AELG: XXV Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” a Pilar Pallarés: A Coruña, 29 de xuño

A Homenaxe “A/O Escritor/a na súa Terra – Letra E“, que cada ano impulsa a AELG, chega neste 2019 á súa XXV edición, recaendo por decisión da Asemblea de Socias e Socios na figura de Pilar Pallarés.

Programa de actos

A actividade terá lugar o sábado 29 de xuño, na Coruña. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que se achega en arquivo anexo.

Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no restaurante Domus (Rúa Ángel Rebollo, 91, A Coruña –como chegar-), e cuxo prezo por persoa é de 37€, que se pagará no propio restaurante nunha mesa que habilitaremos ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que fagas a túa reserva canto antes. De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando até o martes, terza feira, 25 de xuño -inclusive- ao teléfono:

981 133 233

ou enviando un correo electrónico a:

oficina@aelg.org

*Información achegada pola AELG.

Exposición ANTAGONÍA, de Adolfina Mesa, na Biblioteca Pública de Lugo

O luns, 10 de xuño, ás 19:00 horas na Biblioteca Pública de Lugo inaugurarase a Exposición ANTAGONÍA, da artista Adolfina Mesa. Nese acto de inauguración contarase coa presenza de:

María Elena García Pazos, Directora da Biblioteca Pública de Lugo

María José Gómez, Xefa Territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo

José Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo

Adolfina Mesa, autora da Exposición

Estamos ante unha Exposición composta, aproximadamente, por unha trintena de obras, e que permanecerá a disposición do público que desexe visitala durante un mes, do 10 de xuño ao 10 de xullo de 2019, no espazo expositivo da mencionada biblioteca lucense.

De ANTAGONÍA fala a súa creadora do seguinte xeito:

A Exposición Antagonía tematicamente está centrada na súa maior parte no marco do feminino e dentro do estilo do expresionismo, onde a artista trata de sacudir as emocións e a conciencia do espectador a través da súa obra, transformando esteticamente a apariencia humana e dos elementos protagónicos que conforman cada obra a través das súas cores e trazos desgarrados, con matices liricamente reflexivos onde procura a delicadeza poética ata unha dureza incuestionable como punto de reivindicación, reflexión e protesta.
Dentro do feminismo procura ter sempre presente a imaxe da muller na súa obra como símbolo de loita firme e incansable pola liberdade, igualdade de dereitos e visibilidade dentro da arte e todos os ámbitos sociais onde está presente a muller, así como intentar acabar coa lacra do machismo e a violencia de xénero.
Adolfina Mesa amosa a súa mirada antagónica á realidade ainda existente no presente, procurando a posibilidade dunha sociedade e un mundo onde todos sexamos iguais en condicións e dereitos, onde a muller deixe de ter o papel de submisa, oprimida, invisibilizada, infravalorada en todos os ámbitos, maltratada, castrada, violada ou morta.

Velaquí dúas imaxes que recollen o catálogo da Exposición ANTAGONÍA

Colaboran: Xunta de Galicia, Xacobeo 2021

Difunde Culturalia GZ