IEU.- Flora da Ulloa: Excursión botánica As Somozas-Farelo

Como a pasada fin de semana resultou imposible organizar a excursión inicialmente prevista polo río Seco, nas serpentinas que lindan Palas con Santiso e onde son frecuentes as principais rarezas botánicas da Ulloa, e como aínda apenas choveu, desde o IEU (dentro do proxecto Flora da Ulloa) adiaron esa excursión para o sábado 19 , de maneira que este próximo sábado 12, as persoas que asistan patearán as ladeiras do Farelo, por onde hai máis dun século o cura Baltasar Merino rexistrou algunhas das primeiras plantas das que a ciencia botánica ten coñecemento na Ulloa.

As poucas excursións que farán no inverno serán os sábados, xa que desde o domingo 20 o monte convértese nun perigoso campo de combate que acostuma provocar accidentes mortais, aínda que non estarán libres de topar con batidas ao porco bravo, que tratarán de evitar.

Seguirán a procurar brañas e gándaras, onde varias especies raras aínda poden estar en flor, como as orballiñas do xénero Drosera, unhas curiosas plantas insectívoras que non se viron este ano.

Neste comezo do outono, seguramente tamén se encontrará e se aprenderá a distinguir as dúas tollemerendas que aparecen no cartel anexo: Crocus serotinus, unha especie de zafrán bravo, que xa se observou en flor desde o pasado día 27; e Merendera montana, dunha familia distinta, cando menos aberta desde o día 20.

*Información achegada desde o IEU.