por Suso De Lameliña | Jul 18, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
AFORISMOS
MUSAS
Esas deusas promiscuas que cando estás en celo non se deixan ver.
NUBES
O ceo sería como un lenzo baleiro se non fose polas nubes, cambiantes e caprichosas.
PRIMEIRA VEZ
As nosas vidas están cheas de primeiras veces. A súa ausencia é a antesala da morte.
MALAS COMPAÑÍAS
Cómpre elixir ben as malas compañías. O éxito ou o fracaso nesta vida depende desta decisión.
FILÓSOFOS
Se de alguén hai que desconfiar é dos filósofos. Cando menos o agardas sacan a munición oculta na gabeta. E dio alguén que conta a filósofos entre os seus mellores amigos.
PANTASMAS
O que máis me anoxa das pantasmas é o seu aire de superioridade, sempre mirándote por riba do ombreiro e sen dirixirche nunca a palabra.
POETAS
Os poetas son como as abellas: van de flor en flor á procura de inspiración.
por Suso De Lameliña | Jul 5, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
DE ENTERROS E CABODANOS
Confeso que as misas non son santo da miña devoción. Xa me chagaron os anos da nenez e puberdade para doparme de lecturas apostólicas, oracións e sacramentos. Actualmente só asisto en circunstancias excepcionais, por compromiso social, xeralmente funerais.
As liturxias de hoxe non son coma as de antes; unha hora de duración xa non é a norma. Hai misas que apenas duran dez minutos, como se o crego ansiase rematala tan pronto se santigua. Este breve tempo aprovéitoo para abstraerme e pensar en asuntos persoais. Non é a miña intención ser irrespetuoso, pero é habitual que os meus pensamentos se dirixan a temas máis terreais, como pode ser o sexo (o pecado da carne, segundo eles), se cadra como reacción subconsciente a restricións, outrora impostas.
Non obstante, hai tres excepcións, nos que retorno á realidade para concentrarme na cerimonia. O primeiro cando o párroco pronuncia unhas palabras que hoxe en día dificilmente se podían cualificar de sermón. Sempre resulta interesante descubrir as intencións do mensaxeiro divino.
O segundo o intercambio de paz, no que por cortesía retorno do meu mundo luxurioso e comezo a saudar “a todo deus”, nunca mellor dito.
Finalmente, durante a comuñón. Aparto da mente aquela moza que estaba tan boa e que coñecín na “Tasca”, na rúa da Cruz e trasládome a unha tribu africana, por iso do canibalismo e de comer o corpo de Cristo. Por certo, daquela moza que estaba tan boa cheguei a namorarme, pero por desgraza nunca me fixo ningún caso.
E co desexo de que marchemos en paz por parte do señor cura saio ao atrio saudar amigas e amigos, case sempre rematando por tomar algo no bar de costume. E ata o próximo enterro ou cabodano no que, vai saber ti,que figura etérea do pasado fará acto de presenza, a ben seguro desprovista de saba.
por Suso De Lameliña | Jun 21, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
O LOBISHOME DE CERVANTES
Conta a lenda que vai tempo,
polas terras de Cervantes,
un lobishome arnal
grandes estragos facía.
Moitos años e carneiros
levaba xa degolado,
mais ninguén era capaz
de a vista botarlle encima.
Por aquel entón moraba,
nunha aldea das montañas,
desta bisbarra ancaresa,
un home de gran carácter.
Ía xa para ben tempo
que o fillo deste veciño
da súa aldea faltaba,
ninguén sabía o por que.
Estaba o pai preocupado,
razón non daba do caso,
ata que un día lembrouse
dunha maldición pasada.
Conta a xente da contorna
que a historia que sucedeu,
máis ou menos veu a ser,
a que aquí vos participo.
O home de quen falamos,
como xa dixen denantes,
era xoto de carácter,
enrabechaba por todo.
Era un mozallón o fillo,
bo rapaz, traballador,
a quen lle gustaba a festa
para as nenas cortexar.
Cada cousa a seu tempo,
era a opinión do mancebo,
mais o pai non concordaba
con este dito e rifaban.
Un día o enfrontamento
alcanzou cotas maiores.
Á festa de Pedrafita
o mozo arelaba ir.
O pai teimaba que había
unha queima que facer,
o fillo que era pecado,
en festivo traballar.
Ninguén quería ceder,
pai e fillo se enlearon
nunha forte discusión.
Exaltado o vello dixo:
-Vaite, vaite para festa,
e permita Deus que andes
atrás das lobas, o mesmo,
coma tras das mozas vas”
Nunca tal dixera o home!
Pasadas xa unhas noites,
desacougado o rapaz,
cara o monte colleu rumbo.
En chegando a un lamazal
envorcallouse na herba,
polo orballo humedecida.
Creto non daba do feito.
Cando tratou de se erguer,
xa non o puido facer,
e a catro pés a correr,
presto botou para o cume.
O pai co paso do tempo
lembrouse da maldición
e a unha que por meiga tiñan,
decidiu ir consultar.
Moi mal lle prestou á vella
o que lle fixera ao mozo,
non hai peor maleficio
que o dun pai para o seu fillo.
-Non se pode maldicir
xamais o teu propio sangue.
Sangue lle has de facer
pero sen dano causar.
Isto foi o que a bruxa,
severa, lle dixo ao vello,
este moi meditabundo
para a casa se marchou.
Polo camiño acordou,
que ao monte debía ir
na mesma noite seguinte
sen máis tempo que perder.
Armado cun bo coitelo,
levou consigo un rexelo,
na procura daquel lobo
no que o fillo se volvera.
A carón dunha toxeira
atou o coitado año,
agochándose entre as uces,
a faca, xa preparada.
A media noite o rexelo
comezou a estarrecer,
era o lobo que chegaba
a trabar en carne mol.
En vendo isto, o ancián,
virándose cara o lobo,
no lombo espetoulle o ferro;
grande cortada lle fixo.
Ao colo, botoulle os brazos,
exclamando – Fillo, fillo!
e pedíndolle perdón.
Moito salaiaba o vello!
Entón o pelexo do lobo
pola ferida se abriu,
desprendéndose do corpo
coma se for un folecho.
Tras unha sacudidiña
e un enlamarse entre as uces,
por fin de novo o rapaz
recuperou o seu ser.
Desta maneira remata
a historia do lobishome,
non sei o que hai de certo,
a min así mo contaron.
por Suso De Lameliña | Jun 8, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
ALASCA
Creo que xa llo contei outra vez, doutor. O meu alcume non lle vén polo estado de USA, nin pola cantante. De feito é Alasca con “c” e non con “K”. Foille cousa de Darío, e remóntase a cando íamos en primaria. O señor cura, que nos impartía doutrina católica, decidiu formar un coro para as misas. Eu estaba moi animada, admiraba moito a Marta Sánchez e soñaba con ser de maior cantante. Tiña todos os discos de “Olé Olé” e na casa sempre estaba cantando —ben, cantar é un dicir, xa verá por que—temas como “No controles”, “Lili Marlene” ou “Voy a mil”. Así que me apuntei ao coro e resultou ser un desastre.
Ao segundo día, D. Remixio díxome: “Mira Elisa, o teu non é o canto, polo que é mellor que de agora en diante estés caladiña. Podes seguir no coro, pero só movendo os labios, facendo coma se cantases”. Asistín a dous ensaios máis, pero sentinme tan mal que abandonei, humillada e avergonzada- O único consolo veu de Darío, que achegándose a min dixo:
—Non fiques triste, Alasca; vales máis ca todas as rapazas da vila.
—Oes, e por que me chamas Alasca? —pregunteille
—Pensa no teu nome e apelidos, e daraste conta— contestoume.
E ao intre decateime; por suposto non tiña nada que ver con Alaska. (Amaia Lasarte Carreira:Alasca). O meu pai é de Zumaia, de aí o meu nome e o primeiro apelido.
Coitado de Darío, canto me quería! E como lle teño xa contado, D. Paulino, desde aquela fixémonos inseparables, ata converterse o noso, xa de adolescentes, nunha relación de parella que durou máis de dez anos. Que dedos, doutor, os daquel mozo, e que lingua. Como lle gustaba xogar co meu clítoris, que acababa por poñermo duro como ninguén o conseguía; ben, se exceptuamos a Sofia. Aínda hoxe con só lembrarme me corro, doutor. Estabamos no auxe da xuventude e xa se sabe, fodíamos en calquera momento e lugar. Tempos aqueles, divina xuventude!
Despois aparecería Sofía nas nosas vidas. Ao principio foinos moi ben. Entendiámonos os tres a perfección e sen asomo de celos. Cantas veces me teño ido, simplemente vendo como lla metía a Sofía mentres, móbil en man, os gravaba. Aínda conservo algúns vídeos. Ben o sabe, D. Paulino, pois xa os temos visto xuntos e ben que lle agradan.
Pero, aínda ben non sei por que, sería a rutina de tantos anos, comecei a cansarme de Darío, ao tempo que cada vez me tiraba máis a cona de Sofía. Acabamos por romper e quedar as dúas soas. Sofía non era só a miña amante, senón que tamén era a miña xefa; a dona de “AsesoraGest”. Foron anos marabillosos, pero todo o bo ten un fin. Nos últimos meses a cousa non pintaba nada ben. Eu cada vez estaba peor, totalmente dominada polo alcohol e sobre todo pola coca. Sofía non cesaba de rifarme e eu non soamente non lle facía caso, senón que me ría na súa cara. “ Vas acabar mal, nena. Non podes seguir así. E xa non é só por ti, é tamén por min. Eu non aguanto máis e calquera día destes mándote á merda”, adoitaba dicirme, día si e día tamén. E acabou por estourar todo dun xeito inusitado, unha mañá de principios de xuño. E todo por culpa daquel cliente, un italiano de Nápoles que tiña unha casa rural pola Ribeira Sacra. Que bo estaba o cabrón! Mentres lle cubría uns impresos comezou achegarse a min, solermeiro, coma quen non quere a cousa, e non puiden resistirme. Ía tempo que non probaba un mango, desde que deixara a Darío, case dous anos, así que o agarrei pola man e leveino ao baño. Se lle conto, doutor. Nunca tan ben me sentou un “polvo” como aquel; nunca, doutor, xúrollo. Nin con Darío nin con Sofía me sucedeu cousa igual e mire que teño gozado ben. Con só pensalo, humedécenseme as bragas, mi madriña! E xusto cando estabamos saíndo do niño de amor, entra Rosa, que viña de tomar o café e cázanos a medio vestir, acabando de arranxarnos. Non dixo nada, pero pola cara que puxo fun consciente de que o noso tocara ao seu fin. Agardou que marchara o cliente, e dirixíndose a min nun ton serio e seco sentenciou:
—Podes marchar tomar o café e non volvas máis. Esta tarde ou mañá vou polo piso, recollo as miñas cousas e marcho para xunto os meus pais. Para a semana o luns ou o martes pasas por aquí a recoller o finiquito.
E da noite para a mañá quedei sen “curro”. Un ano de paro e enganchada á droga coma nunca, agora con máis motivo, pois atopábame moi soa e deprimida. Foi entón cando a miña veciña Luisa me botou unha man. Ben deitei dela, D. Paulino, que boa muller lle é. Mais como o asunto cada vez ía a peor, acabou convencéndome de ingresar nesta súa clínica, doutor, que tan boa fama ten.
Ai!, D. Paulino, non sexa malo, que me está poñendo coma unha moto. Aínda vai entrar dun momento a outro unha enfermeira e a que se pode armar; non me vaia pasar coma con aquel cliente. Que vergoña, doutor! Pero siga, siga. Xa que empezou. Cada día que pasa gústame máis o novo método que decidiu aplicarme desde que se esqueceu de Freud e de toda esa mandanga. Abofé, que a este paso, pronto vou estar curada. Xa deixei os “gin tonic” e case non consumo coca. Cando estea ben, vai ter que facerme un oquiño na súa clínica, de auxiliar, ou secretaria, do que vostede considere. Pero siga, doutor, non nota que duras se me están poñendo as tetas. Siga, siga…, non se corte, que o está facendo moi ben. Ai!, doutor, ben deito de vostede. Que sería de min sen o seu consolo e sen as súas mans tan delicadas.
por Suso De Lameliña | May 24, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
FRECHAZO
Tería uns dezasete ou dezaoito anos cando, atopándome na Mariña lucense, decidín ir cuns amigos á festa de San Pedro de Benquerencia. Os que me coñecen ben saben que iso do baile nunca me entusiasmou, nin agora tampouco, polo que decidín arrimarme a un chiringuito e tomar algo.
Nada máis chegar, xa a vin. Estaba alí, soa, con porte altivo, de aquí estou eu, como se fose a dona do lugar. Non lle prestei máis atención e pedín unha cervexa. Tras un trago, volvín a vista cara a ela que, con ollos grandes e curiosos, fixamente me observaba. Ao momento fun consciente de que algo especial acababa de acontecer. Ela, sen dicir nada, comezou a rozarse contra min. Eu non ía ser menos e, en resposta, comecei a acariñala.
Cando estabamos no mellor do noso tímido encontro, unha voz desafiante interrompeu o idilio:
—Claudia! Condenada, pero onde te metiches? Sempre igual, vaia susto. Que sexa a última vez que me fas isto!
E ela, sumisa e obediente, pero cun último ollar cómplice cara a min, arrincou miañando cara a quen debía ser a súa dona e deixoume só coa San Miguel na man, pensando naquela conexión máxica que só unha gata pode provocar.