«VILARIÑAS» ou as micropoesías da Chaira

A Asociación Sociocultural Lareira de soños e a NPG Nova Poesía Guitirica crean o Certame de micropoesía da Chaira «VILARIÑAS».
Co nome de VILARIÑAS na honra do poeta Díaz Castro e as súas “herbas pequerrechiñas” e Vilariñas para ter de referencia O Vilariño dos Cregos dos Vilares, pareceunos un nome acaído para as pequenas poesías que concurran ao premio, que busca fundamentalmente a promoción da poesía e facela accesible a calquera, polo que as bases serán moi abertas á participación, non supoñerán ningún gasto aos participantes e poderán inscribirse en formato dixital. A convocatoria para presentar os micro poemas será desde agora ao 31 de marzo (ambos incluídos) e a resolución nos primeiros días de abril.
A temática será libre e a periodicidade do certame anual.
Despois de diversas actividade da NPG, todas con notable éxito, abrimos agora esta nova proposta poetica coa que buscamos fundamentalmente a participación e a introducción social da poesía sen limites de idade, nin ningunha outra cortapisa, tan só estar escritas en galego en calquera das normativas e repetando as esixencias técnicas de un minimo de dous versos e un máximo de cinco, podendo cada poeta apresentar dous micropoemas.
Para este concurso, temos xa redixidas as bases que rexerán para a resolución final dos traballos que se presenten.

«VILARIÑAS» Concurso de micropoemas da NPG Nova Poesía Guitirica e Asociación Sociocultural Lareira de soños.

BASES.

Convocase o I Concurso de micropoesías “Vilariñas” no que poden participar todos @s escritores/as que queiran.
A participación neste concurso é completamente de balde.
Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. Os autores son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos.
O tema será “Libre”. Cada participante podrá enviar un máximo de dous micropoemas que deben estar escritos en GALEGO en calquera das normativas, e presentarase ao concurso a través do correo electrónico
dosvilares@gmail.com ou do messenger do facebook de Os Vilares, lareira de soños-(www.facebook.com/osvilares).

Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 5 versos sen incluir o título. Cada poeta poderá presentar un máximo de dous micropoemas a concurso e cada un deles serán xulgados individualizadamente e por separado. Cada micropoema debe ser apresentado por separado.
Admitiranse obras até o día 31 de marzo de 2017, ás 23.59 horas.
A organización do concurso reservase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respeto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.
O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contenido do poema. O xurado estará composto por poetas da NPG Nova Poesía Guitirica. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños e da NPG Nova Poesía Guitirica nas duas semanas posteriores ao peche do concurso.
Entre os micropoemas participantes, seleccionaránse os mellores que poderán integrar unha antoloxía, e entre eles escollerase ao gañador co premio que consistirá en trofeo acreditativo, edición da súa obra no blog poético e un lote de libros de poesía de importantes autores galegos. A edición da antoloxía do blogue poético será segundo criterio da NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, lareira de soños. Farase un acto poético publico cos premiados e poetas convidados.
O concurso poderá ser declarado deserto en función do número de micropoemas recibidos ou a calidade dos mesmos. Tamén o Xurado poderá facer mención especial de algún dos micropoemas participantes se considera que a súa calidade o merece, sen embargo, esta mención non conlevará compensación ou premio algún.
Polo feito de participar, os premiados autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos ou dixitais que consideren incluindo o nome dos autores.
Os participantes aceptan as bases que rixen este concurso polo feito de participar no mesmo.
Cualquer dúbida sobre o contido destas bases será resolta polo xurado do certame.
A periodicidade do concurso “VILARIÑAS” de micropoemas será anual.

Mindoniensas

Celebro a iniciativa do meu concello de organizar este ano unha exposición para contribuír á visibilidade social das mulleres de antes e de agora. Desde as pioneiras Antonia Santos (1831), fotógrafa, Manuela Rey (1842- 1866), actriz, Mª de los Ángeles Vázquez (1877-1912), escritora, ata as aínda mozas Natalia Alonso, Tania Pérez e Ainara Rodríguez. Escolleron dez como poderían elixir varias ducias máis de nomes femininos dedicados á música, á literatura, ao ensino, á medicina, á hostalaría, á agricultura ou á gandería, á artesanía, ás artes escénicas … das que supoño que, de non ser ao longo do ano, cada 8 de marzo se irá facendo pública gabanza.

Hoxe vou reparar nunha destas mulleres da que pouco sei pero que a cada novo dato que se me ofrece, intúo, a biografía dunha rebelde. Falo de María de los Ángeles Vázquez que, segundo o polígrafo Benigno Teijeiro Martínez, naceu en Mondoñedo o ano 1877 e faleceu en Bos Aires o 29 de outubro de 1912, dato este que tomo dunha nota do crítico Armando Requeixo no seu facebook.

Do seu quefacer como xornalista e como escritora, sobre todo de poesía en castelán, dá conta Aurora Marco na entrada correspondente do seu “Dicionario de mulleres galegas”. Nos anos xuvenís escribiu nos xornais “La Voz Mindoniense”, “El Reparador”, “Diario de Mondoñedo” e “El Baluarte”, entre outros. Sendo moza viaxou por Galicia coa intención de contar as impresións nunha publicación, viviu algún tempo en Madrid para, a finais do XIX ou principios do XX, trasladarse a Bos Aires, onde residiu ata a morte.

En Arxentina estableceu relación cos Mancebo, de orixe mindoniense, e comezou a colaborar activamente en asociación galegas. Participou con Elvira Rawson de Dellepiane e outras mulleres nos movementos a prol do dereito de sufraxio feminino na Arxentina. Foi gran amiga da escritora Julia Hernando Ayala. En agosto de 1904 participa na fundación e formou parte da xunta directiva do Ateneo Rosalía de Castro de Bos Aires, colectivo que tiña, entre outros obxectivos “defender, alabar e promover o santo nome de Galicia” así como organizar actos para recadar fondos coa finalidade de erixirlle un mausoleo á escritora en Padrón. Formou parte da comisión de homenaxe a P. Veiga en Bos Aires en agosto de 1907 e participou noutras moitas actividades como organizadora ou oradora. Algúns dos seus discursos poden atoparse na prensa. Fundou e dirixiu a revista “Galicia” e é autora dunha publicación que se titula “Memorias de Mondoñedo” (1904) e do poemario en galego “Do noso lar” (1905).

A súa filla, a escritora e profesora Julieta Gómez Paz (Bos Aires1909-1995), nun artigo publicado na revista Galicia (nov.-dec., 1969), di que aínda que non se lles permitiu votar ás mulleres no Centro Gallego de Bos Aires ata o 25 de outubro de 1970 “o outorgamento de voto ás socias desta institución fai xustiza á muller na figura de María de los Ángeles Vázquez, primeira prosecretaria da comisión organizadora de 1907”.

Imos deixar aquí, por agora, as notas sobre esta mindoniense, pero non sen comentar o seguinte. A “Gaceta de Galicia”, diario santiagués do que foi correspondente, publica o 29 de abril de 1905 o seu poema “Lonxe” que comeza “Non m’esquezo adourada Galicia” e que remata “Aínda morta por ti vivirei”.

Esta declaración de amor intenso á terra nai en apenas 20 versos pode considerarse un himno. O poema foi musicado por Manuel Valverde e interpretado naqueles días e con notable éxito nunha velada celebrada no local social do Circulo Católicos de Obreros de Santiago polo cantante Cándido Pérez Deza, con acompañamento ao piano de Carmen Valverde e ao violín do compositor.

Queda moito por contar desta muller e moito máis aínda por descubrir. A min, e aquí xoga ao meu favor a licenza e o interese do escritor, gustaríame que a María de los Ángeles Vázquez, moza de 21 anos, natural de Mondoñedo, que fuxira da casa e que buscaban a nai e a policía da Coruña a principios de 1897 fose a nosa.

©Antonio Reigosa

DEUS

DEUS

Deus está en tódolos lugares
é clara a súa mensaxe.

Está subido nos altares
nos rituais colectivos
os homes xuran e perxuran
no seu nome cada día.

Está na rúa
na voz dos labregos
sin traballo
nos berros dos refuxiados afogados
nos mares da indecencia.

Está na intimidade
avasalando as mulleres
nas longas colas dos parados
no exilio cos licenciados
nos hospitais e nas escolas públicos
Nas tabernas e nos ministerios
borracho de viño e de razón
Está tras cada nome,
pronome e adxectivo

Cando xurda o verdadeiro milagre
teremos que dar grazas primeiro,
ao Concilio Vaticano II
despois… cambialas normas gramaticais.

PILAR MASEDA

A INACADABLE

A INACADABLE

Que vento ousou acubillarme
no naufraxio
no sufrir…na negrura
na distancia… no exilio
dos poetas calados.

Que vento ousou
rachar a miña voz
os meus berros e laios.

Perdinme no silencio
outorguei…peor…
non dixen nada!

Que vento ousou
mutilar os meus instintos
revólvense as tripas
neste visceral espertar
de prozac!

Que vento ousou
cegar os meus ollos
murchos de bágoas.

Quero a miña voz
a palabra
a dúbida
a miña liberdade…
a sempre inacadable…

PILAR MASEDA

VilarEXPO

VilarEXPO

O vindeiro sábado 18 de marzo, ás 21:00h, na Casa Habanera de Guitiriz, celebrarase a inauguración da primeira edición da VilarEXPO, adicada ás fotografías da natureza e etnografía da parroquia dos Vilares, realizadas por Luís de Fabete. Acompañará ao autor o fotografo de orixe guitiricense Valentín Purriños, premiado en diferentes ocasións na sua traxectoria profesional e cabeza dunha exitosa saga de fotógrafos. Pai de Yolanda e Inma Purriños, premiadas tamén nos Goya de fotografía e recentemente homenaxeadas en Vilalba. Ademais contarase coa presenza da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. O acto será presentado por Pastora Veres.

A exposición consta de 33 fotografias en alta definición a cor, de tamaño 70×50 cms. Organizada pola Asociación Sociocultural Lareira de soños, coa colaboración de GADIS, o patrocinio da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o Concello de Guitiriz, sen esquecer a participación na montaxe de Copitec Dixital, terá caracter divulgativo e será itinerante, tendo xa comprometidos varios destinos posteriores. Ao remate do presente ano, será donada a unha entidade benéfica.

O autor

José Luís Teijido Comba, Luís de Fabete (1949), é un fotografo tardío, un vilarego que, como outros moitos da parroquia, desenvolveu variados oficios: barbeiro, agricultor, técnico de radio, o primeiro montador de televisións da parroquia, floricultor e incluso presidente do monte comunal dos Vilares, o que o convertiu nun dos mellores coñecedores da xeografía do lugar. Dotado dunha sensibilidade especial, Luís é un grande amante da natureza e da etnografía, descubridor tamén de pezas arqueolóxicas, como un machado prehistórico ou a mámoa das Carriceiras. Asemade é un paciente observador das criaturas do nóso hábitat, ás que “caza” en instantáneas únicas como as que se poderán visualizar nesta VilarEXPO, unha pequena mostra do que os ollos de Luís poden captar dende detrás da súa cámara. Trinta e tres imaxes impactantes, cun tamaño 70×50 cms, que non deixarán indiferente a ninguén. O retiro profesional de Luís agasallou á parroquia un artista e unha persoa comprometida co seu entorno a través da Asociación Sociocultural Lareira de soños. As súas fotografías axudannos a todos a coñecer e valorar a nosa riqueza máis próxima, a aumentar a estima do noso e a corroborar que as “herbas pequerrechiñas” das que falaba Díaz Castro, desde Os Vilares, enchen de perfume o mundo.

 

*Información facilitada por Antón Tenreiro Ferreiro, Presidente da Asociación SocioCultural Lareira de Soños.