PRESENTACIÓN DE “UNHA TEMPADA NO PARAÍSO”, DE CLAUDIO RODRÍGUEZ FER, TRADUCIDO EN BRASIL AO PORTUGUÉS POR SATURNINO VALLADARES
O xoves 6 de xuño, ás 20.15 h., será presentada a edición bilingüe galego-portuguesa “Unha tempada no paraíso”, de Claudio Rodríguez Fer, traducida e prologada en Brasil por Saturnino Valladares, quen a editou na Editora Valer de Manaos co título de “Uma temporada no paraíso”.
Claudio Rodríguez Fer é autor de máis de medio cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Cultivou a temática erótica dende o seu primeiro poemario (“Poemas de amor sen morte”, 1979) ata o último (“A muller sinfonía”, 2018), pasando por “Tigres de ternura” (1981, Premio da Crítica Española). Reuniu a súa poesía en “Amores e clamores” (2011) e a súa narrativa en “Contos e descontos” (2011). Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética na Universidade de Santiago de Compostela e foi profesor universitario en Nova York (onde escribiu parte de “A unha muller descoñecida”), París (onde escribiu parte de “Viaxes a ti”) e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa e publicou en bretón “Moito máis de mil anos”). A súa poesía está traducida a decenas de idiomas.
“Uma temporada no paraíso” presentarase na Librería Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1), onde abrirá o acto o libreiro Julián García, ex-alumno do poeta. Este novo volume de poesía traducida ao portugués publicado pola brasileira Editora Valer sucede a Não amanhece o cantor, de José Ángel Valente, anteriormente editado, traducido e prologado tamén polo poeta Saturnino Valladares, profesor da Universidade Federal do Amazonas e doutorado cunha tese sobre Valente dirixida por Claudio Rodríguez Fer.
Segundo o tradutor: “Com este livro, a editora Valer introduz, no Brasil, a obra e a personalidade de um dos intelectuais mais transcendentes do rico panorama artístico-literário espanhol, que, como um de seus traços mais caracterizadores, desenvolve sua obra literária em língua galega e que, com a irrupção de sua poesia de signo erótico, renovou a estética da literatura galega”.
*Información facilitada pola Librería Biblos.