería polo Tribunal da Inquisición de Santiago e foi despoxada de todos os seus bens por parte dos poderes eclesiásticos. Nacho Mañá baseouse na peza teatral “A defensa da vila” de Xosé Manuel Pazos, exalcalde de Cangas e tamén dramaturgo, pero reinterpretouna desde unha perspectiva máis moderna, facendo fincapé nos valores de loita e poder feminino que Soliña encarnou ao longo da súa vida.
A soprano Patricia Rodríguez será a responsable de dar vida a María Soliña mentres que o tenor Diego Neira interpretará o papel do seu home, Pedro Barba. O contratenor Christian Gil-Borrelli será Sabela,a personaxe antagonista da historia, e o resto do elenco completarase co baixo Beltrán Iraburu no rol do inquisidor, co actor Lois Soaxe como o narrador cego e coas Arreneghadas no coro.
A designación de ‘opera folc’ para este espectáculo non é unha cuestión gratuíta. A mestura da música clásica e mais o folk galego queda patente no uso de instrumentos a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e nas contribucións do gaiteiro Anxo Lorenzo e do mestre de zanfona Anxo Pintos. A dirección musical de María Soliña é reponsabilidade de Roc Fargas e a dirección escénica leva o selo de Sigfrid Monleón.
Velaquí a nota informativa.
http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/soprano_Patricia_Rguez-opera_Maria_Solina.mp3
http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/director_musical-Roc_Fargas-Maria-Solina.mp3
http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/Jacobo_Sutil_Agadic.mp3