21 de marzo, Día da Poesía

21 de marzo, Día da Poesía

Segundo palabras da propia UNESCO, “a poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar de xeito sempre anovado a forma na que usamos as palabras e as cousas, e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade. Grazas ás súas asociacións e metáforas e á súa gramática singular, a linguaxe poética constitúe, pois, outra faceta posíbel do diálogo entre as culturas.”

Cada ano, o 21 de marzo, a UNESCO celebra o Día Mundial da Poesía e convídanos a reflexionar sobre o poder da linguaxe e o florecemento das capacidades creadoras de cada persoa. Tendo en conta a decisión da UNESCO, o primordial obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser unha canle de comunicación artística nas súas comunidades respectivas.

Doutra banda, neste Día búscase promover o ensino da poesía; fomentar a tradición oral dos recitais poéticos; apoiar ás pequenas editoriais; crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación para que non se considere unha forma anticuada de arte, senón unha vía de expresión que permite ás comunidades os seus valores e reafirmarse na súa identidade; e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas, coma o teatro, a danza, a música e a pintura.

A decisión de proclamar o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía aprobouse pola UNESCO durante su 30º período de sesións, acontecido en París en 1999. A UNESCO anima aos Estados Membros a tomar parte activa na celebración do Día Mundial da Poesía, tanto a nivel local coma nacional, coa participación das ONG e das institucións públicas e privadas: autoridades locais, escolas, asociacións poéticas e culturais, museos, editoriais, etc.

Tendo en conta todo o anterior, o vindeiro martes, 21 de marzo, en Vilalba convidamos á cidadanía, en xeral, e á comunidade educativa, en particular, a que participen na proxección poética que mane do seu interior. Baixo o lema SENTE A POESÍA, queremos que, quen así o desexe, veña recitar poemas de autoría propia ou allea, co gallo de establecer un fío de comunicación entre os distintos colectivos da comunidade vilalbesa.

Daquela, agardamos pola túa participación. Ven, SENTE A POESÍA.

Irmandade sen h

Irmandade sen h

Fai tan só uns días “o neno ” Torres caía fulminado en Riazor nun encontrón con Alex Bergantiños.A reación do público,dos xogadores do Dépor,dos twitter trending topic,amosa que en ocasións a irmandade vai sen h. Usar puñaladas coma vacina,non dar pasos atrás nin para recolocarse,discernir entre o manxar máis exquisito e o veleno,elexir o veleno,saír inmune,revela que en ocasións a irmandade vai sen h. Defraudar ate a deus,casi sempre a ún mesmo,mascalo todo,incluso as inxurias que agroman presaxios e sombras,amosa que en ocasións a irmandade vai sen h. Cando a vida xa non é tan vida,a festa agoniza,as eses son eses de resacas amargas e as queixas saben a gata vella,revela que en ocasións a irmandade vai sen h. Ignorar as saudades doridas,os tediosos fins de ciclo enlodados,as almas que xacen no berce dunha cama baleira,a soidade das manifas nas que se cosen as bandeiras da deserción coa miña estrela,proba que en ocasións a irmandade vai sen h. Cando os pilares que a vida che ofrece evidencian que non só te sosteñen,senón que entroidan en balconadas de gozos e risas,en outeiros da chaira ou en bicos con sabor ó Courel e a Quiroga,revelan que en ocasións a irmandade vai sen h. Agochar os vosos espellos,cando vos sosteñen con crueldade a vosa mirada,e a vosa propia ruindade,vomita coma un boomerang,o seu veleno,amosa que en demasiadas ocasións a irmandade sí vai con h.

Presentación de A CANDIDATA de Miguel Sande

Presentación de A CANDIDATA de Miguel Sande

O vindeiro martes 14 de marzo, na librería Biblos de Lugo, ás 20.30h, terá lugar a presentación da obra A CANDIDATA, gañadora do Premio de Novela García Barros, cuxo autor é o escritor Miguel Sande. No acto de presentación acompañarán ao mencionado autor do libro, o tamén escritor Antonio Reigosa e a actriz Paloma Lugilde de Palimoco Teatro.

DEZ ANOS DE ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO

DEZ ANOS DE ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO

Música, palabra, aceno,…, arte no hall do teatro.

Non son precisas tarimas, caixóns negros nin panos de veludo vermello.

Só facianas e voces, sentires profundos e bágoas e risos a eito.

O acto, único, por senlleiro;

as escenas, multiplicadas en espazos,

por sorpresa e suxestivas, abranguían un ambiente de festexo

no que as lembranzas campaban ao seu aire de memoria en memoria.

Canta amizade e agarimo! Cantas horas gozadas na mellor compaña!

Canta maxia…!

Cantos rostros ausentes e presentes

debuxados cos pinceis do agradecemento!

Cantas vidas dun “second life” contaxioso en cada nova tempada;

peza a peza urdindo a tea de Penélope, facendo e desfacendo,

mais medida xa en decenios.

Estreiteces, avatares, ditas, desgustos, aplausos,

nomes que van e que veñen,

que se achegan, que experimentan, que agora permanecen

dando consistencia ao que un día foi proxecto desexado.

Dende aquel seis do once do dous mil seis en que naceu para medrar,

día a día, despois dalgún aborto benquerido e bagoado.

Hoxe é presente xa maduro e será futuro con certeza!

Feliz aniversario, Escola Municipal de Teatro!

O TEATRO EN VILALBA DE ANIVERSARIO

O TEATRO EN VILALBA DE ANIVERSARIO

A Escola de Teatro vilalbesa vai celebrar os seus dez primeiros anos de existencia. Comezará a celebración cunha exposición que se realizará na sala de Exposicións do Auditorio Municipal Carmen Estévez, dende o vindeiro 10 de marzo até o 31 deste mesmo mes. Nesta exposición amosaranse os carteis de todas as obras que estreou a escola vilalbesa nesta década, de todos os grupos (nenos ou adultos), ademais de obxectos de atrezo, vestiario e unha colección de fotografías das representacións, os seus ensaios e outras actividades nas que participou na capital chairega, en distintos eventos como as feiras medievais, o San Xoán ou o Enterro da Sardiña.

Por outra banda, o concelleiro de Cultura vilalbés,  José Antonio Pita, salientou, durante a presentación de ditos actos de celebración, o agradecemento «polo traballo dos últimos anos a María Xosé Lamas, a través do Centro Dramático Vilalbés, Teresa Castro, Cristina Mariño e, agora, Guillermo Cancelo e Iria Acevedo», que permitiu levar a cabo «un gran labor a nivel social e, tamén, de integración, xa que participan rapaces do centro ocupacional».
Engadiu que dende o Concello están «encantados» co funcionamento da Escola de Teatro e a boa disposición que manifestan os seus compoñentes ante calquera acto que lles demandan. Na actualidade, a Escola de Teatro de Vilalba conta cuns 40 alumnos, que se reparten en dous grupos infantís, un xuvenil e outro de adultos.
Asemade, nesta mesma fin de semana celebrarase a XVIII Mostra de Teatro de Vilalba, que contará con dúas representacións. A primeira, o sábado 11, ás 21.00 horas, a cargo da escola municipal de A Pontenova, que representará a peza A horta das cerdeiras. Mentres que o grupo de teatro municipal de Castro de Rei escenificará o domingo 12, a partir  das 19.00 horas, a obra Full Monte. A entrada para asistir como espectador a ámbalas dúas pezas será de balde.