SonRías Baixas acolle este venres a última actuación do verán en Galicia de Kase.O antes da súa retirada dos escenarios

Rayden, Ciudad Jara, Buhos, Bala, Emlan e García Mc & Nación Quilombo completan o cartel da segunda xornada do festival

A península do Morrazo acollerá este venres un dos momentos máis especiais da 19ª edición do festival Sonrías Baixas. O mítico rapeiro Kase.O, considerado un dos mellores MCs do rap en castelán, ofrecerá en Bueu o seu último concerto en Galicia deste verán antes da súa retirada dos escenarios, anunciada esta primavera. 

Kase.O, quen xa visitou no 2021 o recinto Multiusos da Estacada -nun concerto vibrante no que esgotou todas as entradas dispoñibles-, regresa este verán para celebrar unha despedida ao ritmo dun dos proxectos musicais ao vivo máis aclamados do rap hispano dos últimos anos: ‘JazzMagnetism’, unha proposta na que o MC explora a fusión entre xéneros fondamente marcados pola capacidade de improvisación e a calidade artística: o jazz e o hip hop. 

Alén desta despedida, o SonRías propón para esta segunda xornada un cartel marcado polo seu habitual  espírito festivo, cheo de potencia e enerxía. O festival acollerá a actuación de Rayden no marco da xira do seu 20º aniverario sobre os escenarios. O rapeiro e artista multidisciplinar presentará en Bueu o seu último álbum, ‘Homónimo’, que inclúe éxitos como ‘El mejor de tus errores’ ou ‘La mujer cactus y el hombre globo’.

Catro bandas darán a coñecer este venres no SonRías os seus traballos discográficos máis recentes. No caso de Ciudad Jara, o novo proxecto musical de Pablo Sánchez (La Raíz), volve a Bueu neste 2022 para presentar ‘Cinema’ nun potente espectáculo. Enérxico é tamén o cualificativo que define o directo de Bala, o dúo conformado por Anxela Baltar e Violeta Fernández. Logo dun pequeno parón, o grupo -unha das bandas de referencia do stoner e metal alternativo na actualidade- xira por escenarios de todo o país para dar a coñecer o seu terceiro traballo, ‘Maleza’, publicado o ano pasado. A noite tamén contará co rapeiro García Mc, quen convidará ao público do festival a percorrer unha estimulante travesía sonora polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’, un show ecléctico e fiado con maestría no que se citan estilos como o reggae, o latin ou o hip hop. Coma el, o músico e produtor Arnau Moreno, Emlan, dará a coñecer o seu disco ‘Nuestro plan’, cun novo e sorprendente espectáculo de rock e pop, na que será a súa primeira actuación en territorio galego. 

O cartel deste venres completarase coa actuación de Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña na actualidade. Cun espectáculo ateigado de rock e mestizaxe musical, a banda ofrecerá no SonRías a súa única actuación deste verán en Galicia, na que avanzará os temas que darán vida ao seu novo e esperado próximo disco.


AXENDA SONRÍAS BAIXAS – VENRES 5

19.00 horas | Apertura de portas

20.00 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Bala
21.00 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | García Mc & Nación Quilombo
22.00 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Kase.O JazzMagnetism
23.30 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | Ciudad Jara
00.40 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Rayden
02.00 horas, Escenario Turismo Rías Baixas | Emlan
02.50 horas, Escenario Xacobeo 21-22 | Buhos

20220804-NP-Axenda-SonRias-venres-5