A artista e poeta Adolfina Mesa presenta a Exposición Pictórica DIACRONÍA CROMÁTICA o vindeiro xoves, 22 de novembro, a partir das 19 horas, na Sala de Exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo.

Segundo palabras da propia artista dita Exposición “ten como finalidade o achegamento e comprensión do público coa obra, pola súa temática evolutiva en conceptos e cromatismos; tratando temas diversos, desde o expresionismo abstracto na maioría das súas pinturas, pasando polo tratamento da figura feminina dentro do feminismo: a igualdade de xénero, reivindicación de dereitos, violencia de xénero, etc, e outros temas e estilos como o paisaxismo, a abstracción, tocando tamén o surrealismo e o impresionismo partindo sempre dunha realidade¨.

Unha das características desta mostra, titulada Diacronía Cromática, é a busca do pracer e a beleza cromática asociada á poesía e á pintura -talvez para mitigar a dor e a realidade social- onde a artista intenta reflectir todas as emocións e sentimentos, tentando procurar espazos novos, transmitindo sensacións.

Na súa obra di contar historias reais e conflitos sociais na vida actual, estados anímicos e do ser con cadros cheos de cor, dando beleza aos estados e situacións máis grises; defendendo causas sociais como as citadas anteriormente: a do feminismo ou a violencia de xénero. Sempre na intencion de chegar ao espectador ao máis profundo do seu interior, captar a súa mirada, a súa intención, a súa sensibilidade e transmitir o que sente ao pintar unha obra.

Os estilos poden ser diferentes, pero procurando sempre identificarse dentro do expresionismo abstracto. Nos trazos e pinceladas dos diferentes entramados busca xerar movementos, musicalidade, poesía, forza e misterio, sendo o obxectivo acadar a poesía visual.