Tanxugueiras recibe no SonRías Baixas o Sinxelo de Ouro por ‘Terra’
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro recibiron esta noite, de sorpresa, o recoñecemento acadado a finais do mesde febreiro ao sumar máis de 12 millóns de reproducións nas plataformas dixitais polo tema co que conquistaron ao público no seu paso polo Benidorm Fest
Tanxugueiras presentou esta tarde ‘Diluvio’, o seu novo disco, na 19ª edición do festival SonRías Baixas. No marco da súa actuación, logo de interpretar temas como ‘Arica’, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro recibiron por sorpresa, ante o público do Morrazo, o recoñecemento do Sinxelo de Ouro polo seu tema ‘Terra’, outorgado por GFK e Promusicae ao superar, xa a finais do pasado mes de febreiro, máis de 30.000 copias vendidas, o que se traduce, aproximadamente, en máis de 12 millóns e medio de reproducións en plataformas dixitais.
‘Terra’, publicado o 21 de decembro de 2021, é o sinxelo co que Tanxugueiras participou no certame Benidorm Fest, resultando a proposta máis votada polo público. O sinxelo, un canto á diversidade e ao recoñecemento da música de raíz galega, supuxo un auténtico fito para a música tradicional do país no momento do seu lanzamento, acadando máis de 500.000 escoitas tan só nas primeiras 24 horas desde a súa publicación. Delas 350.00 foron en Youtube, plataforma na que se posicionou, co seu lyric video oficial,como número 1 en tendencias xerais e número 3 nas de vídeos musicais.
Dous meses despois do seu lanzamento, a finais do mes de febreiro e após o seu paso polo Benidorm Fest, certame no que resultou a proposta máis votada polo público, ’Terra’ superou os 12 millóns de reproducións nas plataformas. A día de hoxe, o sinxelo suma máis de 30 millóns. Co gallo da recente publicación de ‘DILUVIO’ e a súa primeira presentación oficial nun festival desde que saíu á venda o pasado 29 de xullo, a discográfica Calaverita Records e a súa axencia de management, PlayPlan Cultural, quixeron sorprender esta noite as cantareiras “na súa casa”, como sinalou Jordi Lauren, codirector do festival.
20220806-NP-Tanxugueiras-SINXELO-OURO