ORACIÓN A SAN VICENZO E Á VIRXE DOS DESAMPARADOS, por Antón de Guizán

ORACIÓN A SAN VICENZO E Á VIRXE DOS DESAMPARADOS, por Antón de Guizán

San Vicenzo dos Vilares é unha igrexa coñecida por celébrar a popular romaría da Virxe dos Desamparados.

É por iso que vos pregamos San Vicente e Nosa Señora dos Desamparados para que movades a consciéncia das administracións públicas para que non deixen desaparecer os frescos da igrexa.

Como ben sabedes, as orixes do templo datan do s. XII, se ben  os restos románicos redúcense aos muros laterais da nave con varios canecillos, sendo a fachada principal do XVIII.

No exterior o conxunto está formado un atrio murado con baixo muro de pedra granítica, con cruceiro, dúas pilas bautismais e un sarcófago. Támén existe un Calvario nas inmediacións que leva dez meses sen un pedazo do mastro e a cruz por un accidente de tráfico.

No interior ten catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos ss. XVII e XVIII, aínda que destacan especialemnte os restos de pintura mural ó fresco do S.XVI, que forman un ciclo de grande calidade artística ó longo dos muros da nave, con distintos temas, como o do enterro do Conde Orgaz da autoría, segundo o profesor Monterroso Montero do afamado Mestre de Parga, de grande respeto naquela época.

O estado xeral de conservación é verdadeiramente moi malo. A gravedade acelerada e activa dos axentes  de deterioro, provoca en primeiro lugar o risco de desprendemento das pinturas murais, polo que urxe imperiosamente proceder á sua restauración, xa que de acabar caendo, a súa pérdida sería irreversibel.

Ademáis deste perigo urxente de resolver, o seu aspecto sucio e abandonado desvirtúa a súa calidade como elemento singular e moi visible de este templo teu,  San Vicenzo dos Vilares, centro de peregrinaxe senlleiro.

En conclusión podemos dicir que se está a perder un ciclo mural ao fresco de gran relevancia artística é histórica para a provincia de Lugo coa pasividade das diferentes administracións a pesares de que a súa restauración sería perfectamente asumibel económicamente e e que a salvación das pinturas suporía un importante valor para o patrimonio da provincia.

A perda destas pinturas será unha grande irresponsabilidade por parte da Igrexa, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Concello de Guitiriz, sabedores da trascendencia desta obra e do perigo existente de perda definitiva si non se actúa con urxencia, pois os frescos murais dos Vilares teñen V SÉCULOS DE NÓS, é património de tod@s e non só da igrexa e as administracións teñen o deber de preservalos e poñelos en valor e volver a atraer peregrinaxe non só á Romaría da Nosa Señora na Pascua, senón ao longo de todo o ano.

É por isto que vos pregamos que movades os fríos e calculadores corazóns administrativos das institucións e non deixedes desaparecer tan valiosa decoración renacentista das paredes románicas da igrexa e que esta recupere o explendor e o seu enorme valor patrimonial conservado ao longo de séculos e séculos e co perigo de desaparecer en só 26 anos após do seu descubrimento ao quitar o caleado profiláctico minhas obras na o cando era párroco Segundo Pérez, hoxe Deán da catedral compostelá.

E para que así sexa pregamos que intercedades polos vosos/nosos frescos, San Vicenzo e Virxe dos Desamparados, para que sigan nas paredes da igrexa, AMÉN!

 

 

Antón Tenreiro Ferreiro
ANTÓN DE GUIZÁN
antontenreiro@gmail.com
www.blogoteca.com/antonte/
+34 662 183 149

A artista e poeta Adolfina Mesa presenta a Exposición DIACRONÍA CROMÁTICA en Lugo

A artista e poeta Adolfina Mesa presenta a Exposición DIACRONÍA CROMÁTICA en Lugo

A artista e poeta Adolfina Mesa presenta a Exposición Pictórica DIACRONÍA CROMÁTICA o vindeiro xoves, 22 de novembro, a partir das 19 horas, na Sala de Exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo.

Segundo palabras da propia artista dita Exposición “ten como finalidade o achegamento e comprensión do público coa obra, pola súa temática evolutiva en conceptos e cromatismos; tratando temas diversos, desde o expresionismo abstracto na maioría das súas pinturas, pasando polo tratamento da figura feminina dentro do feminismo: a igualdade de xénero, reivindicación de dereitos, violencia de xénero, etc, e outros temas e estilos como o paisaxismo, a abstracción, tocando tamén o surrealismo e o impresionismo partindo sempre dunha realidade¨.

Unha das características desta mostra, titulada Diacronía Cromática, é a busca do pracer e a beleza cromática asociada á poesía e á pintura -talvez para mitigar a dor e a realidade social- onde a artista intenta reflectir todas as emocións e sentimentos, tentando procurar espazos novos, transmitindo sensacións.

Na súa obra di contar historias reais e conflitos sociais na vida actual, estados anímicos e do ser con cadros cheos de cor, dando beleza aos estados e situacións máis grises; defendendo causas sociais como as citadas anteriormente: a do feminismo ou a violencia de xénero. Sempre na intencion de chegar ao espectador ao máis profundo do seu interior, captar a súa mirada, a súa intención, a súa sensibilidade e transmitir o que sente ao pintar unha obra.

Os estilos poden ser diferentes, pero procurando sempre identificarse dentro do expresionismo abstracto. Nos trazos e pinceladas dos diferentes entramados busca xerar movementos, musicalidade, poesía, forza e misterio, sendo o obxectivo acadar a poesía visual.

Lareira de Soños lamenta a hipocrisia da Deputación Provincial e o pasotismo do Concello de Guitiriz cos frescos dos Vilares, por Antón de Guizán

Lareira de Soños lamenta a hipocrisia da Deputación Provincial e o pasotismo do Concello de Guitiriz cos frescos dos Vilares, por Antón de Guizán

V SÉCULOS DE NÓS/FRESCOS DOS VILARES

#SalvemosOsFrescosDosVilares

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Atendendo ao informe da Oficina do Valedor do Pobo de Galicia, pola queixa presentada pola Asociación Sociocultural Lareira de soños, lamentamos a postura hipócrita da Deputación Provincial de Lugo, que ten visitado os frescos en dúas ocasións e con deputados diferentes acompañados da alcaldesa de Guitiriz que se comprometeron verbalmente en diferentes ocasións a tentar solucionar o deterioro dos Frescos non só nas visitas ás pinturas senón en diferentes reunións no pazo provincial. Que o argumento sexa que non restauran monumentos de propiedade da igrexa, é unha mentira cando sabemos que teñen restaurado numerosas obras relixiosas na provincia ben directamente ou a través de colaboracións económicas, frescos en igrexas incluídos.

Por outra banda, que o concello leve meses sen contestar aos requerimentos da Valedora do pobo cando é de obrigado cumprimento, supón unha irresponsabilidade tratándose de patrimonio catalogado no seu termo municipal con serio risco de desaparición e unha antigüidade de máis de cinco séculos.

Resulta lamentábel ver que cuestións de tipo político primen sobre o patrimonio de todos, ao máis rancio estilo caciquil e que lembra os vellos tempos da provincia.

Desde a Lareira de soños agardamos que a responsabilidade e o ben común prevaleza e as diferentes institucións colaboran na salvación destas importantes pinturas renacentistas da Terra Chá, cuxo custo de recuperación non superará os 90.000€, cifra asumible para as institucións implicadas e que evitaría a perda de tan importante obra de arte.

De non seren así, a Asociación Sociocultural Lareira de soños seguirá adiante coa súa campaña de Crowfunding a partir do mês de Febreiro para sensibilizar sobre o valor dos frescos da autoría do Mestre de Parga e que sexa a xente abandonada polas institucións que din representar, quen recupere as pinturas dos Vilares.

Seguiremos mentras esixindo o cumplimento do compeomiso parlamentar e demandando o entendemento entre as diferentes institucións responsábeis, Igrexa, Deputación, Xunta e Concello para a salvación das pinturas murais da igrexa de San Vicenzo (S.XII) e a posta em valor do conxunto monumental nas Reixas como activo económica, turístico e relixioso da parroquia de Díaz Castro.

 

*Adxuntamos carta da Valedora do Pobo e imaxe oficial da campaña.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.facebook.com/osvilares

PROXECCIÓN DE DHOGS E COLOQUIO CO SEU DIRECTOR, ANDRÉS GOTEIRA, ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

PROXECCIÓN DE DHOGS E COLOQUIO CO SEU DIRECTOR, ANDRÉS GOTEIRA, ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

O filme máis premiado do cinema galego último, DHOGS, será proxectado este sábado, 10 de novembro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María. Ao final da proxección haberá un coloquio co director Andrés Goteira e con outras persoas do equipo (Adrián Folgueira e Ismael García)

A fita coa que o meirense Andrés Goteira debuta como director na longametraxe de ficción toca distintos xéneros ( comedia romántica, cinema experimental, drama, western, terror, thriller…) e ten a seguinte sinopse:
Mentres un estraño personaxe atravesa as rúas da cidade ao volante dun vello taxi, no bar dun luxoso hotel está Álex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente do monte de acontecementos que lle sucederán nas próximas horas. Despois dunha fugaz aventura cun executivo verase inmersa nunha vaga de violencia sen motivo aparente.

Producida por Gaitafilmes e Pixel Films conta no seu reparto, entre outros, con Antonio Durán “Morris”, Melania Cruz, Carlos Blanco, Iván Marcos, Miguel de Lira, María Costas…Lucía C. Pan é a responsábel da fotografía, e Gérmán Díaz e Óscar Trigo da música

Algúns dos recoñecementos do filme foron os 13 premios Mestre Mateo que colleitou na última edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual, premio a Mellor Longametraxe no Panorama Fantástico do FANT de Bilbao, o Premio da crítica no BIFFF de Bruxelas, o de Mellor Filme no Filmfest de Split e no Algeciras Fantástika, Mellor Filme e Mellor Actor Nocturna de Madrid, Mellor Director San Cugat Fantástico…

fita non é recomendada para persoas menores de 18 anos e pode facerse reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María

DENDE QUE NON TE ESCOITO

DENDE QUE NON TE ESCOITO

 

Dende que non te escoito

a arrastrar os pés polo piso

un silencio de ausencia no infindo se fixo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

a sinxeleza da túa voz de agarimo xa non sinto

a cantarme no berce boleros ao oído

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

á memoria do paterno regreso co vivido

no serodio pretérito a conversar contigo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

tornan as bágoas co vento do exilio

acubilladas no abrigo do íntimo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

chegas co nordés e o frío, paseniño

e ao carón da lareira botando leña te imaxino

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

aos vieiros da Matria que andamos xuntos lles sorrío

busco na acordanza o noso sorriso, igualitiño

Dende que non te sinto

 

Dende, dende, dende,

dende que non te escoito.

Dende que non te sinto.

 

Ti conmigo e eu contigo,

eu contigo e ti conmigo.

Dende que non te sinto.

PILAR MASEDA.  2018