Salvemos o Diario Cultural, salvemos a Radio Galega

A AELG acaba de facer público o comunicado Salvemos o Diario Cultural, salvemos a Radio Galega:

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) diríxese á Dirección da Radio Galega e ao conxunto da cidadanía, para demandar a continuidade do Diario Cultural e quere mostrar o seu apoio a toda a equipa do programa dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní. Sen plataformas culturais publicas coma o Diario Cultural, as escritoras e escritores galegos perderíamos a xa minguada  visibilidade social que temos nos medios de titularidade pública. Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura
Mais, a clausura do único programa diario de información cultural que existe na actualidade na Radio Galega, e do mellor xornalismo cultural que ao longo de 28 anos se ven facendo na radio, pública e galega, levase a cabo ao tempo que os cambios que se anuncian a partir de setembro afectan gravemente ao conxunto dos contidos informativos, entre os que están os culturais.
Anunciase tamén a desaparición dos dous informativos diarios, cos seus contidos culturais, que se producían e emitían desde as delegacións locais da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense (hai uns anos xa fixeran desaparecer as delegacións de Ferrol e Pontevedra), contidos que agora se van diluír nunha programación xeral tutelada desde a redacción central en Compostela. As realidades locais, nas que se incardina tanta da nosa cultura, e os creadores e creadoras que dan forma e voz á nosa biodiversidade cultural, ficarían minorizadas.
Parece obvio que esta mudanza empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega e pode comportar o control político pleno de todo o que se emita pola Radio Galega en detrimento do plural da realidade cultural galega e do irrenunciable dereito xeral da cidadanía a obter dos medios públicos unha información obxectiva, próxima, plural e veraz, que respecte tamén os distintos ámbitos onde acontece a creación cultural.
#SalvemosODiarioCultural, #SalvemosARadioGalega
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
9 de maio de 2018

DIAGNOSE, por Raquel Díaz Seijas

Espondiolise bilateral na cordilleira do corpo

Suxeita no corsé dunha interrogación pechada,

Troquel dista lordose cervical invertida

Rabuñante de desexos afogados na cova desalmada,

Esta dor de ósos no tracto interno que me afonda

Sen máis datos destacabeis que a morte vertical.

CONFERENCIA SOBRE A LÍRICA TRADICIONAL GALEGA E ACTUACIÓN MUSICAL ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

CONFERENCIA SOBRE A LÍRICA TRADICIONAL GALEGA E ACTUACIÓN MUSICAL ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Como valorizarmos a lírica tradicional galega:

o caso de Cantar na Coruña

Sábado, 12 de maio, ás 20 hrs na Casa-Museo Manuel María

Intervirán:

Alberte Ansede Estraviz (secretario da Fundación Manuel María)

Xosé Manuel Sánchez Rei (autor)

Conferencia e presentación do libro “Cantar na Coruña”. Publicación saída recentemente do prelo e que contén máis de catrocentos cantares tradicionais galegos. Compilados durante os séculos XVIII e XIX, estes textos, alén de daren a coñecer unha parte do rico patrimonio inmaterial do país, xurdido e transmitido co pasar das xeracións, serven non só para nos aproximarmos dos modos de vida das galegas e dos galegos da época, mais tamén para sabermos máis un pouco sobre o estado da lingua naquela altura e, igualmente, para recuperarmos desde a actualidade unha forma de manifestación artístico-literaria e de lecer de tanta raizame na Galiza.

Ao finalizar o acto terá lugar unha ACTUACIÓN MUSICAL a cargo dos gaiteiros

PEPE VAAMONDE e UXÍO VAAMONDE MURIAS

*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María

CTRLuGo: Congreso sobre as Tecnoloxías e Recursos para a xestión e a socialización do Patrimonio

CTRLuGo: Congreso sobre as Tecnoloxías e Recursos para a xestión e a socialización do Patrimonio

CTRLuGo: Congreso sobre as Tecnoloxías e Recursos para a xestión e a socialización do Patrimonio. 

Vello Cárcere de Lugo, 11 (venres), 12 (sábado) e 13 (domingo) de maio,

A cultura humanística está composta por un conxunto de saberes necesarios para o desenvolvemento da comunidade, compoñen un mar de conceptos que precisan de metodoloxías que permitan o seu acceso e a súa recuperación.

CTRL+G é a unidade mínima que representa estas metodoloxías. É o código tecnolóxico máis simple co que podemos enfrontar a necesaria protección e custodia dos saberes. De aí CTRLuGo.

É esa protección, a través das novas tecnoloxías, o que une a Javier de la Cueva (avogado), a Víctor Sampedro (xornalista), a Sabah Wallid (arqueóloga) e/ou a Brigada para a protección do Patrimonio da CNP.

O Congreso organizarase en tres xornadas, ao longo da próxima fin de semana, e conta coa homologación e certificación da consellería de Educación e da Facultade de Humanidades de Lugo (1 crédito ects).

A inscrición e a asistencia son totalmente gratuítas. Para inscribirse, basta con cumplimentar o formulario que atoparedes neste link:

https://lugoemundial.com/ctrlugo/

+ INFO: 655 96 03 42

info@lugoemundial.com