Este sábado, día 19 de xaneiro, ás 19 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, o escritor e cantor Xurxo Souto presentará o seu último traballo, A gran travesía de Chiruca Macallás, unha novela personalísima, cunha enorme forza do relato oral e a inclusión de elementos fantásticos e surrealistas que recrean a atmosfera gráfica de Urbano Lugrís.
A obra conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación.
Aproveitando a presentación do libro editado por Edicións Xerais, Xurxo dará a coñecer unha unidade didáctica elaborada por el e baseada na recolleita de cantos de traballo das mulleres do mar de distintas localidades de Galiza.
*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María