Tanxugueiras recibe no SonRías Baixas o Sinxelo de Ouro por ‘Terra’

SonRías Baixas 2022. Rocío Cibes. 06/08/22

Tanxugueiras recibe no SonRías Baixas o Sinxelo de Ouro por ‘Terra’ 

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro recibiron esta noite, de sorpresa, o recoñecemento acadado a finais do mesde febreiro ao sumar máis de 12 millóns de reproducións nas plataformas dixitais polo tema co que conquistaron ao público no seu paso polo Benidorm Fest

Tanxugueiras presentou esta tarde ‘Diluvio’, o seu novo disco, na 19ª edición do festival SonRías Baixas. No marco da súa actuación, logo de interpretar temas como ‘Arica’, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro recibiron por sorpresa, ante o público do Morrazo, o recoñecemento do Sinxelo de Ouro polo seu tema ‘Terra’, outorgado por GFK e Promusicae ao superar, xa a finais do pasado mes de febreiro, máis de 30.000 copias vendidas, o que se traduce, aproximadamente, en máis de 12 millóns e medio de reproducións en plataformas dixitais.   
 
‘Terra’, publicado o 21 de decembro de 2021, é o sinxelo co que Tanxugueiras participou no certame Benidorm Fest, resultando a proposta máis votada polo público. O sinxelo, un canto á diversidade e ao recoñecemento da música de raíz galega, supuxo un auténtico fito para a música tradicional do país no momento do seu lanzamento, acadando máis de 500.000 escoitas tan só nas primeiras 24 horas desde a súa publicación. Delas 350.00 foron en Youtube, plataforma na que se posicionou, co seu lyric video oficial,como número 1 en tendencias xerais e número 3 nas de vídeos musicais. 

Dous meses despois do seu lanzamento, a finais do mes de febreiro e após o seu paso polo Benidorm Fest, certame no que resultou a proposta máis votada polo público, ’Terra’ superou os 12 millóns de reproducións nas plataformas. A día de hoxe, o sinxelo suma máis de 30 millóns. Co gallo da recente publicación de ‘DILUVIO’ e a súa primeira presentación oficial nun festival desde que saíu á venda o pasado 29 de xullo, a discográfica Calaverita Records e a súa axencia de management, PlayPlan Cultural, quixeron sorprender esta noite as cantareiras “na súa casa”, como sinalou Jordi Lauren, codirector do festival. 

20220806-NP-Tanxugueiras-SINXELO-OURO

O SonRías Baixas acolle este venres a última actuación do verán en Galicia de Kase.O antes da súa retirada dos escenarios 

SonRías Baixas acolle este venres a última actuación do verán en Galicia de Kase.O antes da súa retirada dos escenarios

Rayden, Ciudad Jara, Buhos, Bala, Emlan e García Mc & Nación Quilombo completan o cartel da segunda xornada do festival

A península do Morrazo acollerá este venres un dos momentos máis especiais da 19ª edición do festival Sonrías Baixas. O mítico rapeiro Kase.O, considerado un dos mellores MCs do rap en castelán, ofrecerá en Bueu o seu último concerto en Galicia deste verán antes da súa retirada dos escenarios, anunciada esta primavera. 

Kase.O, quen xa visitou no 2021 o recinto Multiusos da Estacada -nun concerto vibrante no que esgotou todas as entradas dispoñibles-, regresa este verán para celebrar unha despedida ao ritmo dun dos proxectos musicais ao vivo máis aclamados do rap hispano dos últimos anos: ‘JazzMagnetism’, unha proposta na que o MC explora a fusión entre xéneros fondamente marcados pola capacidade de improvisación e a calidade artística: o jazz e o hip hop. 

Alén desta despedida, o SonRías propón para esta segunda xornada un cartel marcado polo seu habitual  espírito festivo, cheo de potencia e enerxía. O festival acollerá a actuación de Rayden no marco da xira do seu 20º aniverario sobre os escenarios. O rapeiro e artista multidisciplinar presentará en Bueu o seu último álbum, ‘Homónimo’, que inclúe éxitos como ‘El mejor de tus errores’ ou ‘La mujer cactus y el hombre globo’.

Catro bandas darán a coñecer este venres no SonRías os seus traballos discográficos máis recentes. No caso de Ciudad Jara, o novo proxecto musical de Pablo Sánchez (La Raíz), volve a Bueu neste 2022 para presentar ‘Cinema’ nun potente espectáculo. Enérxico é tamén o cualificativo que define o directo de Bala, o dúo conformado por Anxela Baltar e Violeta Fernández. Logo dun pequeno parón, o grupo -unha das bandas de referencia do stoner e metal alternativo na actualidade- xira por escenarios de todo o país para dar a coñecer o seu terceiro traballo, ‘Maleza’, publicado o ano pasado. A noite tamén contará co rapeiro García Mc, quen convidará ao público do festival a percorrer unha estimulante travesía sonora polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’, un show ecléctico e fiado con maestría no que se citan estilos como o reggae, o latin ou o hip hop. Coma el, o músico e produtor Arnau Moreno, Emlan, dará a coñecer o seu disco ‘Nuestro plan’, cun novo e sorprendente espectáculo de rock e pop, na que será a súa primeira actuación en territorio galego. 

O cartel deste venres completarase coa actuación de Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña na actualidade. Cun espectáculo ateigado de rock e mestizaxe musical, a banda ofrecerá no SonRías a súa única actuación deste verán en Galicia, na que avanzará os temas que darán vida ao seu novo e esperado próximo disco.


AXENDA SONRÍAS BAIXAS – VENRES 5

19.00 horas | Apertura de portas

20.00 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Bala
21.00 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | García Mc & Nación Quilombo
22.00 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Kase.O JazzMagnetism
23.30 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | Ciudad Jara
00.40 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Rayden
02.00 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | Emlan
02.50 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Buhos

20220804-NP-Axenda-SonRias-venres-5

SonRías Baixas 2022 propón tres xornadas intensas de música para gozar do Morrazo na primeira fin de semana de agosto

O evento, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu, incorpora no seu cartel unha sesión vermú con Grande Amore e La Duendeneta e pon á disposición do público os últimos abonos e entradas á venda na web www.sonriasbaixas.info  
 
A gran cita da península do Morrazo coa música ao vivo contará con dous escenarios nos que se celebrarán vinte concertos de Kase.O Jazzmagnetism, Tanxugueiras, Rayden, La M.O.D.A., Delaporte, Rels B, Arnau Griso, Ciudad Jara, Eskorzo, Sofía Gabanna, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino, Cool Nenas, Buhos, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra 

En dez días dará comezo a gran cita da música ao vivo no Morrazo deste verán. O festival SonRías Baixas 2022, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu, deu a coñecer esta mañá a súa programación completa, un cartel ecléctico, festivo e dinámico que contará con Kase.O Jazzmagnetism, Tanxugueiras, Rayden, La M.O.D.A., Delaporte, Rels B, Arnau Griso, Ciudad Jara, Eskorzo, Sofía Gabanna, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino, Cool Nenas, Buhos, García Mc & Nación Quilombo, Balkan Paradise Orchestra e as dúas últimas incorporacións reveladas esta mañá: Grande Amore e La Duendeneta. O evento propón así un programa amplo e variado, que combina artistas consolidadas con bandas emerxentes, facendo fincapé na intención de chegar a todos os públicos ao incluír no seu lineup estilos diversos como o rap, o rock, o stone, as músicas de raíz ou mesmo o pop. Ademais, SonRías Baixas será o marco no que 11 bandas e artistas presenten os seus novos shows ou traballos discográficos. 

  
A praia de Beluso acolleu este martes 26 a presentación da 19ª edición do festival. O acto contou coa participación do equipo que dirixe SonRías Baixas, Jordi Lauren e Berta Dominguez; ademais do director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; da deputada provincial de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias; e do concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal. Tal e como apuntou Jordi Lauren, serán “tres xornadas intensas de música, gastronomía, praia e lecer no corazón das Rías Baixas”. “O Sonrías é un evento que pon en valor o territorio como destino turístico, musical e cultural. Apostamos por un modelo de festival responsable, sostible e de futuro. Facilitaremos que as e os milleiros de asistentes gocen dun evento de gran formato no que poden gozar do turismo de sol e praia, á vez que permite achegar o talento de artistas galegas emerxentes e favorece a o fortalecemento da ‘economía km 0’ a través da colaboración con provedores de proximidade ”, salientou o co-director. 

 
Pola súa banda, Berta Dominguez lembrou que SonRías Baixas é un dos festivais galegos “que cada ano suma máis público novo” e que moitas das asistentes “gozarán no 19º SonRías do seu primeiro festival”. A co-directora destacou a recuperación do gran formato do evento, con dous escenarios (Turismo Rías Baixas e Xacobeo 21-22), a presenza significativa de mulleres programadas no cartel e anunciou a incorporación dunha sesión vermú o sábado 6, que contará coa música de dúas figuras imprescindibles da escena galega na actualidade:  Grande Amore e La Duendeneta.  

Ademais, Domínguez lembrou que aínda é é posible adquirir os últimos abonos ou entradas de día a través da páxina web oficial www.sonriasbaixas.info. O abono (desde 50 euros máis gastos de xestión) inclúe acceso á zona de acampada, situada a 150 metros da praia, e as entradas de día (desde 30 euros máis gastos de xestión) permiten asistir a xornadas concretas do evento. 

 
O director da Agadic saudou a aposta polo traballo en común con empresas localis e a programación do evento, que cualificou de “espectacular”. Á vez, destacou a participación das artistas emerxentes de Galicia. Pola súa banda, a deputada de Turismo salientou o “compromiso claro” coa igualdade e o medio natural do festival, “un evento de referencia para a xente nova”. Ao fío, sinalou que o evento tamén incluirá un concerto no marco do programa provincial Descúbreas, e que o recinto contará cun stand da Deputación de Pontevedra para de prevención das violencias machistas. Finalmente, o concelleiro de Cultura de Bueu apuntou a diversidade da oferta para todos os públicos e valorou a traxectoria do evento. “Non é algo que xurdiu neste momento. Agora recolle o sementado ao longo de moitos anos nos que a equipa traballou arreo”, aseverou Leal.  

Programación por días 
  

Os concertos do 19º SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. O cartel do xoves destaca pola presenza do dúo electropop Delaporte, que dará a coñecer ‘Abril’, o seu último traballo discográfico, e do magnetismo único e pop urbano de Rels B, quen aúna decenas de millóns de seguidores en todo o mundo. Sobre o escenario do Multiusos da Estacada tamén estarán Sofía Gabanna, unha das grandes promesas do rap arxentino: JazzWoman, rapeira valenciana sempre disposta a abordar nos seus temas a denuncia social e o empoderamento feminino e que participará por vez primeira nun festival galego; Maurino, quen amosará por primeira vez en Galicia o seu future latin, e a rebordate enerxía de Cool Nenas (Mariagrep, Dani Costas e Kimberley Tell), sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta. 

  
venres 5 o SonRías continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que regresa a Bueu co seu proxecto ‘Jazz Magnetism’, despois de esgotar as entradas do anto pasado, e na que será a súa última actuación en Galicia antes da súa retirada dos escenarios; o rapeiro Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais, e que chega ao festival coa súa xira do 20º aniversario; ou Ciudad Jara, o proxecto musical de Pablo Sánchez (La Raíz), que presenta nun potente directo o seu novo disco, ‘Cinema’.  A noite do vernes tamén contará coas actuacións de Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña na actualidade e que unicamente estará en Galicia no marco do SonRías; Bala, destacado dúo galego da escena do rock/metal alternativo que dará a coñecer o seu último disco, ‘Maleza’; Emlan, na súa primeira actuación en territorio galego cun novo e sorprendente espectáculo de rock e pop; e García Mc & Nación Quilombo, que proporá ao público unha estimulante viaxe polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’.  
 

A programación pecharase o sábado 6 con Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a revolucionar a música tradicional galega e na que será a primeira actuación nun festival logo do lanzamento do seu novo disco, ‘Diluvio’; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, e que presentará o ‘Nuevo Cancionero Burgalés’ no SonRías -na súa única cita na provincia de Pontevedra deste verán-; ou Arnau Griso, no que será o seu derradeiro concerto ante o público galego. Completan o cartel desta terceira xornada de SonRías Eskorzo, unha das bandas pioneiras do movemento mestizo en España e que está a celebrar o seu 25º aniversario; Sara Hebe, coa única data confirmada para Galicia este verán e na que presentará o seu último disco, ‘Sucia Estrella’; Balkan Paradise Orchestra, big band formada integramente por mulleres nas que os ventos e as percusións farán bailar ás e aos asistentes; e Suu, unha das novas voces catalanas máis destacadas da actualidade e quen dará a coñecer ‘Karaoke’. 

 
SonRías Baixas 2022 é un festival promovido pola promotora PlayPlan Cultural. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu, Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, RíasBaixas Fest e Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e do programa FEST Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila. 

20220726-NP-GAL-SonRias-Baixas-2022