Exposición de pintura de Isabel Pardo na Casa da Cultura de Vilalba

A sala de exposicións da Casa da Cultura de Vilalba acollerá durante o mes de febreiro a exposición de pintura da artista chairega Isabel Pardo Martínez, exposición que conta con 15 obras entre lenzos e láminas.

Exposición que estará aberta ao público dende o venres día 1 de febreiro ao 28.

*Información facilitada pola Área de Cultura do Concello de Vilalba.

Concerto de Adrián Vigo e a súa banda no Auditorio Municipal de Vilalba

O vindeiro sábado 26 de xaneiro, o lucense Adrián Vigo, dará un concerto en compañía da súa banda no auditorio Carmen Estévez ás 20:30h con entrada gratuíta.

Adrián Vigo, un mozo que, cunha discapacidade do 80 %, compón cancións e toca o piano, presentará o que xa é o seu segundo disco titulado «Reflejos», da man do seu profesor, amigo e compañeiro David Taboada, e acompañado da súa banda.

As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com e na Casa da Cultura.

*Información achegada desde a Área de Cultura do Concello de Vilalba.

Presentación este sábado na Casa-Museo Manuel María do libro “A gran travesía de Chiruca Macallás”, de Xurxo Souto

Este sábado, día 19 de xaneiro, ás 19 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, o escritor e cantor Xurxo Souto presentará o seu último traballo, A gran travesía de Chiruca Macallás, unha novela personalísima, cunha enorme forza do relato oral e a inclusión de elementos fantásticos e surrealistas que recrean a atmosfera gráfica de Urbano Lugrís.

A obra conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación.

Aproveitando a presentación do libro editado por Edicións Xerais, Xurxo dará a coñecer unha unidade didáctica elaborada por el e baseada na recolleita de cantos de traballo das mulleres do mar de distintas localidades de Galiza.

*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María

O cantautor Miguel Alonso presenta o seu novo disco, LITERARIA

O cantautor e escritor Miguel Alonso vén de publicar “Literaria“, o seu 3º disco, no que musica poemas de autores/-as galegos/-as actuais. Neste traballo escolleu poemas de Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Xavier Frías, Miguel Alonso Diz, Iolanda Aldrei, María José Fernández, Toño Núñez, Ramiro Vidal e María Castelo.

Podedes escoitar o disco completo en Spotify, iTunes ou Youtube, pero aquí van un par de exemplos:

As amantes de Hamlet https://www.youtube.com/watch?v=6oS-RhcyhWU

Lobos de mar https://www.youtube.com/watch?v=Y4Z5tVZqdGQ

O disco presentouse en decembro en Compostela, onde vive o propio Miguel Alonso, e as próximas paradas son:

18 de xaneiro ás 22.30 (A Bodeguilla, Negreira)

16 de febreiro ás 19.30 (Mimosa Café Teatro, Vigo)

Para máis información pódese visitar www.miguelalonso.gal.

*Imaxe do autor recollida de Verkami.

Presentación do libro POEMAS Y CATARSIS, de Adolfina Mesa, na Casa da Cultura de Vilalba

O venres 18 de xaneiro, a partir das 20 horas na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro POEMAS Y CATARSIS, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa.

Intervirán no acto, ademais da mencionada autora do libro, a escritora Ana Mar Fraga Rábade, o tamén escritor Toño Núñez, Martiño Maseda, en calidade de Administrador de Culturalia GZ, e Cheri Grandío, como concelleira de Cultura do Concello de Vilaba, institución que colabora con Culturalia GZ na presentación deste poemario bilingüe (en castelán e galego).

Adolfina Mesa, á parte de poeta, tamén é pintora, profesora de pintura e artes decorativas. E mesmo colaboradora en Culturalia GZ ou en calquera outro espazo que implique a difusión activa da cultura entre a sociedade.

Aínda que este é o seu primeiro poemario individual, esta autora, na súa faceta da escrita, xa vén participando en distintas publicacións colectivas, como a Revista XISTRAL a Colectánea de Poesía Luso-Galaica ou en libros dos Roteiros Poéticos.