Actividades da AELG

Hoxe, luns 30 de setembro, comeza Con barqueira e remador. VIII Obradoiro Internacional de Tradución Poética, que conta coa colaboración da AELG no acto que se celebra o vindeiro mércores día 2 ás 20.00 na Casa das Campás: trátase dun recital multilingüe mostra tanto do traballo poético das/os autoras/es participantes como do labor de tradución (ao galego) desenvolto durante o proxecto.

Mañá martes, 1 de outubro, comeza o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas, coa conferencia de María Solar Do que eu escribo ao que ti les. Imaxes, interaccións e recursos no proceso narrativo infantil.

Do 1 ao 6 de outubro terá lugar a Feira Internacional del Libro del Eje Cafetero na cidade de Pereira (Colombia), unha iniciativa de varias institucións culturais e empresariais do Departamento de Caldas, á que foi convidado Cesáreo Sánchez Iglesias en calidade de presidente da AELG, quen desenvolverá un programa de actividades destinado a difundir a literatura galega.

O sábado 5 comeza un novo obradoiro da da Escola de Escritoras-es da AELG, neste caso da man do Concello de Rianxo. Será impartido por Antón Riveiro Coello, e contará cunha sesión maxistral a cargo de Inma López Silva.

Tamén o sábado terá lugar o primeiro dos Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019, con título Poden o escritor e a literatura modular sentimentalmente a cidade? guiado por Adolfo Caamaño, a partir das 11.30. Para se inscribir é necesario enviar nome completo a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos apuntarse.

*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.

CASTIÑEIRO MILENARIO.- Obradoiro de olería e Paseo micolóxico

CASTIÑEIRO MILENARIO organiza novas actividades de cara ao inicio do outono.

Este sábado comeza un obradoiro de olería coa oleira Pepa de Bonxe. Será os días 28 de setembro e 5, 12 e 26 de outubro, en horario de 10 a 13 horas. Dada a complexidade do curso, farase no propio obradoiro da artesá. O prezo para non asociados/as é de 40€ e 30€ para socios/as. As prazas son moi, moi limitadas.

Tedes máis información na seguinte ligazón https://castinheiromilenario.wordpress.com/2019/09/23/obradoiro-de-oleria/

Ademais, o domingo celebrarase unha nova edición do Paseo Micolóxico en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus. Este Paseo, e posterior xantar, é unha actividade exclusiva para socios/as de ámbalas dúas asociacións. Como novidade, despois do xantar haberá un pequeno obradoiro de identificación de cogomelos e poderase empregar unha lupa binocular para ver en detalle as características de identificación, esta actividade é aberta e de balde para o público en xeral.

Máis información en https://castinheiromilenario.wordpress.com/2019/09/20/paseo-micoloxico-2019-so-para-asociads/

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

ALÓ VAI O VERÁN. A primeira festa en Casa Nicanor

O vindeiro venres 27 de setembro celebrarase na parroquia de Alba (Vilalba) o evento ALÓ VAI O VERÁN. A primeira festa en Casa Nicanor. Organizado por Casa Nicanor e o IESCHA e coa colaboración do Concello de Vilalba e a Denominación de Orixe San Simón da Costa, contará con distintos apartados:

Poesía, a partir das 19:00h coa participación de Ana Mar Fraga Rábade, Beatriz Dourado, Daniel Irimia, Martiño Maseda co acompañamento á guitarra de Luís Teixeiro.

Foliada, ás 20:30h. con Buxos Verdes.

E, a partir das 22:00h. máis música con barra e petiscos.

Ademais haberá Exposición de fotos antigas de Alba e de Casa Nicanor.

Castiñeiro Milenario.- 7º Ciclo deTeatro: A Adala Infantil

En Castiñeiro Milenario comezamos un novo ciclo de teatro. A sétima edición comeza coa obra da compañía A Adala Infantil. A compañia de Foz, composta por rapaces e rapazas van representar “Que cousas pasan no Camiño!”. Será o sábado 21 de setembro ás seis da tarde na Casa do Pobo do Castro (Begonte). A representación está incluída no programa Buxiganga na Deputación de Lugo.

Toda a información podedes atopala na nosa páxina web (https://castinheiromilenario.wordpress.com/2019/09/16/ciclo-de-teatro-a-adala-infantil/)

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Programación Cultural no Concello de Vilalba (setembro, outubro e novembro)

A nova programación cultural promove citas de música e teatro en galego.

O goberno local presenta o programa dos meses de setembro, outubro e novembro con espectáculos para todos os públicos.

“Esta proposta cultural está moi meditada e coidada para que chegue a toda a veciñanza e promova os valores de igualdade e de respecto e orgullo polo noso, ademais de tocar varios xéneros musicais”

Enlace á nota de prensa.

O goberno vilalbés vén de presentar a programación dos vindeiros meses no eido cultural. Setembro, outubro e novembro veñen cargados de “cultura con maiúsculas”, nunha aposta do novo executivo por “avivar a nosa lingua con espectáculos de calidade” tanto en concertos musicais como en obras teatrais.

Segundo vén de explicar a concelleira de Cultura, Vanesa Siso, “cada unha das eleccións que se inclúen neste programa está meditada, cunha proposta coherente e diversa que trasladamos á veciñanza con obxectivos didácticos e tamén de desfrute”. Neste senso, aparecen citas musicais protagonizadas por mulleres galegas como as Malvela ou Guadi Galego, que presenta o seu novo disco, “facendo fincapé no mes de novembro, dedicado especialmente a todas as mulleres” con obras teatrais como Bernarda Vilalba, ambientada na época de posguerra, ou Invisibles, unha adaptación da novela de Montse Fajardo con testemuños de mulleres que sufriron violencia machista. “Tamén queremos pensar nos máis pequenos e pequenas para que aprendan a través da cultura os valores da igualdade e respecto pola nosa terra, con obras como MaiMai sobre o quentamento global, ou Ela, unha obra para público familiar sobre o mundo artístico da pintora Maruxa Mallo”. Nesta liña de sensibilización e visibilidade tamén se enmarca Elisa e Marcela, sobre o primeiro matrimonio de mulleres que tivo lugar en A Coruña, datado no 1901.

Tamén haberá espazo para xéneros musicais con grupos máis aló das nosas fronteiras, como Morgan, a banda madrileña de pop-soul que repunta en moitos dos carteis de festivais a nivel estatal, e La porteña tango, un espectáculo integral cunha visión renovada do tango arxentino.

Neste programa tamén se inclúen obradoiros e faladoiros do programa Ler conta moito para bibliotecas, financiado cos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Tal é o caso de Bolboretas, para público infantil, 8M(ulier), unha narración oral para persoas adultas, e o obradoiro a cargo de Eli Ríos sobre diversidade sexual na adolescencia.

Ademais da iniciativa do Concello, “agradecemos a organización doutras xornadas e espectáculos a entidades como o IESCHA, e a colaboración e bo traballo da Escola Municipal de Teatro e o Centro Ocupacional de Vilalba, que actuarán sobre o escenario do Auditorio Municipal proximamente”. O Instituto de Estudos Chairegos organiza a actuación de Habelas Hainas, un grupo de música galega no Día da Cultura Chairega, así como de Berta Franklin, outro grupo con raíces locais que mestura soul americano con novos estilos. Tamén presentan obras de teatro como Toluras de proveito e as fillas de Eva, ademais de anunciar unhas xornadas de teatro e literatura para o 22 e 23 de novembro que confirmarán polo miúdo en vindeiras datas.

Finalmente, a través do programa Proscenio da Deputación de Lugo, tamén chegarán a Vilalba dous teatros de títeres, The Piccole Theatre, e Belarmina, a fabulosa velutina. O goberno local espera unha boa acollida de toda a programación, “animando a todas as persoas a que acudan a estas citas”.

*Información achegada desde a área de Comunicación do Concello de Vilalba.