Conferencia “Habitando a terra”, de Ana Mar Fraga Rábade, no Vello Cárcere de Lugo

A historiadora e escritora de orixe chairega, Ana Mar Fraga Rábade, pronunciará unha conferencia este vindeiro martes, 11 de xuño, ás 20 horas no Vello Cárcere de Lugo. A conferencia, que leva por título Habitando a terra, enmárcase dentro do ciclo Arde Lvcvs Cvltvral, promovido polo Concello de Lugo, como prólogo á edición do Arde Lvcvs MMXIX. Esta charla forma parte doutras que organiza a Cohors III Lvcensivm, e versará fundamentalmente, en palabras da propia Ana Mar Fraga Rábade, “ao redor da pegada dos ligures e da civilización celta na nosa terra”.

Da presentación do acto encargarase a poeta e escritora Montse González Álvarez.

A entrada será libre ata completar a cabida do espazo onde se desenvolverá a devandita conferencia.

CORREDORES DE SOMBRA actuarán no ciclo “Música na rúa” en Vilalba

Corredores De Sombra

O grupo poético-musical Corredores De Sombra contará cunha nova voz para sumar ao cuarteto que xa forman Rosana Domínguez, Carme Mato, Baruk Domínguez e Pilar Maseda. Trátase do poeta e escritor naviego Toño Núñez.

E a primeira actuación onde se poderá gozar deste novo quinteto será o vindeiro 3 de Agosto de 2019 durante o ciclo Música na rúa, que organiza o Concello de Vilalba como actividade para o período estival.

Música e Poesía para estes novos tempos a cargo de Corredores De Sombra.

*Información facilitada por Corredores de Sombra.

“Unha mansión, unha pantasma…¿que máis pasará?”, contacontos na Librería Biblos

Este venres tócanos un contacontos da man de Kids&Us. Este conto ten moito misterio e comeza cando Jane y Bunny se mudan a unha enorme mansión.
Pero dentro dela atópanse cunha pantasma!! ¿Que pasará con esta pantasma?
Se queres saber máis, non te esquezas de vir o venres ás 19:15h!

*Información achegada desde a Librería Biblos.

Presentación de UNHA TEMPADA NO PARAÍSO, de Claudio Rodríguez Fer, na Librería Biblos

PRESENTACIÓN DE “UNHA TEMPADA NO PARAÍSO”, DE CLAUDIO RODRÍGUEZ FER, TRADUCIDO EN BRASIL AO PORTUGUÉS POR SATURNINO VALLADARES

O xoves 6 de xuño, ás 20.15 h., será presentada a edición bilingüe galego-portuguesa “Unha tempada no paraíso”, de Claudio Rodríguez Fer, traducida e prologada en Brasil por Saturnino Valladares, quen a editou na Editora Valer de Manaos co título de “Uma temporada no paraíso”.
      Claudio Rodríguez Fer é autor de máis de medio cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Cultivou a temática erótica dende o seu primeiro poemario (“Poemas de amor sen morte”, 1979) ata o último (“A muller sinfonía”, 2018), pasando por “Tigres de ternura” (1981, Premio da Crítica Española). Reuniu a súa poesía en “Amores e clamores” (2011) e a súa narrativa en “Contos e descontos” (2011). Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética na Universidade de Santiago de Compostela e foi profesor universitario en Nova York (onde escribiu parte de “A unha muller descoñecida”), París (onde escribiu parte de “Viaxes a ti”) e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa e publicou en bretón “Moito máis de mil anos”). A súa poesía está traducida a decenas de idiomas.
Uma temporada no paraíso” presentarase na Librería Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1), onde abrirá o acto o libreiro Julián García, ex-alumno do poeta. Este novo volume de poesía traducida ao portugués publicado pola brasileira Editora Valer sucede a Não amanhece o cantor, de José Ángel Valente, anteriormente editado, traducido e prologado tamén polo poeta Saturnino Valladares, profesor da Universidade Federal do Amazonas e doutorado cunha tese sobre Valente dirixida por Claudio Rodríguez Fer.
Segundo o tradutor: “Com este livro, a editora Valer introduz, no Brasil, a obra e a personalidade de um dos intelectuais mais transcendentes do rico panorama artístico-literário espanhol, que, como um de seus traços mais caracterizadores, desenvolve sua obra literária em língua galega e que, com a irrupção de sua poesia de signo erótico, renovou a estética da literatura galega”.

*Información facilitada pola Librería Biblos.

“Cobertores de emocións, pan e chocolate”, no Pazo de Sabadelle (Chantada)

O Pazo de Sabadelle, en Chantada, inaugura este sábado, 8 de xuño, a mostra ‘Cobertores de Emocións, pan e chocolate’. A exposición, que se prolongará deica o 31 de outubro  nesta gran casa de labranza e pazo do rural chantadino, abrirase a partir das 20.30h. cunha acción cultural multidisciplinar.

Estarán presentes as autores e autores das obras plásticas que permanecerán nas estancias do pacio: Beatriz Palomero, Miguel Anxo Macía e Moxon (Xosé Manuel Rodríguez) pero ademais haberá poesía de Mónica Sánchez, Quco Valeiras e Eva Xanin e música a cargo de Searas, Mad Mission e Daniel do Pando ademais de degustacións de produtos da zona.

O alumnado de plástica do IES Val do Asma foi quen creou con Lola López o cartaz desta edición da singular mostra de arte no Pazo.

Colaboran: Concello de Chantada, IES Val do Asma Chantada, Pazo de Sabadelle Chantada, Turismo Searas.

*Información recollida desde o Pazo de Sabadelle.