por martinho | Oct 29, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
ACTA DA CONCESIÓN DO III PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE
Reunido na Sala de Xuntas do Instituto de Estudos Chairegos, sita na Casa da Cultura de Vilalba, o sábado, día 26 de outubro de 2019, o Xurado do III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Dª Rosa Aneiros Díaz, D. Manuel Bragado Rodríguez e D. Xavier Senín Fernández,
Acordou por unanimidade outorgar dito Premio á obra titulada PLAN DE RESCATE presentada baixo o lema ou seudónimo de PLAN DE RESCATE
Unha vez aberta a plica, resultou ser a autora ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ
ADENDA:
Noela unha rapaza de dez anos en cadeira de rodas conta a historia
protagonizada polos seus compañeiros de clase de apoio. Todos os catro
resolverán unha difícil situación que sofren o resto dos seus colegas e o
profesorado do centro. Unha aventura chea de humor e ironía onde cada un dos espazos da escola se transforma en escenario dunha inesperada operación de rescate.
E para que así conste, asinan a presente acta no lugar e data anteriormente citados,
Asdo.: Rosa Aneiros Asdo.: Manuel Bragado Asdo.: Xavier Senín
Velaquí a acta da resolución de dito premio.
por martinho | Oct 23, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
Este xoves día 24 de outubro na Librería Biblos Lugo ás 20:15h acontecerá a presentación do libro “Manchas de frío”, de Sonia Arias López. Na presentación, a mencionada autora estará acompañada por:
José Carlos Ulloa, escritor e profesor.
Montserrat González Álvarez, coordinadora normalización lingüistica.
Sonsoles López Izquierdo, ex deputada provincial e nacional.
*Información achegada desde a Librería Biblos.
por martinho | Oct 22, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O vindeiro sábado 26 de outubro de 2019, a partir das 17:00 h., no Círculo Recreativo Cultural de Chantada celebrarase a presentación do libro POETAS DO REENCONTRO, cuxa autoría pertence á Irmandade Poética e Artística Galaico-Lusa.
Esta presentación encádrase dentro do II Encontro Poético Galaico-Luso en Terras de Chantada.
Contará coa intervención dos poetas que participan nesta colleita poética. E amenizarán o acto as actuacións musicais de Natalia Bilenko e Iria (Clave de Fado). Ademais terá lugar unha exposición pictórica. E de remate deste evento cultural, os que o desexen gozarán dunha cea de fraternidade.
*Información facilitada pola IRMANDADE POÉTICA GALAICO-LUSA.
por martinho | Oct 22, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O próximo 2 de novembro, ás 20.30, no Teatro Colón da Coruña teremos a oportunidade única de ver a estrea da Cantata para coro e música “As rúas do vento ceibe”, obra do mestre Rogelio Groba, o compositor galego vivo máis relevante.
A cantata está fundamentada no libro homónimo de Manuel María e, concretamente, nos poemas iniciais agrupados baixo o título “A Patria” (Mapa de Galiza, A fala, A bandeira, O escudo, A emigración e A colonia).
A prestixiosa e excelente Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero, será a encarregada de interpretar esta obra, e faráo na compaña do Coro de Cámara de Pamplona/Iruñeko Ganbara Abesbatza, dirixida por David Gálvez Pintado e con máis de cen discos publicados.
A entrada é libre até completar o aforo.
*Información desde a Casa-Museo Manuel María.
por martinho | Oct 22, 2019 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
Este sábado, 26 de outubro, a Casa-Museo Manuel María programa, ás 18 hrs, “Os libros contraatacan”, unha comedia dirixida para público infantil a partir de 5 anos e levada á escena por Lucecús Teatro.
A peza de autoría de Anxo Manoel Lamelo e dirixida por Isabel Herrero ten a seguinte sipnose:
Unha loita entre o ben e o mal. Os libros e os que habitan neles debátense entre facer o ben ou pasarse ao lado escuro. Na biblioteca da Academia Jedi, un estudante queda pechado e esquecido pola noite. O que alí faga, rodeado de libros, marcará o seu destino para sempre. Xogos, falcatruadas, cancións e moito conto serán os seus compañeiros de viaxe. O protagonista Anakin, grazas ao seu encerro e coa axuda dos libros e das leccións dos seus mestres Jedis, sempre baseadas en contos e lendas, tratará de atopar unha solución á súa situación. Esta peza, fala do dereito a ser diferente e da dificultade de facelo, dos límites entre o ben e o mal, de como hai cousas que escapan ao noso control e sobre como poden marcar o noso percurso vital. Que está ben? Que está mal? Onde está a diferenza? O que é malo para nós pode ser bo para outros e viceversa? Como inflúe en nós o xeito en que nos tratan os demais?
A representación, de cincuenta minutos de duración, encádrase dentro do programa de teatro profesional PROSCENIO que impulsa a área de Cultura da Deputación de Lugo para contribuír á difusión do teatro na súa vertente profesional en entidades municipais e culturais da provincia, así como potenciar a actividade cultural.
A entrada é libre até encher o aforo mais as persoas interesadas en asistiren deben facer a reserva previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal
*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.