Parladoiro con… Adolfina Mesa


“Tanto a miña poesía como a miña pintura poderían levar adheridos os cualificativos de explosiva, critica, manifestante, reivindicativa”

Un fulgor na mirada que escudriña mundos, a palabra sempre disposta no limiar da boca e as mans argallando novas formas pictóricas no lenzo imaxinativo no que van medrando as emocións. E a conversa comeza a pintarse…

Que é Adolfina Mesa: pintora, escritora, artista multidisciplinar..?

Adolfina Mesa  é unha persoa que se considera antes que nada, e dentro da humildade do ser,“unha alma sensible”. Artisticamente falando, e tendo que definir o que fago, comezarei dicindo que me sinto unha artista multidisciplinar, que traballa en diferentes eidos e con diversos materiais (óleo sobre lenzo, acrílicos,texturas, collage, arte mix media, acuarelas, lapis de cores, pasteis, carbonciño, ilustracións, escultura, fotografía, etc.); aínda que me identifico, de xeito destacado coa pintura e a poesía, sen esquecer nin restar valor ás artes decorativas, nas que desenvolvo a miña faceta de profesora. Faceta que tamén exerzo no terreo pictórico. Abunda en min unha personalidade inquieta e curiosa por saber e por nutrirse de toda a beleza da arte, en xeral.

En que disciplina artística sentes maior comodidade?

As artes creativas, a miúdo, son divididas en categorías máis específicas, como as artes decorativas, as artes plásticas, as artes escénicas ou a literatura. Así, a pintura é una forma de arte visual, e a poesía una forma de literatura; e, como che comentaba anteriormente, identifícome, e así o proxecto nos meus traballos,con calquera desas dúas disciplinas artísticas arriba mencionadas. Non obstante, a fotografía, que tamén forma parte das artes visuais, alimenta o meu interior creativo e supón un piar básico no meu desenvolvemento pictórico… e outras para a creación en arte dixital.

Certamente, estou asentada entre esbozos, imaxes, cores eversos. Para min todo atópase reunido na mensaxe da miña obra.

Con varias exposicións simultáneas en marcha, ¿como valoras a apreciación da túa arte por parte do público?

Actualmente, en marcha hai tres exposicións: dúas individuais e unha colectiva. As dúas primeiras son, por unha banda, a Exposición EN FEMININO, na Casa da Cultura de San Sadurniño,  organizada pola Concellaría de Igualdade, e que referencia a temática da violencia de xénero; e por outro lado, a Exposición DIACRONÍA CROMÁTICA, que se desenvolve na Sala de Exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, en Lugo. A exposición colectiva á que aludía é unha que ten lugar no Palacio Paolo V en Benvento, Italia.

En canto ao papel da crítica e do público que visita as miñas exposicións, hei de dicir que me sinto realmente moi afortunada,  dado que ata agora, tanto a crítica da prensa como a do público está sendo moi positiva e de boa acollida para a miña obra. O impacto visual e de contido é comprendido e valorado, e a resposta amosa que agrada e iso é, talvez, o máis importante para calquera persoa que se dedica á arte. É unha columna fundamental do edificio do ser artista: chegar coa túa obra ao espectador. Todo o demais chega a ti no transcurso do camiño que che toca andare os diferentes ambientes aos que presentarse, que son coma unha noria que che permite estar un tempo arriba e outro tempo abaixo, ou, sinxelamente, dando voltas de modo constante agardando un día que esa noria se deteña nun bo lugar, nun bo momento que che conceda un recoñecemento válido e constante, para seguir  adiante de forma máis segura e estable. Mentres non chegues a esa parada segues dando voltas, arriba e abaixo..

Fálame de novos proxectos artísticos.

En principio, o máis próximo, e xa confirmado, é un par de exposicións pictóricas de forma consecutiva. A primeira, de carácter individual, é a Exposición INTROSPECCIÓN, que se inaugurará o 28 de decembro deste ano en San Sadurniño, na Sala de Exposicións de dito Concello. A segunda, de programación colectiva, desenvolverase aló polo 30 de xaneiro de 2019, na galería La Ferretería Eventos & Co. de Lugo, eleva por título MUJERES LIBRES. A dita exposición, organizada e comisariada por Luisa Paz Montenegro, concorren outros artistas plásticos e fotógrafos, ata acadar a cifra de dezaoito participantes.

Xa entrados en febreiro, sen concretar aínda unha data porque se están ultimando detalles, terei outra exposición individual no concello chairego de Cospeito.

As que si están confirmadas tamén son outras dúas, unha individual no mes de marzo na Casa da Cultura de Vilalba, e outra que traspasará ao país irmán de Portugal, dentro da Colectiva Arte na Raia, que se inaugura o 2 de marzo co patrocinio do Ecomuseo de Barroso, a Cámara Municipal de Montalegre e a Galería Vieira Portuense.

Sen obviar outros moitos proxectos máis en fase de avaliación e case seguros; pero aínda restan meses e a chegada do vindeiro 2019 por diante para seguir anunciando –ri-. Así que mellor deixamos espazo para as sorpresas.

No tocante á poesía, este pasado 15 de decembro vimos de entregar os premios do I Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, do Concello de Cospeito, e no cal tiven a oportunidade actuar de xurado de dito certame poético. En datas posteriores, aínda que no mesmo mes de decembro, tamén terei a posibilidade de xulgar obras poéticas e narrativas pertencentes a outro certame literario. Asemade está prevista unha nova presentación do meu libro POEMAS Y CATARSIS para o vindeiro 18 de xaneiro de 2019 na Casa da Cultura de Vilalba. Aínda que, case un mes antes, o 21 de decembro, neste mesmo lugar terei a ocasión de participar na copresentación do V Recital Poético Solidario Internacional. Ademais do recital, que vai servir de presentación, da Colectânea Luso-Galaica en Ribadavia, libro que xa fora amosado ao público na localidade lusa de Espinho, e no que interveñen poetas deGalicia e Portugal, nunha irmandade poética.

Como definirías dende o punto de vista temático a túa arte, nas distintas disciplinas da mesma que realizas?

Tanto a miña poesía como a miña pintura poderían levar adheridos os cualificativos de explosiva, critica, manifestante, reivindicativa. Para min ámbalas dúas disciplinas están unidas en concepto. No tocante aos pinceis, direi que sempre tentan impregnar poesía en cada resultado pictórico, coa vontade de contar historias, expresar, comunicar e dialogar co espectador, a través do cromatismo e a beleza,  aínda cando todo nace do realismo e da dura realidade. Identifícome actualmente dentro do expresionismo abstracto e do abstracto en si, sen abandonar outros estilos que tamén domino coma o realismo, o surrealismo e o impresionismo, entre outros. Todos eles forman parte das miñas etapas pasada e presente en menor número de obras ou segundo o compromiso que adquira.

Poética e liricamente considérome crítica e reivindicativa, sempre en defensa de causas de tanta transcendencia social coma son a da igualdade de xénero e en contra da violencia de xénero. (Moi concentrada tanto na miña poesía como na miña obra pictórica). No meu libro Poemas y Catarsis navego nos versos dunha poesía intimista, romántica, onde o amor, os sentimentos, o desamor, as emocións, o erotismo, a intimidade dos seres teñen un papel protagonista.  

Tomando o título daquela canción de Golpes Bajos, Malos tiempos para la lírica, ¿ti tamén cres que son malos tempos para a cultura, en xeral? Ou es optimista nese eido?

Unha pregunta interesante e complexa para responder esta, xa que ten dúas caras. A primeira é cando amas o que fas e o xeito no que esa paixón te domina, daquela, móvete o optimismo e as túas esperanzas de que será posible e que vas acadar o que persegues. A segunda cara é a real, que se produce cando se vende arte que non é arte. Platón dicía que a beleza é amor materializado. Na arte tes que entrégalo todo, é un constante morrer e renacer en cada creación, e estamos atravesando por momentos nos que a creación foi substituída por copias ou falta de creación, pola carencia de beleza. E, por iso, a arte está sufrindo nesta etapa da humanidade, e así acontecen feitos negativos coma os seguintes: o mercado da arte é infravalorado cunha competencia en series e de mala calidade, que se aproveita do pouco coñecemento dos clientes que captan –que actualmente van en aumento-, hai unha tendencia aos prezos baixos sen darlle importancia á arte como tal, a competencia dos mercados asiáticos que nada teñen que ver coa obra de autor, e iso vai contra o mercado do artista.

Con todo, unha continua nese océano das cores e os pinceis, navegando entre lenzos, brindando o mellor de min, morrendo e renacendo, e sempre con ese soño aceso manténdome esperta.

A poesía, pola súa parte, penso que actualmente goza de boa saúde, está chegando de xeito moi positivo ás novas xeracións; hai un abano de oportunidades de participación en certames e outras opcións no eido literario, que constitúen elementos fundamentais para manter viva a palabra. A poesía sempre se considerou un xénero de adeptos, e aínda que non deixou de selo, de certo, e ao seu favor, incrementou en número deles e en posibilidades para as xeracións máis novas. Emporiso, non debemos esquecer que hai que madurar e seguir nun proceso continuo de aprendizaxe para dar o mellor de cada poeta, e ofrecer, daquela, unha boa poesía ao público ouvinte e/ou lector.

Por último, e non podo perder a ocasión de reivindicarme unha vez máis e manifestarme a favor da muller na arte e na literatura. Disciplinas que aínda se gobernan e manexan por patriarcados e círculos pechados, e nas que se nega unha equidade de condicións e oportunidades de visualización á arte creada por mulleres. Resta moito camiño por percorrer no ámbito da igualdade na cultura, e noutros campos en xeral.

Falemos algo de soños, ou, mellor dito, de aspiracións: ¿onde te ves amosando a túa arte?

Ufff!!! como soñar non custa nada e aspirar ao que se soña tampouco, outra cousa é que se cumpra o soñado –ri-, creo que que como calquera artista gustaríame estar entre as máis cotizadas do mundo (falamos desde un punto de vista cualitativo). Dicir o contrario sería mentir. Coido que, dalgún xeito, perseguimos ser coñecidos/-as e recoñecidos/-as, aínda que eu desfruto do camiño e sinto con plenitude a boa apreciación do meu público. Por citar un nome, agradaríame ser en vida como Lita Cabellut, non agardar a morrer para que outros fagan fortuna coa miña obra, e eu me vise privada de gozar mentres vivía do meu traballo e dos beneficios do mesmo. E nomeo a Lita Cabellut, non porque sexa unha artista de moda, nin moito menos, senón porque me identifico coa súa forza na súa loita, na súa paixón pola arte, pola súa intensidade cromática, pola súa constancia e investigación continua para reinventarse na súa obra e abrir portas á fama e aos grandes mercados, onde a súa obra cotiza e se vende. Soño tamén con ver a miña obra nos grandes museos de España e do resto do mundo, pasando por lugares coma Mónaco, París, Venecia, Londres, Seúl, Nova Yok, Miami, Dubai, Singapur, Hong Kong, entre outros. E que a miña persoa adquira, grazas á miña arte, unha dimensión internacional. Coido que ao afirmar isto non estou negando o desexo que calquera pode chegar a ter nalgún momento da súa traxectoria vital e profesional. Son moi sincera ao dicilo tal e como sinto. Aínda que tamén son moi consciente do meu nivel de responsabilidade comigo mesma en manterme nunha preparación e renovación constantes, así coma o compromiso de brindar sempre o mellor de min en cada pintura ou en cada poema.

Aínda sendo natalicia de Venezuela e, polo tanto, falante en castelán, ao residir na Galiza fas a túa propia inmersión lingüística no idioma galego. Como levas esa tarefa de inmersión na túa escrita literaria?

Escribir en galego converteuse nun reto, xa que escribo poesía dende unha idade ben nova, ao igual que os meus inicios pictóricos son contemporáneos co nacemento da miña ansia de plasmar palabras en papel. Pero neses comezos escribía e sigo a facelo en castelán, por iso falo do reto de expresarme en galego na fala e na escrita. E se a iso engadimos que o facía e o fago nunha comunidade (país) que estaba deixando perder o seu idioma, a dificultade para min era maior. Sempre tiven a convicción de que un país que esquece e deixa podrecer as súas raíces, a súa cultura, os seus valores, pérdese no baleiro e muda na copia de outros, sen identidade propia. Polo tanto, sentín unha fonda motivación de formar parte desa loita por salvar o idioma galego. É o mínimo que podo facer ao sentirme adoptada con agrado por Galicia e a súa xente. De feito, síntome cómoda tanto falando coma escribindo, mais tamén sei que falta moito por mellorar: a miña investigación nesta lingua de acollida e o intento de perfeccionarme no seu uso é constante.  

Tes en conta a inspiración como fonte fundamental para o teu proceso creativo?

A inspiración habita en min as 24 horas do día sen que pareza unha afirmación esaxerada. Non é incerto cando se fala do artista que esperta pola madrugada porque se lle ocorreu unha idea ou se lle presentou a inspiración. Por iso ratifico que no meu caso ata durmindo me sorprende a musa inspiradora, e xa non me deixa continuar co sono ata que plasmo fisicamente a idea ou oconcepto, aínda que despois precise dun maior desenvolvemento do mesmo. Opino que  o proceso creativo nace da inspiración e que o poder de creación en si mesmo, que habita nas cousas, lugares e situacións máis inhóspitas ou nas máis belas , é unha dicotomía persistente entre a miña vida e a miña obra. Dalgunha forma sinto que me consome porque entrego abondo de min en cada creación artística, quedando sempre algo ou moito de min en cada unha delas.

Que preguntas desexarías que che tivese feito? Daquela, formúlaa ti mesma e respóndea.

Gustaríame que fixeras unha pregunta que estimo vital para un artista:

  • Que é a arte para ti?

 E diríache que é un modo de concibir, de ver e sentir a vida. A arte vai máis aló do meramente tanxible. A arte é unha empatía polo mundo, pola vida. Leva en si unha enorme carga ética, de fundamentos e de compromiso. É complicado e tan simple á vez. O absurdo é que sempre idealizamos a arte, pretendemos illala e facela individual. E iso, ao meu modo de ver, convértea en algo que non é arte.

Finalmente, tamén tería desexado afondar máis na faceta da poeta. Xa haberá outra continxencia que permita abordar ese tema tan amplo e longo para unha primeira conversa.

Agradecida por esta entretida entrevista que me fixo revivir no meu morrer constante e na liberdade de ser.

TOLITATES de Marionetas Trécola, este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 15 de decembro, a Casa-Museo Manuel María programa, ás 18 hrs, “Tolitates”, unha peza levada á escena por Teatro Marionetas Trécola.

“Tolitates”, de 50 minutos de duración e para todos os públicos a partir de 3 anos, é unha peza onde os protagonistas son os títeres e os obxectos, obviando totalmente as palabras fronte á pantominia e a música, nun escenario máxico e cheo de segredos, que arrastrará ás persoas asistentes á gargallada.

Tolitates, salienta a sipnose, movido por un impulso se cadra máis tolo que el, sáltase todos os sinais de perigo e escapa da cordura, sen pensar que sempre pode haber alguén máis transgresivo que el. Un persoeiro que irá atopando situacións e personaxes absurdas que loitan polo protagonismo nas táboas dun teatro.A representación encádrase dentro do programa de teatro profesional PROSCENIO que impulsa a área de Cultura da Deputación de Lugo e a entrada é libre até encher o aforo, mais as persoas interesadas en asistiren deben facer a reserva previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao teléfono 698177621.

*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María