Presentación do libro POETAS DO REENCONTRO, da Irmandade poética e artística Galaico-Lusa, en Chantada

O vindeiro sábado 26 de outubro de 2019, a partir das 17:00 h., no Círculo Recreativo Cultural de Chantada celebrarase a presentación do libro POETAS DO REENCONTRO, cuxa autoría pertence á Irmandade Poética e Artística Galaico-Lusa.

Esta presentación encádrase dentro do II Encontro Poético Galaico-Luso en Terras de Chantada.

Contará coa intervención dos poetas que participan nesta colleita poética. E amenizarán o acto as actuacións musicais de Natalia Bilenko e Iria (Clave de Fado). Ademais terá lugar unha exposición pictórica. E de remate deste evento cultural, os que o desexen gozarán dunha cea de fraternidade.

*Información facilitada pola IRMANDADE POÉTICA GALAICO-LUSA.

Concerto de estrea da Cantata AS RÚAS DO VENTO CEIBE, de Rogelio Groba, no Teatro Colón da Coruña

O próximo 2 de novembro, ás 20.30, no Teatro Colón da Coruña teremos a oportunidade única de ver a estrea da Cantata para coro e música “As rúas do vento ceibe”, obra do mestre Rogelio Groba, o compositor galego vivo máis relevante.

A cantata está fundamentada no libro homónimo de Manuel María e, concretamente, nos poemas iniciais agrupados baixo o título “A Patria” (Mapa de Galiza, A fala, A bandeira, O escudo, A emigración e A colonia).

A prestixiosa e excelente Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero, será a encarregada de interpretar esta obra, e faráo na compaña do Coro de Cámara de Pamplona/Iruñeko Ganbara Abesbatza, dirixida por David Gálvez Pintado e con máis de cen discos publicados.

A entrada é libre até completar o aforo.

*Información desde a Casa-Museo Manuel María.

OS LIBROS CONTRATACAN, de Lucecús Teatro, este sábado 26 de outubro na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 26 de outubro, a Casa-Museo Manuel María programa, ás 18 hrs, “Os libros contraatacan”, unha comedia dirixida para público infantil a partir de 5 anos e levada á escena por Lucecús Teatro.

A peza de autoría de Anxo Manoel Lamelo e dirixida por Isabel Herrero ten a seguinte sipnose:

Unha loita entre o ben e o mal. Os libros e os que habitan neles debátense entre facer o ben ou pasarse ao lado escuro. Na biblioteca da Academia Jedi, un estudante queda pechado e esquecido pola noite. O que alí faga, rodeado de libros, marcará o seu destino para sempre. Xogos, falcatruadas, cancións e moito conto serán os seus compañeiros de viaxe. O protagonista Anakin, grazas ao seu encerro e coa axuda dos libros e das leccións dos seus mestres Jedis, sempre baseadas en contos e lendas, tratará de atopar unha solución á súa situación. Esta peza, fala do dereito a ser diferente e da dificultade de facelo, dos límites entre o ben e o mal, de como hai cousas que escapan ao noso control e sobre como poden marcar o noso percurso vital. Que está ben? Que está mal? Onde está a diferenza? O que é malo para nós pode ser bo para outros e viceversa? Como inflúe en nós o xeito en que nos tratan os demais?

A representación, de cincuenta minutos de duración, encádrase dentro do programa de teatro profesional PROSCENIO que impulsa a área de Cultura da Deputación de Lugo para contribuír á difusión do teatro na súa vertente profesional en entidades municipais e culturais da provincia, así como potenciar a actividade cultural.

A entrada é libre até encher o aforo mais as persoas interesadas en asistiren deben facer a reserva previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.