Parladoiro con… MARIÑA MACEIRAS SEGOVIA

Mariña Maceiras na biblioteca do IES Sánchez Cantón, Pontevedra, 2020

A autora despois de recoller o Premio Francisco Añón, 2018

1.- Que tal senta, coa idade que tes, ser a Mariña Maceiras Segovia escritora?

Pois senta moi ben, pero a verdade é que non sinto que exista unha Mariña escritora, só son eu flipando con que á xente lle guste o que escribo. Ao moverme por varios concursos xuvenís coñezo a moita xente nova que conseguiu cousas incribles e entón decátome de eu tamén alcancei bastantes obxectivos e emociónome pensando en todo o que podo chegar a facer se me esforzo, e é unha sensación magnífica.

2.- Aínda que sempre se di aquel tópico de que non imaxinabas chegar ata esta altura literaria xa desde moi nova, sementarás moitas ilusións futuras na fértil terra da literatura?

Dende logo! Teño moitísimas ganas de publicar todos os libros que se me permita: ir algún día pola rúa e ver coma un neno ou unha nena lle sinala o meu libro a súa nai no escaparate dunha librería para que llo merque.

Tamén albergo a esperanza de gañar nalgún momento algún deses grandísimos premios de literatura para autoras e autores consagrados.

3.- Que significa para ti acadar un premio literario?

Para mi lograr gañar un premio é algo moi importante, porque quere dicir que xente que é experta en literatura considera que o meu traballo é o suficientemente bo como para darlle un recoñecemento. O que eu escribo non deixa de ser un reflexo de min e cos premios eu sinto que son boa, que fago algo ben e que non perdo o tempo escribindo. É moi reconfortante sentirte acubillada por un premio.

Acto de entrega de premios do Certame Literario Terras de Chamoso, O Corgo, 2021

4.- Continuando o ronsel da pregunta anterior: os galardóns literarios dan máis alegría ou implican maior responsabilidade na andaina cativadora da escrita?

As dúas cousas. Por un lado, é o que comentaba antes, son un chute de adrenalina, ledicia e confianza para seguir escribindo. Por outro lado, son certa presión, todo o mundo agarda que gañes máis premios, que gañes premios cada vez máis importantes ou que cada cousa que dis ou escribas sexa unha obra de arte na que haxa un montón de palabras rebuscadas, metáforas ou trasfondos sentimentais con referencias literarias.

5.- Segues algunha referencia ou xa tentaches desde o principio crear unha voz con matices singulares e/ou persoais?

Ningunha das dúas cousas. Leo moito dende moi pequena, de todos os estilos, de moitos autores e autoras, de todos os xéneros… e aprendín que debes escribir de tal xeito que a historia escorregue libre. Para cada peza que escribo utilizo o que me sae dependendo do tema e a forma, non penso.

Por suposto que teño moitos referentes na literatura, pero nunca intentei copiar o seu estilo xa que me parece que a forma de escribir é algo que depende da personalidade polo que debe ser única. Tampouco busquei crear o meu estilo propio, non creo que o teña e non é algo que me preocupe.

6.- Se non puideses escribir durante un período de tempo, como suplirías esa eiva transitoria?

Non creo que me afectase en exceso, por moi improbable que sexa esa situación. Na miña mente sempre hai algo dando voltas, nunca quedo sen ideas, xa que cando non teño nada novo simplemente escribo describindo o que vexo.

Se algo me impedise escribir supoño que debuxaría, ilustraría as miñas ideas. As artes plásticas son a outra forma que teño de expresarme, é igual de doado para min escribir que facer garabatos ou dar pinceladas.

7.- En que océano navegas mellor, no da narrativa ou no da poesía? Tes medo ao naufraxio nalgún deles?

A verdade é que os utilizo para cousas diferentes. Coa poesía desafógome tanto de ledicia, coma de medo, inseguridades, enfado, amor, sentimentos novos… Na narrativa simplemente escribo para entreterme e pasalo ben porque, aínda que tamén expreso moito do que levo dentro, póñolle máis filtro e controlo máis o que escribo.

Para ser sincera dáme moito medo fracasar na narrativa longa, creo que non escribín nada de máis de oito folios e aínda non me vexo capaz de facelo. É algo que teño pendente e penso facer nalgún momento no que vexa que estou preparada.

8.- Na túa tarefa creativa hai unha miga de caos ou es ben disciplinada?

Ufff… A ver como explico eu isto.

Para escribir poesía son puro caos e para escribir narrativa comezo desordenada, despois fago un plan detallado co que escribo e, cando remato, cambio algunha liña ou expresión e remexo un pouco.

Na poesía deixo que todo saia sen ningún filtro, simplemente escollo un sentimento e céntrome en expresalo. Penso que debe ser moi divertido verme loitar cos meus miolos para atopar a palabra que preciso para a rima, xa que cando me atasco póñome a tatexar sílabas ao azar ata que atopo a palabra que preciso mentres me movo dun lado para outro.

Na narrativa permítome ser desordenada ata que teño clara a anatomía do esqueleto da historia. Despois anoto nunha lista todo o que quero que pase e en orde, e temporalízoo en liñas, e por último escríboo. Non o volvo mirar ata un ou dous días despois e, para rematalo, fago pequenos arranxos.

A autora no Salón do Libro de Pontevedra, 2021

9.- Canto trasladas da túa vida á literatura e canto recorres á literatura para entender o teu proceso de desenvolvemento vital?

Para escribir non sempre me baseo en cousas que vivín (case nunca), pero todas as miñas composicións están creadas a partir dun sentimento que experimento na miña vida cotiá xa que intento que a persoa que o lea chegue a experimentar xusto o que eu sentín. É a miña forma de compartir o que levo dentro, de expresar parte do meu estado anímico.

Por outro lado, ao ler moito, obviamente a literatura inflúe na miña forma de ver o mundo. Sempre queda na memoria a opinión que xerou en ti a acción dun personaxe, algunha frase súper profunda das que soan demasiado rimbombantes como para parecer realistas ou aprendes a detectar algún comportamento.

10.- Quedaron preguntas por facer e por responder, estou ben seguro. Así que tócache a ti, Mariña, formular unha que che gustaría responder, e contestala, obviamente.

Para quen tipo de público escribes?

Escribo sobre todo e principalmente para min, tamén escribo para nenos e nenas pequenas e para xente da miña idade.

Teño escrita moita poesía para crianzas xa que penso que é moi importante que os pequenos da casa estean en contacto con ela porque despois xa se teñen prexuízos. Gústame, permíteme ser moi clara e transparente, e é divertido porque tamén podo ilustrala.

Cando escribo narrativa vai máis dirixida á xente da miña idade porque escribo o que me gustaría ler a min.