Parladoiro con… ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ

1. E se comezamos cunha pregunta de observación. No cromatismo da túa ollada predomina o silencio ou a sonoridade? A rebeldía ou a calma?

En todo este confluír de enerxías e cores que se derraman sobre nós cunha velocidade de vertixe, e onde o tempo parece correr máis rápido que nunca, diría aquela recurrida palabra tan galega de  “Depende” xa que cada cousa ten o seu tempo” e  a súa propia mirada .Unha mirada que se activa e vive nos  submundos do campo visual cuxas formas pasarán a un estado de  intermitencia continua.

Se cadra hai silencio rebelde na mira que non cala 😉

2. No momento en que elaboro este cuestionario, o teu perfil de Facebook ten a imaxe de portada dunha Rochi diante dunhas ás pintadas sobre unha parede, en actitude de emprender o voo;mentres na imaxe do perfil aparece unha Rochi ante un micrófono en ademán reflexivo, se cadra. Tomando a referencia desas dúas imaxes, fálame desa impregnación de contrastes que nos habita.

A dualidade do ser ou  a dualidade do equilibrio de todo o que nos rodea componse de dúas forzas opostas que se unifican en harmonía para favorecer o movemento e, á súa vez, o cambio. Así, mentres adoro o que simboliza  o escuro, a auga, o intuitivo e a capacidade de nutrir a vida, a fantasía  constitúe o ímpeto, o luminoso, a expansión e o lume, a franqueza, a enerxía, ao voo sen medo.

Antíteses ou non do marabilloso. No medio deste  suxestivo xogo dialéctico e conceptual onde todo parece ter o seu oposto e á súa vez unha parte complementaria, a vida é unha constante evolución , polo que o cambio debe de ser constante. Velaí a transparencia do sentir, cantas emocións temos ao longo do día? Cantas agochamos? 

En ambas fotos me recoñezo, e quen ben me sabe de min, tamén. 😊

3. Hai unha escrita (a túa, por exemplo) construída na esencia da terra ou na do ferro e o asfalto? Esa dicotomía mundo rural-mundo urbano.

Escrita híbrida diría sen dubidar.

4. Ese entusiasmo, esa vitalidade que semella constituírte como artista tamén a trasladarás á túa faceta de ensinante?

Tento que así sexa con tódalas miñas forzas, adoro o meu traballo, sigue emocionándome, aprendo a diario na aula, procuro formarme continuamente, de feito volvín á universidade, gozo cada curso escolar, pode haber algo máis fermoso que coñecer as novas xeracións de preto coas suás emocións , inquedanzas e sentires? Mágoa que no noso sistema educativo non prime o desenvolvemento da curiosidade, a creatividade, a experimentación.

O ensino non se consegue transmitindo información que se repite ata memorizala, sen lóxica razoada. Creo que sería máis importante aprender a pensar que memorizar, pero só é unha opinión persoal, gústame o ensino manipulativo e emocional.

5. Deixou escrito o meu paisano vilalbés, Agustín Fernández Paz, a través do título dun libro “O único que queda é o amor”. Tamén lemos/escoitamos aquilo de que “só o amor pode salvarnos”. Que opinas destes e doutros axiomas arredor do concepto amor?

O amor inclúeo todo, é un sentimento enorme que nos permite ir apreciando as emocións pode algúen dubidar do amor? Habería sociedades, se non hai amor? Poder haber algo máis motivador que amar en tódoda-las súas variedades?

6. Como entendes a poesía? Forma parte do teu proceso vital ou disóciala dese devir cotián que nos transita?

A poesía  (e a arte en xeral ) é como a auga, como o sol, como o amor, un alimento preciso, a vitamina diaria, o acougo, lugar onde podes ser ti mesma, na versión máis real ao máximo exponente, sen que nada máis importe.

7. Na etapa creadora e creativa empregas, en moitas ocasións, unha simbiose de linguaxes (literatura, música, debuxo, colaxe, etc.). Que atopas nesa maridaxe de linguaxes artísticas?

​É que non as concibo individuais, son un todo, un fluír, unha mesma  Aorta, un mesmo motor con todas as súas malgamas.

8. A arte, nos seus distintos xeitos de expresión, debe manifestar un compromiso social? Ser artista é unha utopía? Pero unha marabillosa utopía, non che parece?

A arte é infinita, enmarcala é limitala, a arte é precisa para a vida e a vida está tamén chea de inxustizas sociais que se soen reflectir. 

As persoas creativas, acaban chegando a Itaca. Ser unha persoa artista na miña opinión , non é unha utopía, é non ser sumisa, ter outra visión, e na maioria das veces ser incomprendida.

9. Na casa íntima das palabras hai que deixar unha porta ou unha ventá abertas para que a súa mensaxe interactúe co/a lector/-a, nese exercicio que nos propicia a denominada estética da recepción? Ou no teu caso, aínda que soe a tópico, escribes para ti mesma?

Son unha  persoa egocentrista que escribe para liberarse, fantaseandoque alguén poda comprender e sincronizar coa emoción e a  situación concreta.

10. A morte provócache medo?

A morte é o punto e final, a morte no existe para a persoa morta, polo tanto todo desaparece, témolle máis a vida, segundo que ocasións. A morte iguálanos, xa que fai que sexamos todas cadáveres do mundo: un resto, un corpo sen vida, un organismo en proceso de descomposición.

A morte tamén é amor.

Alphonse de  Lamartine: “A miúdo, o sepulcro encerra, sen sabelo, dous corazóns no mesmo cadaleito”.