Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ELVIS PRESLEY SEGUE VIVO

Hai historias que te resistes a contar porque son tan fóra do común que temes que te traten de tolo. Isto foi o que me pasou este pasado mes de abril e que hoxe, despois de darlle moitas voltas, atrévome a compartr con vós.

Quedara cun amigo de Santalla de Ozcos a xantar no Cantábrico, na Fonsagrada. Mentres esperaba por el, tomando uns viños pola vila, recibo unha chamada súa dicíndome que por un imprevisto non podía acudir á cita.

Seguín de peregrinación polos bares e, segundo entro no Avenida, atópome cuns amigos que levaba tempo sen ver, co que iso supuxo de beber unhas cantas cuncas de máis. Xa sabedes como é ir á Fonsagrada.

Preto das dúas e media e co apetito minguado polo exceso de etílico, por fin estou no restaurante. Xusto na mesa de en fronte, tres homes e unha muller, todos eles arredor dos oitenta anos. Fico ollando para un que me soa de algo, pero non acerto a lembrar de que. Déixoo pasar, pero xa cando estabamos na sobremesa, nun momento dado, cruzámonos as nosas miradas. Foi como unha aparición sobrenatural. Aquela mirada e aqueles ollos azuis non podían ser máis ca del. Polo xeito como me mirou souben que se decatara de que o recoñecera. Terminei de xantar e, cando me ía marchar, ergueuse e achegándose a min, case nun murmurio, díxome:

—Xa sei que sabes quen son, pero por favor non digas nada. De todos modos, se o contas, ninguén che vai crer, pero por se acaso cala a boca. Agradeceríacho, levo anos de incógnito. Todos cren que son un inglés acaudalado, que foi o que inventei para a miña nova vida.

Saín de alí sen dar creto ao que me viña de pasar. Era o mesmiño, Elvis Presley. Que razón tiñan os que aseguraban que non morrera. O que ninguén se imaxinaba era que se agochara na Fonsagrada. Despois preguntei por el e contáronme que era un inglés que vivía nunha aldea preto da vila, desde ía para máis de vinte anos. Que enseguida se adaptara e que mesmo, moi rápido, aprendera falar galego. Do que vivía, ninguén o explicaba, pero debía ser de boa familia, pois cartos non lle faltaban. 

Nada dixen, coma el me pedira, ata hoxe, que xa non aguantei máis e tiven que contalo, iso si, sen dar máis detalles, que xa din abondos. Agora chamádeme tolo, se queredes, pero eu xa me desafoguei.