OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo, Chimamanda Ngozi Adichie

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo

Autora: Chimamanda Ngozi Adichie

Editorial: Literatura Random House

Ano de publicación: 2017

Quince consellos coma quince pétalos que conforman a flor da igualdade. Así se nos presenta este breve ensaio da autora nixeriana, que xa ten constatado en libros anteriores o moito que nos queda por facer, aínda, na loita feminista. Quizais sexa neste volume onde Chimamanda pon o foco, ex professo, na educación das novas xeracións. E é que non podemos pasar por alto o papel fundamental que exerce a formación nos primeiros anos de vida.

Agora que estamos inmersxs na “volta ao cole”, igual é un bo momento para reparar nas reflexións que aquí se recollen: desde rexeitar estereotipos e prexuízos sexistas, pasando pola importancia do traballo en equipo ou a lectura coma actividade ligada ao pensamento até reforzar a autoestima na infancia. Todo isto contado de maneira clara e concisa, achegando múltiples exemplos cos que nos atopamos no día a día, pois nada hai de inverosímil no relato desta escritora.

Con todo, xa se nos advirte nas primeiras páxinas, que estes quince consellos poden non dar os resultados esperados (lembremos que a educación das crianzas non é exclusividade dxs proxenitorxs, toda a tribo educa). Mais o importante é non desistir e intentalo. Algo lograremos no proceso, non hai dúbida. Porque se non vivimos como pensamos, corremos o risco de acabar pensando como vivimos.

Parladoiro con… ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ

Parladoiro con… ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ

1. E se comezamos cunha pregunta de observación. No cromatismo da túa ollada predomina o silencio ou a sonoridade? A rebeldía ou a calma?

En todo este confluír de enerxías e cores que se derraman sobre nós cunha velocidade de vertixe, e onde o tempo parece correr máis rápido que nunca, diría aquela recurrida palabra tan galega de  “Depende” xa que cada cousa ten o seu tempo” e  a súa propia mirada .Unha mirada que se activa e vive nos  submundos do campo visual cuxas formas pasarán a un estado de  intermitencia continua.

Se cadra hai silencio rebelde na mira que non cala 😉

2. No momento en que elaboro este cuestionario, o teu perfil de Facebook ten a imaxe de portada dunha Rochi diante dunhas ás pintadas sobre unha parede, en actitude de emprender o voo;mentres na imaxe do perfil aparece unha Rochi ante un micrófono en ademán reflexivo, se cadra. Tomando a referencia desas dúas imaxes, fálame desa impregnación de contrastes que nos habita.

A dualidade do ser ou  a dualidade do equilibrio de todo o que nos rodea componse de dúas forzas opostas que se unifican en harmonía para favorecer o movemento e, á súa vez, o cambio. Así, mentres adoro o que simboliza  o escuro, a auga, o intuitivo e a capacidade de nutrir a vida, a fantasía  constitúe o ímpeto, o luminoso, a expansión e o lume, a franqueza, a enerxía, ao voo sen medo.

Antíteses ou non do marabilloso. No medio deste  suxestivo xogo dialéctico e conceptual onde todo parece ter o seu oposto e á súa vez unha parte complementaria, a vida é unha constante evolución , polo que o cambio debe de ser constante. Velaí a transparencia do sentir, cantas emocións temos ao longo do día? Cantas agochamos? 

En ambas fotos me recoñezo, e quen ben me sabe de min, tamén. 😊

3. Hai unha escrita (a túa, por exemplo) construída na esencia da terra ou na do ferro e o asfalto? Esa dicotomía mundo rural-mundo urbano.

Escrita híbrida diría sen dubidar.

4. Ese entusiasmo, esa vitalidade que semella constituírte como artista tamén a trasladarás á túa faceta de ensinante?

Tento que así sexa con tódalas miñas forzas, adoro o meu traballo, sigue emocionándome, aprendo a diario na aula, procuro formarme continuamente, de feito volvín á universidade, gozo cada curso escolar, pode haber algo máis fermoso que coñecer as novas xeracións de preto coas suás emocións , inquedanzas e sentires? Mágoa que no noso sistema educativo non prime o desenvolvemento da curiosidade, a creatividade, a experimentación.

O ensino non se consegue transmitindo información que se repite ata memorizala, sen lóxica razoada. Creo que sería máis importante aprender a pensar que memorizar, pero só é unha opinión persoal, gústame o ensino manipulativo e emocional.

5. Deixou escrito o meu paisano vilalbés, Agustín Fernández Paz, a través do título dun libro “O único que queda é o amor”. Tamén lemos/escoitamos aquilo de que “só o amor pode salvarnos”. Que opinas destes e doutros axiomas arredor do concepto amor?

O amor inclúeo todo, é un sentimento enorme que nos permite ir apreciando as emocións pode algúen dubidar do amor? Habería sociedades, se non hai amor? Poder haber algo máis motivador que amar en tódoda-las súas variedades?

6. Como entendes a poesía? Forma parte do teu proceso vital ou disóciala dese devir cotián que nos transita?

A poesía  (e a arte en xeral ) é como a auga, como o sol, como o amor, un alimento preciso, a vitamina diaria, o acougo, lugar onde podes ser ti mesma, na versión máis real ao máximo exponente, sen que nada máis importe.

7. Na etapa creadora e creativa empregas, en moitas ocasións, unha simbiose de linguaxes (literatura, música, debuxo, colaxe, etc.). Que atopas nesa maridaxe de linguaxes artísticas?

​É que non as concibo individuais, son un todo, un fluír, unha mesma  Aorta, un mesmo motor con todas as súas malgamas.

8. A arte, nos seus distintos xeitos de expresión, debe manifestar un compromiso social? Ser artista é unha utopía? Pero unha marabillosa utopía, non che parece?

A arte é infinita, enmarcala é limitala, a arte é precisa para a vida e a vida está tamén chea de inxustizas sociais que se soen reflectir. 

As persoas creativas, acaban chegando a Itaca. Ser unha persoa artista na miña opinión , non é unha utopía, é non ser sumisa, ter outra visión, e na maioria das veces ser incomprendida.

9. Na casa íntima das palabras hai que deixar unha porta ou unha ventá abertas para que a súa mensaxe interactúe co/a lector/-a, nese exercicio que nos propicia a denominada estética da recepción? Ou no teu caso, aínda que soe a tópico, escribes para ti mesma?

Son unha  persoa egocentrista que escribe para liberarse, fantaseandoque alguén poda comprender e sincronizar coa emoción e a  situación concreta.

10. A morte provócache medo?

A morte é o punto e final, a morte no existe para a persoa morta, polo tanto todo desaparece, témolle máis a vida, segundo que ocasións. A morte iguálanos, xa que fai que sexamos todas cadáveres do mundo: un resto, un corpo sen vida, un organismo en proceso de descomposición.

A morte tamén é amor.

Alphonse de  Lamartine: “A miúdo, o sepulcro encerra, sen sabelo, dous corazóns no mesmo cadaleito”.

A LÚA VAI ENCUBERTA, texto teatral de Manuel María, que representan A Quinta do Cuadrante e Incediaria nunha xira por Galicia

A lúa vai encuberta, texto dramático escrito por Manuel María, levado ao cenario por A Quinta do Cuadrante e Incediaria, representarase este sábado 2 de outubro, ás 20 h, en VILALBA. Este proxecto teatral foi o gañador do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais que convoca a Casa-Museo Manuel María e o pasado 10 de setembro estreouse en Ourense, comezando, así, a xira por todo o país (achegamos cartaz coas datas de representación neste último trimestre 2021).

Para asistirdes á representación en Vilaba podedes retirar as localidades (son numeradas) na Casa da Cultura de Vilalba ou a través do portal https://entradasvilalba.es

En 1977 celébranse as primeiras Eleccións Xerais despois da ditadura franquista.

Ese mesmo ano, o grupo teatral da Asociación Cultural Auriense trata de continuar cos ensaios de A lúa vai encuberta de Manuel María pero, no medio do proceso, o colectivo desfaise definitivamente e o tempo queda en suspenso até que, corenta e catro anos despois, dúas novas compañías se unen para retomar o traballo no punto en que o deixaron co obxectivo de levar a escena a obra e descubrir as razóns da disolución.

Na procura dunha verdade oculta, a mestura de tempos e a combinación de realidade e ficción permitirá identificar o descoñecemento programado da nosa historia máis recente e a súa consecuente falta de conciencia de identidade nacional galega.

A lúa vai encuberta é unha peza arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións, desvelando un discurso que hoxe en día está sendo, senón ocultado, moitas veces silenciado e que explica, en certa maneira, as razóns de por que hoxe en día o noso país ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan.

Como di Edward Hallet na cita do inicio, o estudo do pasado é a única maneira de poder entender o noso presente, así como só podemos entender o pasado coa luz que nos achega a nosa análise do presente. Tamén neste sentido, Marc Bloch, un dos historiadores máis importantes do século XX, sostén que “toda historia é historia contemporánea”. Así é como Incendiaria e A Quinta do Cuadrante levamos a escena o texto de Manuel María, como unha fonte esencial para, a través dela, entender as diferentes forzas sociais e políticas que nos conformaron como país, e polo tanto, como persoas que o habitamos.

Achegamos con esta mensaxe o trailer do espectáculo https://vimeo.com/615012780 

e un artigo de Manuel Xestoso sobre o mesmo https://www.nosdiario.gal/articulo/escena/o-silencio/20210922184836129129.html

A Casa-Museo Manuel María organiza este sábado 2 de outubro dúas actividades: Concerto de JÁSPER e NÉBEDA e un Roteiro pola contorna do Miño

Este sábado, 2 de outubro, a Casa-Museo Manuel María organiza dúas actividades abertas.

A primeira é un concerto gratuíto de JÁSPER e NÉBEDA, ás 17 horas, na horta da Casa-Museo Manuel María. Jásper, guitarra e voz de NAO, e Nébeda, pandeireteira e cantareira, presentan un novo proxecto onde lembran a canción protesta galega, xunto a composicións propias, desde un estilo tradicional. É imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A segunda das actividades é un roteiro pola contorna do Miño, concretamente pola parroquia de Cela, pertencente ao concello de Outeiro de Rei. Sairemos desde a Casa-Museo ás 11.30, en coches particulares cara á igrexa parroquial de Cela (43.146579, -7.594404). Alí comezariamos o percurso circular de aproximadamente 1h e 15 min e dificultade baixa. O roteiro será dinamizado por Orlando Viveiro (estudoso e divulgador do patrimonio chairego). O roteiro é gratuíto mais é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.